Unha fantasía recorrente da ciencia ficción é a implantación de diminutos elementos nos cerebros das persoas, que servirían para controlar e dirixir as nosas accións e emocións. Vaia por onde vaia o desenvolvemento tecnolóxico nese sentido, na natureza hai millóns de anos que eses trucos están inventados. Parasitos de diferentes tipos son capaces de modificar o comportamento dos organismos que os aloxan, que deixan de actuar pola conservación dos xenes propios para converterse en promotores dos alleos.
Toxoplasma gondii é un dos parasitos máis frecuentes en humanos. Vive aloxado en aproximadamente un terzo das persoas, tanto a nivel global como en Europa. Aínda así, a maioría só sabemos da súa existencia durante os embarazos, cando a muller xestante recibe indicacións sobre se pode comer xamón ou outras carnes crúas. Pero todos os indicios apuntan a que o seu papel é moi importante en moitos aspectos das nosas vidas.
Os felinos
O toxoplasma é un protozoo, un ser unicelular tan pequeno que se aloxa dentro das células de animais. Este parasito só se reproduce sexualmente no intestino dos felinos (os hospedadores definitivos), pero ten un ciclo de vida complexo, con períodos aloxados nun amplo abanico de animais, desde aves a crocodilos e de roedores a cetáceos. Isto inclúe aos humanos.
Os hospedadores intermedios adquirimos o toxoplasma ao inxerir os seus oocistos (algo así como os seus ovos), a través de superficies ou alimentos contaminados con excrementos de felinos, ou ben ao inxerir a outros hospedadores intermedios xa infectados.
O que fai o toxoplasma ao entrar no corpo dos hospedadores intermedios é moi sorprendente. Comeza a reproducirse asexualmente e, dalgunha forma, toma o mando do noso sistema inmune, promovendo unha resposta específica que fai que o parasito forme quistes en diferentes tecidos, con preferencia polo cerebro.
Resposta inmune deficiente
Cando a resposta inmune é deficiente, como ocorre con fetos ou persoas inmunodeprimidas (por exemplo, con VIH), o toxoplasma non se enquista e prolifera no hospedador intermedio, o que xera unha grave enfermidade. Cando si se dá a resposta inmune, o proceso de infección e formación de quistes resulta asintomático ou xera molestias leves.
En persoas cunha resposta inmune deficiente pode provocar unha enfermidade grave
Estes quistes quedan á espera de que un felino coma ao hospedador intermedio, o que daría lugar a unha nova poboación de toxoplasma. Pero a espera dista moito de ser pasiva. O toxoplasma fai todo o que pode para que ese evento de depredación se produza. E pode facer moito.
Ratos kamikazes, motoristas sen casco
Coñécense razoablemente ben os cambios de comportamento que os quistes de toxoplasma inducen en ratas e ratos. Como norma xeral, sen toxoplasma, os roedores tentar minimizar a probabilidade de ser comidos polos depredadores. Para iso, transitan por lugares resgardados e afástanse de calquera evidencia da presenza de felinos.
Cando un roedor aloxa quistes de toxoplasma empeza a mostrar comportamentos temerarios, expoñéndose en zonas abertas e acudindo a lugares aromatizados por feces e ouriños de gato. Comportamentos igualmente desinhibidos asociados ao toxoplasma danse en hienas que se achegan máis aos leóns, en marsupiais tasmanos que son atropelados en estradas con maior frecuencia ou en londras mariñas (infectadas pola contaminación das augas con feces de gato) que caen presa das quenllas con maior facilidade.
Perda da prudencia
A perda dos comportamentos prudentes supón un cambio radical nunha das principais premisas na vida dos animais, a propia preservación. E débese a que un diminuto parasito se apodere das decisións duns seres que, a fin de contas, se parecen moito aos humanos.
Podería ser, entón, que o toxoplasma influíse tamén no noso comportamento?
Ata hai pouco, considerábase que a presenza de quistes de toxoplasma en humanos era asintomática. Pero cada vez hai máis evidencias, e máis sólidas, sobre as diversas e importantes consecuencias desta infección. Comprobouse que entre as persoas que morren en accidentes de tráfico a presenza de quistes de toxoplasma é desproporcionadamente alta, e pénsase que o parasito sería responsable de varios millóns destes accidentes cada ano.
Imprudencias e toxoplasma
Os accidentes non son necesariamente resultado de comportamentos intrépidos, pero un estudo recente puido asociar as mortes por imprudencias (como ir en moto sen casco) á infección por toxoplasma, como lle ocorre a ratas, ratos, hienas ou londras mariñas. Sábese tamén que polo menos un 20% dos casos de esquizofrenia están relacionados coa presenza de quistes de toxoplasma, e existen indicios da implicación destes noutras desordes psicolóxicas.
Un 20% dos casos de esquizofrenia están relacionados coa presenza de quistes de toxoplasma
Hai así mesmo unha sólida asociación entre o toxoplasma e os intentos de suicidio, ata o punto de que se estiman en máis dun millón anual as tentativas de suicidio directamente relacionadas co parasito en todo o mundo.
Ata aquí, o toxoplasma en estado latente preséntase como un serio problema de saúde pública, que expón enormes desafíos aos sistemas sanitarios e que ata fai moi pouco pasouse por alto. Pero hai máis.
Quistes emprendedores
O toxoplasma xera cambios de comportamentos con potencial transcendencia nas sociedades humanas. Por exemplo, parece existir unha relación entre portar quistes de toxoplasma e emprender negocios. As persoas parasitadas son máis tendentes a desexar emprender cando son estudantes e a iniciar negocios propios na vida adulta.
Nun estudo no que participaron máis de 16.000 mulleres danesas comprobouse que as que convivían co toxoplasma eran máis emprendedoras, unha diferenza especialmente notable cando se trataba de emprendemento en solitario, pero que tamén abandonaban a súa aventura empresarial con máis facilidade. Estas observacións poden estar relacionadas coas doutro estudo no que se observou que aloxar ao toxoplasma fai que a xente dea menos importancia aos beneficios que poidan obter das súas accións, o que lles faría tomar máis riscos desestimando as consecuencias.
Sen medo ao risco
Todos estes cambios parecen reflectir unha diminución da neofobia asociada ao toxoplasma, que faría que afrontásemos situacións novas sen medo aos riscos que impliquen. Esta redución do medo ao descoñecido é característica dos individuos responsables de novos inventos, que son os que xeran innovacións culturais.
Parece existir unha relación entre portar quistes de toxoplasma e emprender negocios
Seguindo este fío, é posible especular sobre o papel do toxoplasma nos grandes cambios das sociedades humanas. Gústame imaxinar que a primeira persoa que pintou animais ou plasmou as palmas das súas mans nunha cova tiña quistes de toxoplasma no seu cerebro, igual que quen se animou controlar o lume ou a crear instrumentos musicais. Quizais tivese toxoplasma quen se embarcou en intrépidas viaxes de exploración, os que probaron drogas por primeira vez, quen comezou a criar os lobos que terminaron dando lugar ao can, ou os que cultivaron o teosinte que acabou xerando o millo. Quizais Bach, Frida Kahlo, Jimmy Hendrix ou Marie Curie alcanzaron os seus logros coa colaboración dun pequeno parasito aloxado nos seus cerebros, á espera de que un felino os comese.
Un parasito contra o libre albedrío
Aos humanos gústanos vernos como os máis avanzados na evolución. Pero o toxoplasma vén baixar eses fumes con poderosas razóns. Resulta que as nosas decisións poderían non ser do todo nosas, estando en moitas ocasións supeditadas ás intencións dun diminuto ser que se nos coou no cerebro.
Ademais, podería darse o caso de que ese parasito participase das grandes innovacións e xestas da humanidade, e que debamos compartir os seus méritos. Entre o 2019 e o 2022 poderiamos, por exemplo, celebrar o quinto centenario da volta ao mundo que completaron entre Magallanes, Elcano e (moi probablemente) os seus respectivos toxoplasmas. Pero o toxoplasma infórmanos tamén dun papel ecolóxico que temos en gran medida esquecido, o de presa.
O gato doméstico
Aínda que pode reproducirse en calquera felino, hoxe día o gato doméstico orixina practicamente todas as infeccións por toxoplasma a nivel global. Pero o toxoplasma ten un ciclo de vida axustado con precisión por millóns de anos de evolución. E non fai falla ir tan atrás para atopar escenarios nos que grandes felinos se alimentaban de homínidos, incluíndo humanos modernos.
Hai só uns poucos miles de anos existían na península ibérica leóns e leopardos, que sen dúbida depredaban sobre humanos. Especialmente sobre aqueles individuos que, movidos polo seu toxoplasma, tiñan menos medo a explorar novas situacións, zonas ou recursos. Quizais fose o toxoplasma quen facía cantar a Lola Flores aquilo de “que me coma o tigre”.
*O artigo está asinado por Miguel Clavero Pineda, científico titular do CSIC que traballa actualmente na Estación Biolóxica de Doñana (EBD-CSIC).
Cláusula de divulgación: Miguel Clavero Pineda non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado.