Xoves 5 Decembro 2024

A vacinación dos nenos de 5 a 11 anos comezará a vindeira semana

A Comisión de Saúde Pública dá luz verde a esta medida despois de que a EMA autorizara en novembro o uso da inxección de Pfizer en menores de 12 anos

A Comisión de Saúde Pública acaba de incorporar o grupo de nenos de entre 5 e 11 anos á Estratexia Nacional de Vacinación contra a Covid-19. Esta decisión apróbase despois de que a Axencia Europea do Medicamento (EMA) autorizase a finais de novembro a vacina de Pfizer para estas idades. Ademais, nestes momentos, cun notable empeoramento da situación epidemiolóxica en todo o país, este grupo de idade é o que rexistra unha maior incidencia acumulada de casos de coronavirus.

A chegada da primeira remesa de vacinas pediátricas a España está prevista para o próximo 13 de decembro, polo que a Comisión de Saúde Pública prevé comezar a vacinación infantil nesta franxa de idade a partir do 15 de decembro. Dende o Ministerio de Sanidade informan que o reparto dos soros, “como se fixo en toda a campaña de vacinación”, farase de maneira proporcional á súa poboación diana.

Publicidade

https://twitter.com/sanidadgob/status/1468179976239390723

Amais disto, decidiuse que o intervalo de administración da segunda dose sexa de oito semanas para contribuír a incrementar a resposta inmune, así como para ter vacinados a todos os menores de 5 a 11 anos nun curto espazo de tempo con, polo menos, unha dose. O obxectivo de levar a cabo a vacinación infantil é diminuír a carga de enfermidade para este colectivo, así como a transmisión na contorna familiar, nos centros educativos e na comunidade.

Publicidade

A situación en Galicia

En relación á estratexia de vacinación que se levará a cabo en Galicia, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, pronunciouse hoxe nun acto celebrado en Vigo. Ao parecer, esperan que o martes 14 cheguen a Galicia unhas 60.000 doses de Pfizer para comezar a inocular aos rapaces de entre 5 e 11 anos. Está previsto que as inxeccións se leven a cabo en grandes recintos.

De todos xeitos, hai arredor de 150.000 rapaces galegos desas idades, polo que faltarían 90.000 doses. Ao parecer, os soros que faltan chegarán a Galicia a partir de xaneiro, o que impediría inmunizar á meirande parte desta franxa poboacional antes de que remate o ano. En relación á estratexia de vacinación, Comesaña avanzou que, polo de pronto, priorizarase a aqueles menores que presenten patoloxías e logo chamaranse por idades, sendo os maiores os que primeiro deban acudir á cita.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia inicia un cribado para detectar cardiopatías conxénitas en neonatos

A proba comezará a realizarse o 2 de decembro a todos os bebés nados en territorio galego e será indolora e non invasiva

Así é o novo plan da Xunta para reducir os niveis de radon en cinco anos

Sanidade realizará medicións en centros educativos, sanitarios e de traballo, así como nos fogares, para analizar a exposición ao gas

Detectadas larvas de mosquito tigre por primeira vez no Porriño

A Consellería de Sanidade cre que a poboación do insecto xa está introducida no municipio, xunto aos de Moaña, Vigo, Redondela, Vilaboa e Cangas

Un ensaio probará a vacina antigripal de alta carga en galegos de 65 a 79 anos

A segunda fase do estudo clínico GalFlu está dirixido a 70.000 persoas e nel participan a Consellería de Sanidade e o IDIS