Venres 29 Marzo 2024

Vacinación obrigatoria, unha medida que pode resultar contraproducente

Os expertos apelan á solidariedade e descartan esta medida, sobre todo en Galicia, cun 93,5% dos maiores de 12 anos inmunizados coa pauta completa

Vacinación obrigatoria: si ou non? O debate volve saír á palestra. A situación epidemiolóxica empeora en Europa, especialmente nos países con baixas taxas de vacinación. E a poucas semanas do Nadal, retómanse os confinamentos e as restricións a boa parte dos territorios veciños. Segundo os datos difundidos este martes polo Ministerio de Sanidade, hai unha notable diferenza na incidencia de Covid-19 en función do estado de vacinación. É dicir, as persoas non inmunizadas teñen maior risco de padecer gravemente a enfermidade. Non obstante, a situación española e, sobre todo, a galega, non é extrapolable a outros países. Na nosa comunidade, o 93,5% da poboación diana —é dicir, os maiores de 12 anos— está inmunizada coa pauta completa.

“A vacinación obrigatoria non funciona. Ao contrario, provoca rexeitamento”, así de categórico soa Juan Gestal, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais de considerar que este tipo de medida sería “máis negativa ca positiva” en calquera circunstancia, no caso que atinxe a Galicia, Gestal é aínda máis contundente: “Eu creo que na nosa sociedade non é en absoluto necesaria”. A este respecto, subliña que a alta porcentaxe de persoas inmunizadas seguirá aumentando cando se aproben as vacinas para os nenos de entre 6 e 11 anos. De todas formas, a mensaxe de Gestal é clara. “O que non queira vacinarse ten dereito a non facelo, pero debería. É unha forma de protexer a súa saúde e a dos demais“, recalca.

Publicidade

Estratexia de vacinación

“No que atinxe ao proceso de vacinación contra a Covid-19, a Xunta de Galicia está a seguir a Estratexia de Vacinación indicada polo Ministerio de Sanidade”. Esa é a pronuncia da Consellería de Sanidade respecto do debate xestado arredor da vacinación obrigatoria. Unha polémica que tamén saltou aos medios a comezos de agosto, cando o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu que no ámbito sanitario “debe de ser obrigatoria a vacinación para poder tratar e coidar a eses pacientes”. A maiores deste colectivo, un dos títulos da Lei Galega de Saúde, aprobada en febreiro, abría a posibilidade de que o goberno autonómico obrigase á cidadanía a vacinarse. Esta parte foi suspendida polo Tribunal Constitucional despois do recurso presentado polo Goberno central.

“Na nosa sociedade, a vacinación obrigatoria non é en absoluto necesaria”

Máis alá da administración autonómica, o psicólogo social José Manuel Sabucedo —tamén catedrático na USC— verte unha opinión clara sobre a polémica. “Non convén obrigar a ninguén a vacinarse”, sinala. Explica, ademais, que hai un “elemento importante” que se debe incluír no debate. “Os últimos estudos científicos apuntan que a xente non vacinada, ao ter maior carga vírica, pode ter tamén maior capacidade de contaxio”, indica Sabucedo.

Polo tanto, o psicólogo social insiste en recordar que vivimos en comunidade e, por iso, debemos contribuír á seguridade do grupo, “non a crearlle riscos”. “O elemento máis persuasivo para que a xente mude de opinión e se vacine é recordarlle que ten máis posibilidades de contaxiar aos seus familiares e aos seus amigos”, explica.

Apelar á solidariedade

No que caso de que isto non funcione, ou de que as persoas que non se queren vacinar “non sexan sensibles a estas demandas”, a xente que si está inmunizada ten dereito a ser protexida daqueles que non o están. A este respecto, Sabucedo defende medidas como o certificado Covid. “Paréceme moi razoable. Non os podes obrigar, pero teñen que entender que hai ámbitos que non se van compartir coa xente insolidaria”, recalca o psicólogo social. Compara a situación actual de pandemia co que aconteceu hai uns anos coas medidas antitabaco. Ninguén pode obrigar a outra persoa a que deixe de fumar porque esta debe ser, en todo caso, unha decisión persoal. Pero se se decide seguir consumindo tabaco, non se pode participar en determinados espazos. Igual que coa vacina da Covid-19.

“Non se pode obrigar, pero hai ámbitos que van estar restrinxidos para a xente insolidaria”

Unha opinión que tamén comparte Gestal. “En situacións de pandemia é interesante estimular as persoas a que se vacinen. Por exemplo, facendo necesario o certificado de vacinación para moitas actividades, como as lúdicas”, matiza. A maiores do lanzamento de medidas que persuadan aos non vacinados, Gestal reclama unha lei de pandemia. “As crises sanitarias teñen que ser xestionadas polas autoridades sanitarias, que son as que teñen a competencia e o coñecemento. Non hai unha lei que autorice os sanitarios a tomar determinados tipos de medidas, depende do que digan os xuíces”, reclama Gestal. A todo isto, o profesor emérito da USC recorda que nunha pandemia as decisións teñen que ser “rápidas e inmediatas”. “O fundamental é evitar infeccións, enfermidade e morte”, sinala.

Falta de credibilidade

Máis alá de sentar unhas bases que ditaminen todo o relacionado coa vacinación, sexa esta obrigatoria ou non, un dos aspectos que poden motivar á non inmunización é a falta “dunha única voz”. “Debemos informar claramente os non vacinados, facerlles ver os riscos e apelar á súa solidariedade e ao sentimento de grupo. Teñen a obriga de protexer os demais“, matiza o psicólogo social. Fronte a un escenario ideal, Sabucedo cre que na crise sanitaria actual “as institucións non teñen credibilidade”. Polo tanto, a situación ten dous ingredientes explosivos: a falta dunha fonte fiable a a falta dunha mensaxe clara. “Nas situacións de crise hai unha enorme incerteza. A única forma de combatelas é que haxa unha voz autorizada, un comité científico. O que non podemos é dicirlle á poboación que hoxe vai todo ben pero que mañá temos que volver a poñer as máscaras”, explica o catedrático da USC.

“A única forma de combater as situacións de crise é cunha voz autorizada”

Esa parece ser unha situación moi aplicable aos países de Europa que están a sufrir unha grave vaga de Covid-19. Pero talvez Galicia, coas súas altas taxas de vacinación —incluso diferenciada positivamente con outras partes de España—, sexa un caso a ter en conta. Un dos motivos polos que máis do 90% da poboación diana está inmunizada en Galicia pode ser o seguinte: un consenso amplo por parte dos actores que xeran a opinión pública. Así o explica Sabucedo. “Cando estamos ante este tipo de situacións, prestamos atención aos líderes de opinión. En Galicia non houbo ningún movemento antivacinas nin alternativo que fose crítico. Porque aquelas persoas de referencia para a meirande parte da poboación coincidiron”, debulla o psicólogo social. É dicir, que o discurso dominante que defendeu a Xunta de Galicia, os diferentes grupos políticos e as organizacións foi o suficientemente potente como para animar á vacinación.

A polarización

Noutras partes de España ou en Europa houbo máis debate sobre a vacinación contra a Covid-19. “Reprodúcese nun tema sanitario a polarización que houbo noutros ámbitos. E o consenso social é absolutamente imprescindible para afrontar os grandes retos que temos na sociedade”, indica Sabucedo. Segundo apunta, non é algo que só estea a acontecer coa pandemia, senón con outros temas científicos de peso, como é o caso do cambio climático. Un dos países onde máis debate houbo e que pode servir como exemplo das baixas taxas de vacinación é Austria. “Está nunha situación dramática e terrible, cunhas incidencias importantes”, di Gestal. Pero tamén cunhas coberturas vacinais baixas que explican a explosión e o crecemento. “Aquí hai que seguir sendo prudentes, volver usar os medios de protección e retomar as precaucións”, sinala o profesor emérito da USC, facendo fincapé no aumento de casos, tamén en Galicia, de cara ás datas do Nadal.

“O consenso social é absolutamente imprescindible para afrontar os grandes retos que temos na sociedade”

“É fundamental seguir as indicacións sanitarias. Non van impedir que a Covid-19 desapareza, pero si que o seu impacto sexa menor“, di Sabucedo. Sobre todo, en atención ás próximas festas, con máis vida social e encontros con amigos e familiares. E aínda que Sabucedo recorda que a pandemia trouxo un incremento importante en cuestións de saúde mental, non quere deixar de recordar as mensaxes positivas. “Somos unha especie resiliente. Ímonos axudar e saír desta sempre e cando colaboremos. Ou cooperamos, ou desaparecemos”, así conclúe o psicólogo social. Polo tanto, débese instaurar a vacinación obrigatoria? Os expertos galegos non a recomendan. Eles evitan falar de inmunización. Prefiren dicir solidariedade.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade