Mércores 6 Decembro 2023

A alta vacinación está a evitar unha nova vaga máis grave: estes son os datos

O Ministerio de Sanidad comeza a difundir as variacións da incidencia da Covid-19 en función do estado de vacinación dos novos casos

A idea circulaba nos últimos meses nos medios de comunicación e os expertos que están a seguir a crise. Pero nestas semanas recentes, varias mensaxes como as do Goberno dos Estados Unidos, o ministro de Sanidade de Alemaña, Jens Spahn, ou a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, desataron a idea de que a nova onda da Covid-19 en Europa era “a pandemia dos non vacinados”. É sabido, como se vén insistindo desde o comezo das campañas de inmunización, que as vacinas evitan, en gran medida, o risco de padecer unha forma grave de Covid-19. E así se está a observar en países con menores taxas de inmunización, que afrontan unha vaga que, nalgúns casos, é a máis grave desde marzo de 2020.

A protección contra os ingresos hospitalarios e falecementos por mor do coronavirus é moito máis patente no caso dos grupos de maior vulnerabilidade, principalmente por cuestións de idade ou condicións de risco. Con todo, e tal e como se está a ver nos datos achegados polas autoridades sanitarias e análises científicas realizadas nestes últimos meses, a vacinación reduce case na súa totalidade o risco (que xa era pequeno) de que a xente máis nova poida acabar ingresada por mor da infección do SARS-CoV-2. É máis patente no caso de Galicia, onde a cobertura nas persoas que tiveron a oportunidade de vacinarse (maiores de 12 anos) é a maior (93,5%) dentro da xa alta que se observa en España (89,2%).

Nos últimos días, varios foron os datos que puxeron negro sobre branco a importancia dunha alta cobertura vacinal para evitar unha vaga seria en pleno outono e con varios meses de inverno por diante, nos que os virus respiratorios teñen unha maior incidencia e se transmiten con máis facilidade. Este mesmo mércores, o Centro Europeo para o Control e Prevención de Enfermidades (ECDC), advirte que hai un risco de que se produza “unha carga moi alta” na transmisión do SARS-CoV-2 entre os meses de decembro e xaneiro. Estes son algúns deles:

A correlación entre a nova vaga e a cobertura vacinal

A Unión Europea atópase nunha complicada situación nestas últimas semanas a pesar do éxito do seu plan de compra centralizada de vacinas, que garantiu un acceso moi elevado á poboación de todos os países membros. Con todo, a resposta cidadá non foi igual en todos os Estados (oscila entre o 25% de toda a poboación de Bulgaria e o 81% de Portugal). Este mércores, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, destacou no seu discurso diante do Parlamento a situación crítica pola pandemia que viven algunhas rexións da UE (máis de 1.600 mortes diarias na última semana) e, ao mesmo tempo, salientou a importancia da inmunización como cortalumes da nova vaga de infeccións.

Von der Leyen destacou un dato:”En Portugal e España, onde entre o 80 e 90% dos adultos están vacinados, o risco de morrer por Covid-19 nas primeiras dúas semanas de novembro foi 30 veces menor ca nos paises coas taxas de vacinación máis baixas”.

Este mesmo martes, a Comisión Europea difundiu un gráfico que amosa a correlación entre a cobertura de vacinación e a taxa de mortes por cada millón de habitantes nos últimos 14 días.

A diferenza na incidencia entre vacinados e non vacinados

Por primeira vez, o Ministerio de Sanidad difundiu este martes a información dispoñible sobre o estado de vacinación dos novos casos de coronavirus. Deste xeito amósase a relación da incidencia en función de se as persoas que están a ser diagnosticadas de Covid-19 teñen completa a súa inmunización ou, pola contra, decidiron non vacinarse ou aínda non o fixeron por determinadas causas.

O propio informe destaca como os datos entre o 20 de setembro e o 14 de novembro de 2021 demostran que “a incidencia en persoas completamente vacinadas é moi inferior á observada en no vacinadas”. A maior diverxencia obsérvase no grupo de persoas entre 60 e 80 anos, moi afectado noutras vagas da pandemia: o risco de infección en persoas vacinadas é case 8 veces menor, a posibilidade de hospitalización é 18 veces menor. E a posibilidade de falecemento multiplícase 25 veces nas persoas que non se vacinaron respecto ás que si o fixeron. Aquí podes ver a información:

Nunha das táboas amósase a evolución dos casos nas oito semanas que discorren desde o 20 de setembro ata o 14 de novembro. Nun contexto xeral de pequeno crecemento da incidencia, a detección de casos é entre 2 e 3 veces superior nas persoas non vacinadas.


No referente á incidencia por idades, o acumulado das cifras destas oito semanas previas pon de manifesto o maior número de casos detectados en persoas de entre 60 e 79 anos que non se vacinaron. Este grupo de idade, como se mencionou, é no que máis se observan as diferenzas de gravidade da Covid-19 en función do estado de vacinación.

Baixo estas liñas pode observarse a gravidade dos casos nos grandes grupos de idade en función do estado de vacinación:

Estes datos constatan as informacións xa difundidas en días previos por fontes do Ministerio de Sanidad, que apuntaban a que preto do 60% dos pacientes ingresados en UCIs non están vacinados. No caso de Galicia, desde a Consellería de Sanidade apuntouse que a proporción de non vacinados (un 6% da poboación maior de 12 anos) representa ata o 50% do total dos ingresados nas UCIs por Covid-19.

Outra forma de ver as diferentes entre vacinados e non vacinados

Diante das mensaxes infundadas que desde o comezo da inmunización contra a Covid-19 trataron de menosprezar a efectividade das vacinas, diversos investigadores lanzaron nos últimos días infografías que poñían en contexto o risco de desenvolver unha forma grave da infección en función do estado vacinal.

Un dos exemplos é o de Edouard Mathieu e Max Roser, do proxecto Our World in Data da Universidade de Oxford, que desenvolveron un sinxelo gráfico no que axudan a contextualizar titulares capciosos que poidan apuntar, por exemplo, a que "a metade das persoas que morren pola Covid-19 estaban vacinadas". Así o exemplifican cunha suposta poboación de 60 persoas.

Base rate fallacy explanation 02 1

Delas, supoñamos que morren 10 por mor da Covid: 5 estaban vacinadas e as outras 5 non o estaban:

Base rate fallacy

Os titulares incompletos poderían levar a engano porque obviarían parte do contexto. Porque canta xente en total estaba vacinada, e canta non, entre as persoas que non faleceron? Así o amosa este gráfico.

Base rate fallacy explanation 03

Vese que o risco de falecer por Covid-19 na poboación hipotética ao estar vacinado sería do 10%, pero no caso de non estalo, o risco quintuplicaríase ata o 50%.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia e Portugal alíanse para promover a dieta atlántica

Un observatorio promocionará os seus beneficios para a saúde e o desenvolvemento económico sostible na eurorrexión

Cambio radical no tempo en Galicia: volve a chuvia e baixan drasticamente as temperaturas

A partir do xoves caen os termómetros pola chegada dunha masa de aire frío polar. Na segunda metade da semana as precipitacións serán menos abundantes

Soengas: “Temos que facer pedagoxía coas novas xeracións porque ven un lado bastante negativo da ciencia”

A bióloga molecular analiza os retos que afronta a investigación oncolóxica en Galicia

Estes son os 10 cogomelos máis raros que podes atopar en Galicia

Pola súa forma, ou polo seu tamaño, incluso os hai que brillan na escuridade. Recompilamos as especies máis peculiares dos montes galegos