Unha nova vaga da pandemia percorre Europa, e a península está, por agora, a salvo

Algúns países do leste do continente viven máximos de novos casos e mortes, e a OMS advirte de que podería haber 500.000 mortes máis ata febreiro

Alén da vacinación, a OMS insta a manter outras medidas de prevención non farmacolóxicas para evitar a nova vaga. Foto: Pixabay.
Alén da vacinación, a OMS insta a manter outras medidas de prevención non farmacolóxicas para evitar a nova vaga. Foto: Pixabay.

“Poderiamos ver outro medio millón de mortes ata febreiro do ano que vén“. A advertencia do director rexional da OMS para Europa, Hans Kluge, nunha mensaxe difundida a semana pasada, dá boa conta da preocupación das autoridades sanitarias e os organismos internacionais diante deste inverno. Aínda que o avance da vacinación nos países cunha maior cobertura, como España ou Portugal, está a reducir o impacto da pandemia da Covid-19, o escenario é moito máis preocupante en boa parte do leste de Europa e os Balcáns, onde as cifras acadan os máximos desde o comezo da pandemia.

Parece posible establecer unha correlación entre as taxas de vacinación e a incidencia desta nova vaga, pero o certo é que algúns países que xa teñen a arredor do 75% da poboación vacinada, como Bélxica ou Irlanda, sitúanse xa en incidencias por riba dos 700 casos/100.000 habitantes. Con todo, a gravidade destes novos casos é menor cá observada en Romanía, Bulgaria, Lituania ou Letonia, que están a vivir situacións límite nos hospitais e centos de falecementos diarios.

Tal e como destacaba Hans Kluge, os 53 países da rexión europea convertéronse, de novo, no “epicentro” da pandemia nesta nova vaga. A OMS atribúe esta nova crise a dous factores principais: a escasa cobertura de vacinación en Europa oriental e a relaxación das medidas de prevención. Engadía Kluge no seu comunicado que tamén están a influír a “falta de confianza nas vacinas] e/ou a complacencia dalgúns grupos de poboación”, polo que apelou ás autoridades a “investir todos os esforzos en acelerar o ritmo de vacinación”. Alén destes factores, diversos epidemiólogos apuntan tamén á compoñente estacional: coa chegada do frío aumentan as reunións en espazos pechados e, de seu, os virus respiratorios circulan máis entre a poboación, como xa se está a observar coa gripe.

No referente ás medidas non farmacolóxicas de control, estanse a reinstaurar restricións nalgúns países europeos. Por agora, en España mantéñense as medidas básicas de uso de máscaras, hixiene e distancia, aínda que se volveu falar nos últimos días da posibilidade de endurecer algunhas condicións. Este martes, a consellería de Sanidade da Xunta falou da posibilidade de restablecer o certificado Covid para acceder a determinados espazos. Galicia é agora mesmo a comunidade autónoma con menor incidencia na península (28,68 casos/100.000 habitantes a 14 días) aínda que cunha tendencia ascendente na última semana (16,29 a sete días).

Despois de dous meses, a cifra de novos casos diarios en Galicia volveu superar os 100 este martes. Hai 844 casos activos, 30 persoas ingresadas en unidades de hospitalización e outras 12 en coidados intensivos. No referente á vacinación, a cobertura mantense nas últimas semanas no 85% con pauta completa.

Unha "epidemia de non vacinados"

As baixas taxas de vacinación preocupan en maior medida nos países do leste de Europa. E, alén de que se estean a rexistrar casos graves en persoas xa vacinadas, toda vez que as vacinas non garanten protección no 100% dos casos, volve constatarse o risco de enfermar de maneira severa que corren as persoas que non recibiron a inmunización.

Así o expuxo nestes últimos días, por exemplo, o goberno autonómico de Murcia, que daba conta de que os sete pacientes ingresados por Covid-19 nas UCIs da rexión están sen vacinar. E desde Alemaña, o ministro de Sanidade, Jens Spahn, constatou o maior risco dun colectivo que no país abrangue aínda a un terzo da poboación, toda vez que a cobertura chegou por agora ata o 66,6%. "Estamos a vivir unha pandemia de non vacinados que é masiva. Habería menos pacientes con coronavirus nas unidades de coidados intensivos se máis persoas aceptasen vacinarse".

Alén da vacinación, a OMS insiste en manter as medidas de prevención durante os meses de outono e inverno na medida do posible. "Temos proxeccións confiables que amosan que se logramos un uso das máscaras do 95% en Europa e Asia Central, poderiamos salvar ata 188.000 vidas do medio millón que poderiamos perder antes de febreiro de 2022", concluía Hans Kluge.

1 comentario

  1. This is a really awesome and important article for me. I really appreciate your work for providing such useful information, thank you so much!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.