Os neandertais da montaña galega foron coetáneos cos sapiens do cantábrico

Un estudo da USC sobre Cova Eirós afonda no proceso da substitución entre os últimos grupos de neandertais e os primeiros 'Homo sapiens' que poboaron o noroeste ibérico

Por ser un colo de botella apenas unido ao resto do continente a través dos Pireneos, a península ibérica é fundamental no estudo da desaparición dos neandertais e a súa eventual relación coa propagación dos humanos anatómicamente modernos (AMH) en Europa. Situado na marxe máis occidental da ribeira cantábrica e na fachada atlántica, a localización de Cova Eirós, na localidade lucense de Triacastela, converte a este xacemento nun lugar clave para comprender estes procesos de substitución.

A secuencia de Cova Eirós contén varios niveis que se enmarcan no momento de transición entre os últimos neandertais que poboaron o norte peninsular e a chegada das primeiras comunidades de humanos modernos ou Homo sapiens. A partir dos restos culturais recuperados no xacemento, atopáronse niveis do Paleolítico Medio e Superior, se ben aínda non se descubriron restos humanos directamente asociados a estes.

Publicidade

Diferentes niveis

As datacións radiocarbónicas do nivel do Paleolítico medio (Nivel 3) apuntan a unha supervivencia tardía dos grupos de neandertais, hai uns 40-41.000 anos, nas montañas do interior galego con respecto aos últimos grupos do Cantábrico. Así, e mentres a cornixa cantábrica xa estaba colonizada polos humanos modernos, nas montañas galegas aínda persistían poboacións residuais de neandertais.

Pola súa banda, as datacións do Paleolítico superior (Nivel 2), hai uns 36.000 anos, apuntan a unha chegada á rexión relativamente rápida dos Homo sapiens, con respecto a outras rexións do centro e sur peninsular. Un achado que, segundo explican os investigadores, “podería indicar unha relativa estabilización das poboacións de Homo sapiens que se manteñen no litoral e vales cantábricos durante uns poucos milenios, antes de estenderse fóra da conca cantábrica en momentos de lixeira mellora climática”.

Publicidade

A caza e outras actividades

As escavacións dos niveis 3 e 2 permitiron caracterizar os restos materiais asociados e tipo de ocupación que tivo lugar na entrada da cavidade. Así, as estancias de ambas especies en Cova Eirós terían sido, se ben breves, reiteradas no tempo, e ligadas a actividades cinexéticas como a caza e procesado de cervos, rebezos, corzos e xabarís, baixo unhas condicións ambientais bastante similares.

Con todo, o rexistro arqueolóxico amosa, no que respecta á adquisición de materias primas, tecnoloxía lítica ou estratexias de subsistencia, unas claras diferenzas entre as ocupacións do Paleolítico Medio e do Paleolítico Superior. “Tamén se observan diferenzas entre ambas as especies humanas en canto ás estratexias de abastecemento das materiais primas para fabricar as ferramentas, a súa tecnoloxía e as estratexias de caza”, sinalan desde o equipo investigador. Por outra banda, cando a cavidade non estaba ocupada polos humanos, esta era utilizada como lugar de hibernación e cría polos osos das cavernas, e como cubil para carnívoros como as hienas ou os leóns das cavernas.

A investigación

O estudo, publicado na revista do Museo Nacional de Historia Natural de Francia, Comptes Rendus Palevol, pretende afondar na transición do Paleolítico Medio ao Superior no noroeste ibérico, a partir da secuencia estratográfica de Cova Eirós. O xacemento dá unha visión máis completa sobre a tecnoloxía e as estratexias de subsistencia, tanto dos últimos neandertais como dos primeiros grupos AMH que ocuparon o noroeste ibérico. Amais, os datos cronolóxicos e paleoambientais permiten comprender a relación entre as flutuacións dos grupos humanos, así como os cambios das condicións climáticas.

As investigacións arqueolóxicas foron executadas por membros do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste-Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da USC en colaboración co  Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social e a Universidade Rovira i Virgili de Tarragona, baixo un convenio coa Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia e o Proxecto do Plan Nacional de Investigación do Ministerio de Ciencia.


ReferenciaBetween two worlds: Cova Eirós and the Middle-Upper Palaeolithic transition in NW Iberia (Publicado en Comptes Rendus Palevol)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O 9% dos afogamentos en Galicia corresponden a intentos de suicidio

Un estudo da USC e da UVigo conclúe que o maior número de casos se produce nos maiores de 65 anos, en contornas rurais e sen testemuñas

Achados os restos dun individuo perinatal no xacemento do Castelo de Valencia do Sil en Valdeorras

Os ósos indican unha idade estimada de falecemento entre 36 e 38 semanas de xestación, un descubrimento estraño no contexto tardorromano

A riqueza baixo os carballos: un estudo pioneiro con participación da USC revela a súa diversidade fúnxica

A investigación identifica 297 especies asociadas ás raíces destas árbores no norte peninsular e confirma a existencia de extensas redes biolóxicas

Un estudo da USC valida novos sistemas para eliminar contaminantes emerxentes nas augas residuais

A tese de Matías Rivadulla demostrou que algúns métodos innovadores permitiron eliminar máis do 90% dalgúns compostos farmacéuticos