Moi ao teu pesar, tes novas veciñas. Acaban de instalarse nunha das fendas que hai no exterior da túa casa. Saen en ringleira, co seu corpo longo e as súas curiosas antenas. Miras cara a elas, cargadas cun anaco de mazá. Por moito que fixas a túa vista, non es quen de determinar ante que tipo de formiga te atopas. Pode que esteas diante da formiga arxentina (Linepithema humile), unha especie “cun gran potencial invasor e unhas consecuencias devastadoras”. Así a define Iago Sanmartín Villar, investigador do Laboratorio de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación (EcoEvo Lab) da Universidade de Vigo (UVigo). Ao parecer, a formiga arxentina está na Península Ibérica dende hai case 100 anos. “Suponse que chegou de maneira non intencionada a través do intercambio de mercadorías entre Sudamérica e os outros continentes”, explica.
A situación da formiga arxentina en Galicia será un dos relatorios que integren as V Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade que impulsa a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) en colaboración coa UVigo. Celebraranse este sábado 27 de novembro de xeito telemático por mor da pandemia e ofrecerán un claro enfoque cara ás ameazas aos ecosistemas. A charla que pechará o ciclo será Que ocorre tras a introdución de especies? O caso da formiga arxentina na Galiza, coa que o investigador Iago Sanmartín Villar analizará os riscos destes bechos e a súa evolución na rexión ao longo do último século.
Alto potencial invasor
“A formiga arxentina ten moitísimas consecuencias. Entre elas, despraza a biodiversidade, elimina as especies nativas e destrúe gromos e froitos“, enumera o investigador da UVigo. Ao parecer, esta especie invasora modifica as comunidades existentes e favorece a proliferación de pragas. Amais disto, as formigas arxentinas poden ser un vector para a transmisión de virus a outros insectos. E aínda que non está demostrado o seu contaxio a humanos, “existe o risco de que ocorra”. Sanmartín Villar advirte que non estamos adaptados a convivir coas especies invasoras, senón coas nativas. “As formigas arxentinas teñen un potencial invasor moi elevado porque non necesitan crear un niño. Aproveitan as estruturas humanas, como as gretas das casas”, sinala Sanmartín Villar.
Outro dos aspectos máis rechamantes respecto a estes bechos é que foron capaces de continuar co seu sistema de gandeiría. “As formigas arxentinas colocan os pulgóns nas partes máis tenras da planta e logo múxenos como se fosen o seu gando”, explica o investigador de EcoEvo Lab. É dicir, sitúan os pulgóns nos mellores lugares, eles chuchan a salvia, e as formigas arxentinas recollen o que lles sobra aos pulgóns (o mielato). Ao mesmo tempo, esta especie invasora é capaz de protexer os pulgóns dos seus depredadores, como poden ser as xoaniñas. Non obstante, senten máis predilección polos espazos urbanos que polos rurais e é máis habitual que as formigas arxentinas se aproveiten das contornas das cidades.
Preferencia polos espazos urbanos
“Prefiren estes espazos porque hai menos competidores e menos enfermidades porque nós, os humanos, xa nos encargamos de eliminar todo”, afirma Sanmartín Villar. É dicir, as formigas arxentinas chegan á cidade e atopan un terreo libre para infestar as casas. A fin de contas, é máis doado. “Introducirse nun hábitat complexo e mellor conservado, como pode ser un hábitat forestal, non é fácil. É difícil introducirse nesa rede de conexión entre especies cando chega unha nova”, sinala Sanmartín Villar. Polo tanto, a formiga arxentina non parecía ser unha especie ameazante para parques nacionais ou naturais, aínda que esta tendencia tamén se está comenzando a reverter. “Xa as comezamos a atopar no Parque Nacional das Illas Atlánticas. A illa de Cortegada está completamente colonizada”, advirte o investigador da UVigo.
“A Illa de Cortegada está completamente colonizada polas formigas arxentinas”
As formigas arxentinas e as velutinas non semellan estar tan afastadas. Mais unha destas especies invasoras é indubidablemente máis coñecida que a outra. “Penso que a vespa asiática é máis popular porque causa un dano directo sobre o ser humano. Por exemplo, coa súa picadura”, matiza Sanmartín Villar. De igual modo, son de sobra coñecidas as advertencias das velutinas como grandes depredadoras das abellas. “Mais algunha das consecuencias que provoca son semellantes ás da formiga arxentina”, incide o investigador. Entre elas, ese desprazamento e eliminación das especies nativas. “A formiga arxentina é moi coñecida no mundo científico. Mais é unha especie moi descoñecida a nivel mediático“, puntualiza Sanmartín Villar.
Un becho pouco mediatizado
Froito deste descoñecemento xeneralizado, a formiga arxentina é un becho case ignorado socialmente. Mais algunhas das súas características como especie deixan abraiada a calquera. Segundo refire o investigador da UVigo, un dos primeiros estudos que se fixo sobre a súa presenza en Galicia partiu da iniciativa dunha investigadora francesa. A principios dos anos 2000 fixo unha serie de mostraxes que ditaminaron o seguinte: existe unha conexión de niños de formiga arxentina dende Coruña ata Xénova. “É dicir, temos unha conexión de individuos cooperantes, loitando e collendo recursos coa mesma fin, que abrangue 6.000 kilómetros”, sinala Sanmartín Villar. Todo isto ten un nome: supercolonia. Ou noutras palabras, un conxunto de colonias conectadas que, en realidade, actúan como un gran individuo.
Esta pode ser unha das principais estratexias de superviviencia da formiga arxentina: as supercolonias. “Esa masa cooperante permite dominar o resto porque, en realidade, son individuos moi pequenos e sen estruturas de ataque prexudiciais para outras especies”, explica Sanmartín Villar. É dicir, non teñen grandes mandíbulas e tampouco fortes velenos. De feito, a súa picadura pasa completamente desapercibida para o ser humano. De todos os xeitos, esta supercolonia europea non é única. Ao parecer, a formiga arxentina está moi distribuída ao longo do mundo. “Non só a atopamos no sur de Europa, tamén en California, no Xapón, en Nova Zelanda, Sudáfrica, Hawai…”, enumera o investigador.
Competencia entre supercolonias
Varios estudos que se foron publicando nos últimos anos descubriron a existencia de “grandes masas de colonias conectadas que competían con esa supercolonia” que abrangue de Coruña a Xénova. De feito, detectouse outra no leste da Península Ibérica. Aínda que é preciso seguir investigando para sacar conclusións categóricas, todo vai apuntando a unha merma no sistema de cooperación entre os individuos. Ou o que é o mesmo: que as supercolonias chocan unhas contra as outras co obxectivo de atacarse. Todos estes procesos, de confirmarse, poderían servir para limitar a peligrosidade e o potencial invasor das formigas arxentinas.
No que respecta a outras investigacións, como a desenvolvida no CNRS de Toulouse, un dos aspectos máis relevantes é a plasticidade. É dicir, a capacidade que teñen de adaptarse aos cambios. Para iso, compararon as obreiras coas raíñas. Esperábase que as obreiras fosen máis plásticas, posto que teñen funcións moi diferentes dentro da colonia e as raíñas dedícanse, fundamentalmente, a poñer ovos. Non obstante, aconteceu o contrario. “As obreiras mostraron un comportamento plástico e modular ao longo do tempo, pero todas se adaptaban da mesma maneira. Pola contra, as raíñas facíano de xeito diferente“, sinala Sanmartín Villar.
Abaratar os custos
Segundo as interpretacións extraídas polo grupo de investigación, garantir a plasticidade nos individuos é un proceso moi custoso. É dicir, precísase da creación dunha complexa rede neuronal, de habilidades de aprendizaxe e memorización… “A nosa hipótese é que a colonia sería capaz de garantir a plasticidade do grupo investindo só nas raíñas se cada unha delas fose capaz de adaptarse aos cambios de maneira diferente”, explica Sanmartín Villar. É dicir, capaz de enfrontarse aos problemas ambientais ou de asegurar a evolución de futuros niños. Polo tanto, unha conclusión que iría na liña do abaratamento de custos da colonia. Isto non acontece de igual maneira nas especies nativas, polo que esta plasticidade única nas raíñas das formigas arxentinas “podería ser unha vantaxe”. De todas formas, Sanmartín Villar recalca que aínda non hai nada que o corrobore, aínda que esperan que si o fagan futuros estudos.
“A nosa hipótese é que a colonia sería capaz de garantir a plasticidade do grupo investindo só nas raíñas”
Fronte a todo isto, e dado as súas vantaxes e o seu alto potencial invasor, cabe preguntarse de que maneira podemos controlar a expansión da formiga arxentina. “Non hai moito relacionado co control nin coa prevención. Ao non ser unha especie moi mediatizada, tampouco hai moitos programas que teñan a esta especie como un obxectivo”, apunta Sanmartín Villar. De todas formas, sinala que en Nova Zelanda todo apunta a que pode existir un colapso desta especie introducida. É dicir, que a formiga arxentina acaba por ser controlada polas especies nativas. Mais isto non ten que ser necesariamente extrapolable a Galicia. “Pode que non pase noutros lugares porque as características das especies nativas son diferentes”, engade o investigador da UVigo.
Os invasores somos nós
Mais alá de todo isto, Sanmartín Villar quere lanzar unha mensaxe clara: non demonizar este tipo de bechos. “Son especies invasoras porque somos nós, os humanos, as que as introducimos en hábitats diferentes. Elas só están intentando sobrevivir”, salienta o investigador. Pretende evitar a animadversión que se sente cara a certas especies por denominalas como “invasoras”. Por iso, tamén recorda o difícil que é diferenciar unha formiga arxentina dunha nativa. “Non é cuestión de ver un becho negro e matalo porque sexa malo para o medio ambiente”, apunta Sanmartín Villar. Talvez as xornadas da SGHN nos dean as claves para coñecer mellor esta especie invasora. Talvez algún día sexan tan coñecidas como as velutinas, e haxa programas destinados ao seu control e erradicación. Mentres tanto, elas seguirán coándose nas fendas da túa casa. E ti seguirás sen saber se aquel becho que miras é unha formiga arxentina ou unha das nosas. Desas de toda a vida.
Referencia: Variability in activity differs between castes in the ant ‘Linepithema humile’ (Publicado en Ecological Entomology).