Os últimos meses do ano levan a moitas persoas a camiñar entre a vexetación na procura das numerosas especies de cogomelos que se poden atopar en Galicia. Algunhas delas sorprendes pola súa atraente gama de cores mais, ao mesmo tempo, cómpre ter moita precaución pola súa perigosidade, como é o caso da Amanita muscaria, unha das especies máis emblemáticas. Mais, nos últimos anos cada vez é máis común un fascinante fungo: os dedos do demo, ou cogomelo polbo, dous dos nomes comúns da Clathrus archeri.
Este organismo da familia dos Phallaceae, procedente de Australia e Tasmania, e propagouse no último século polo planeta. Está establecido en todo o norte da península ibérica, onde chegou nos anos 60 do século XX, outros puntos de Europa occidental e Gran Bretaña, e tamén avanza por zonas de Suramérica e Asia. Unha das primeiras citas en Europa foi no ano 1914 no departamento francés dos Vosgos, polo que se cre que puido chegar adherida ás tropas australianas que combateron na Primeira Guerra Mundial. Outras hipóteses apuntan a que chegaría a Francia entre os cargamentos de la procedentes da illa oceánica.
Do ovo aos dedos do demo
Nas súas primeiras etapas, os dedos do demo teñen unha estrutura ovoide, que nun primeiro momento está case que enterrada no solo e logo comeza a abrirse pouco a pouco dando lugar a varios tentáculos, ao xeito dos de un polbo ou con aparencia de estrela de mar, como se pode ver neste vídeo acelerado:
Se xa sorprendente é a súa aparencia, os dedos do demo destacan sobre todo por algo que non se pode percibir nestas liñas: un intenso cheiro que se asemella ao de carne ou marisco a podrecer. E esta é unha das claves para a súa propagación. Esta pestilencia atrae a numerosos insectos que se converten nos principais aliados para espallar as esporas.
Son numerosas as citas en Galicia nos últimos anos, asociadas a áreas húmidas, con moita materia orgánica, como bosques de caducifolias, aínda que ás veces tamén se poden observar xunto a coníferas.















Eu vin unha en Ponte Ulla
Eu vivo en Brión e unha finca que esta xunto a miña casa está chea deles
Eu este ano atopei moitos no contorno das lagoas de San Pedro e Xuño en Porto do Son.
Trátase dunha especie invasora, sería xenial dar esta información ao público para que sexa consciente, e dar pautas para a súa erradicación.