Aquí estará Galicia no supercontinente Panxea Última en 250 millóns de anos

É probable que o ser humano xa non estea sobre a Terra dentro de 250 millóns de anos. De feito, os primeiros homínidos só teñen 2 millóns de anos e os restos máis antigos do Homo sapiens foron atopados en Marrocos e datan de hai 315.000 anos. En realidade, se viaxáramos 250 millóns de anos cara ao pasado, asistiríamos á maior extinción rexistrada, na que desapareceu o 95% da vida na Terra entre os períodos Pérmico e Triásico. Daquela, existía no noso planeta un só continente: Panxea (‘tódalas terras’), que estaba rodeado por un só océano: Panthalasa. A deriva continental que xa apuntou Wegener fixo que logo aparecesen os distintos continentes que hoxe coñecemos. Pois ben: as teorías actuais predín que todos os continentes volverán unirse no futuro: e acontecerá dentro doutros 250 millóns de anos.

National Geographic publicou unha reportaxe na que amosan que forma terá a superficie terrestre nese afastado futuro. A división de Panxea en continentes provocou a aparición do océano Atlántico, tras a separación de América, Europa e África; e o Índico, ademais dos mares e costas, que foron tomando a forma que teñen agora. O movemento das placas tectónicas, que non cesa, fai que hoxe en día o Océano Atlántico siga a separarse arredor de 2,5 centímetros cada ano.

Publicidade

Ubicación de Galicia en Panxea Última.

Segundo o traballo gráfico desenvolvido por National Geographic, dentro de 100 millóns de anos, o Atlántico reducirase por mor da actividade tectónica do leste de América, facendo que os continentes converxan. Así, dentro de 250 millóns de anos, o Atlántico practicamente desaparecería, pois os continentes volverán unirse nunha soa masa continental: a Panxea Ultima. O choque entre as grandes placas terrestres provocará a aparición de novas cordilleiras de gran altitude.

Como podemos ver na evolución deste vídeo, o actual territorio de Galicia quedaría situado no Norte de Panxea Última, pero moi afastado da terra que ten actualmente ao Oeste, que é a costa atlántica dos Estados Unidos. De feito, Galicia quedaría encravada nunha rexión prácticamente polar, despois da desaparición do mar Mediterráneo e do océano Atlántico.

Na predición de Panxea Última, a subducción no Atlántico occidental, ao leste de América do Norte (signos desta acción pódense ver hoxe en día na fosa de Porto Rico), leva á subducción da dorsal oceánica do Atlántico, que á súa vez comporta á destrución da conca oceánica atlántica, causando que o océano se reduza, achegando a América cara a África e Europa de novo.

Como a maioría dos supercontinentes, o interior da Panxea Última probablemente será un deserto semiárido exposto a temperaturas moi elevadas. Pero semella que a terra que algún día foi Galicia quedará situada na franxa costeira do continente único, sempre que se cumpra a predición. De calquera xeito, hai moito de especulación neste tipo de modelos de deriva de continentes. E unha cousa podemos dar por certa: é moi difícil que daquela estea sobre a Terra ningún galego para comprobalo.

E aquí podes ler máis sobre Panxea Última:

-Nesta reportaxe da NASA

-Nesta reportaxe de National Geographic

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como eran os campamentos romanos en Galicia? Un proxecto reconstrúeos en 3D

Un equipo de arqueólogos colabora xunto a deseñadores gráficos na elaboración dunha serie de contidos que tentan amosar a natureza dos asentamentos militares do Imperio Romano na provincia da Coruña

De herexe a referente: homenaxean o xeógrafo Pérez Alberti pola súa traxectoria

O catedrático e investigador leva décadas viaxando polo mundo para comprender os procesos que mudan as paisaxes

Identificadas as catro candorcas que entraron na ría de Arousa

Os exemplares corresponden á avoa Toñi, matriarca do grupo, o macho Pingu, e as femias Gnomo e Gladis Estrela

Un asteroide recibe o nome do astrofísico galego Manuel Carreira

Na súa etapa nos Estados Unidos, Manuel Carreira traballou co descubridor dos neutrinos, Clyde Cowan: a súa pegada vese agora no ceo