Varias imaxes da corta de árbores realizadas en Esgos e Pereiro de Aguiar. Fotos cedidas por Xosé Santos.
Varias imaxes da corta de árbores realizadas en Esgos e Pereiro de Aguiar. Fotos cedidas por Xosé Santos.

A Xunta xustifica a corta de árbores por “seguridade viaria” e pola lei de incendios

Arredor dun cento de árbores centenarias situadas á beira da estrada OU-536, que une a cidade de Ourense coa Pobra de Trives, foron obxecto de corta nas últimas semanas, segundo denuncia as asociacións Amigas das Árbores da Limia e Amigos da Terra.

Xosé Santos, axente forestal e voceiro da asociación, sinala que numerosos exemplares de carballos, freixos, nogueiras, amieiros, chopos e plátanos desapareceron das beiras desta vía de comunicación. Nas actuacións de corta producíronse ademais danos colaterais en especies de ribeira, como os amieiros, nalgúns dos regatos próximos.

“Non molestaban a ninguén”, lamenta Xosé Santos, axente forestal

Aínda que nalgúns casos, as actuacións debéronse ao mal estado dalgúns exemplares – sobre todo chopos – Santos sinala que moitas destas cortas afectaron a “formacións arbóreas singulares, con moito valor, e que non lle estorbaban a ninguén, algunhas con troncos de máis dun metro de diámetro”.

A corta tivo lugar nos lugares de As Vendas e O Pinto, no concello de Esgos, e na Derrasa, en Pereiro de Aguiar. “Temos asumido que maltratar a un animal pode ter consecuencias penais, pero seguimos vendo as árbores como un mero ben material, e se pensamos que estorban, podémonos librar deles sen máis”, lamenta Santos.

Unhas obras que, segundo o axente forestal, son máis graves ao situarse ás portas da Ribeira Sacra, un entorno que opta a entrar na lista do Patrimonio da Humanidade da Unesco. “Non se entende que se canten as bondades da Ribeira Sacra e que logo se permitan estas actuacións, sen respecto ningún polo medio. E todo isto, no medio dun silencio case total, case ninguén ergue a voz para protestan mentres destrúen este patrimonio”, lamenta Santos.

Denuncia en 2016

Segundo lembra Xosé Santos, a mobilización ecoloxista e veciñal conseguiu frear hai dous anos as cortas que agora se acabaron producindo. Naquel momento,segundo a consellería de Infraestruturas da Xunta, as actuacións debéronse a motivos de “seguridade viaria“, xa que estas árbores dificultaban a visibilidade na estrada.

Resposta da consellería de Infraestruturas

Desde a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, trala consulta de GCiencia, sinalouse que as cortas realizadas estanse levando a cabo “en base a actuacións de seguridade viaria, xa que hai antecedentes de caída de árbores nesta estrada, e noutros casos en cumprimento da Lei de Prevención e Defensa contra os incendios forestais de Galicia”.

Engaden desde a Xunta que “nos temporais rexistrados en Galicia en febreiro de 2017 rexistráronse en apenas catro días máis de 350 caídas de árbores” nas redes viarias de titularidade autonómica. Despois disto, realizouse unha “revisión detallada” das árbores existentes nas marxes destas estradas, “e priorizouse a talla en función da súa situación e condicións”. Sinalan tamén que, deste xeito, “aténdese tamén á petición do Concello de Esgos, que ten demandado esa corta con insistencia, por considerar un perigo para a seguridade viaria as árbores en mal estado”.

5 COMENTÁRIOS

  1. Baixo esas árbores, centenarias ou non , apenas medraba mato por efecto da sombra. Eliminando esa sombra as especies de matogueira heliófila (toxos, xestas e demáis) non tardarán en aparecer. En vez de reducir as posibilidades de inicio ou propagación de incendios forestais este tipo de actuacións van a favorecelos. Máis dun fixo negocio ca madeira e cando haxa mato non gastarán nin un euro en desbrozar e minimizar a situación de risco que acabar de parir. Menudos gobernantes.

  2. Non son árbores centenarias: veciños que non teñen 100 lembran perfectamente cando se plantaron

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.