Xoves 25 Abril 2024

Case a metade dos galegos entre 65 e 74 anos xa son internautas

No último ano incorpóranse máis de 100 maiores diariamente ao uso da rede

O uso de internet entre os galegos de 65 a 74 anos está a experimentar un salto moi grande nos últimos anos e xa un 47 por cento das persoas comprendidas nesa franxa de idade utilizan a rede, fronte a o 21 por cento que o facían hai so cinco anos. O incremento do uso de internet entre os maiores está relacionado con factores coma os despregamentos de novas infraestruturas de telecomunicacións e as iniciativas de capacitación dixital. Entre elas se atopan a Rede de aulas CeMIT, impulsadas pola Xunta en colaboración cos concellos.

O perfil sociodemográfico de Galicia (poboación envellecida) fai que a comunidade ocupe case sempre as últimas posicións en canto a uso de internet entre as autonomías pero nos últimos anos se está a dar un incremento sostido que supera á media estatal. Entre a poboación máis nova, por debaixo de 35 anos, o uso da rede é prácticamente universal.

Publicidade

Para dar unha idea da importancia do incremento do uso de internet entre os maiores, basta sinalar que no ultimo ano máis de 100 galegos entre 65 e 74 anos se incorporaron á rede cada día, ata sumar preto de 40.000 novos internautas. Iso supón un incremento de. dun 35% no 2018 a preto do 47% no 2019, segundo se recolle no estudo “A Sociedade da Información nos fogares galegos. Edición 2019”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga) que está adscrito á Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

No que se refire aos datos do conxunto da poboación, a porcentaxe de usuarios de internet en Galicia incrementouse un 6,9% respecto ao resultado do ano 2018 e sitúase no 85,6%. No caso de convivencia con nenos e nenas en idade escolar obrigatoria a porcentaxe de uso de internet ascende ao 95,8%

No período 2016-2019, a evolución de persoas que utilizaron Internet nos tres últimos meses en Galicia foi dun 15,7% dende o ano 2016, fronte ao 12,5% do conxunto de España e o 4,9% da Unión Europea. Entre os galegos que utilizaron Internet nos últimos tres meses, un 85,6% faino a diario e un 11,6% todas as semanas, datos que sitúan a Galicia cuns datos algo por riba da media estatal.

O uso de Internet continúa a incrementarse en todos os tipos de hábitat analizados. É de salientar que nos concellos de menos de 5.000 habitantes experimentouse a maior suba do indicador desde o pasado ano (11,9 puntos porcentuais). Deste xeito preto do 74% das persoas que residen nestes municipios utilizaron Internet nos últimos tres meses.

No último ano incorporáronse á rede preto de 40.000 novos internautas entre 65 e 74 anos

Respecto á contratación o 88,1% dos fogares galegos ten un servizo de internet contratado, segundo se recolle no estudo Esta porcentaxe supón un incremento dun 11,9% respecto ao ano 2016. No mesmo período, Galicia presenta un ascenso superior ao observado a nivel europeo (5,9%) e moi semellante ao crecemento da media estatal (11,6%).

Cómpre destacar como a convivencia con nenos eleva, considerablemente, a porcentaxe de contratación de internet. O 99% dos fogares con nenos e nenas en idade escolar obrigatoria teñen internet contratado mentres que nos fogares sen menores de 6 a 16 anos a porcentaxe descende ata o 84,7%.

O informe amosa que o crecemento na contratación a internet rexístrase especialmente nos núcleos de menos habitantes. Nas entidades de poboación con menos de 5.000 persoas, a porcentaxe de fogares con servizo de internet sitúase no 79%, fronte ao 69,7% de 2018.

Máis da metade dos fogares galegos (51%) que ten contratado Internet, conta cunha conexión á rede superior a 30 Mbps, o que supón un incremento do 6% respecto ao ano anterior e, amosando a rápida evolución de velocidade dispoñible. Así se recolle no recolle no estudo que destaca, tamén, o incremento do 81,7%, experimentado pola porcentaxe de fogares con velocidade de conexión a Internet contratada superior aos 100 Mbps no último ano, situándose no 23,8%.

En 2019 máis do 70% dos internautas galegos intereacturaron coas administracións a través da rede para obter información, case un 20% máis que no conxunto do Estado

No referente á administración electrónica, en 2019 o 70,6% dos internautas galegos interactuaron coas administracións públicas a través de Internet nos últimos doce meses para obter información, o que supón un incremento do 6,5% no último ano. No conxunto do Estado este indicador sitúase no 53,7%.

Ademais, o 66,8% das persoas que utilizaron Internet nos últimos 12 meses e realizaron xestións coa Administración, tamén enviaron formularios cumprimentados a través da Rede. O tipo de interacción coas AAPP que máis se incrementou no último ano foi a descarga de documentos xerados polas propias administracións a petición do cidadáns, que experimentou un crecemento do 44,4% e sitúase no 52%.

Con independencia do indicador que se estea a analizar, atópase un denominador común: a influenza de determinados factores e características socio-demográficas na implantación e evolución das TIC en Galicia. Os factores que inciden máis intensamente nos indicadores TIC analizados son a idade, o nivel de estudos, a renda familiar e o tamaño do hábitat. A menor idade, maior uso da Internet, acadando niveis de uso practicamente universais nas idades máis temperás.

Os fogares situados nos hábitats máis poboados acadan porcentaxes superiores de contratación de Internet; situándose por riba do 90% nos concellos de máis de 20.000 habitantes. O número de persoas no fogar novamente afecta de maneira positiva á contratación de Internet, superando o 98,6% de fogares con Internet contratado nas vivendas de 4 membros.Poden consultarse os datos do informe na seguinte ligazón: www.osimga.gal

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O sector galego das TIC suma 23.000 empregos directos, 4.000 no último lustro

A facturación medra preto dun 14% e achégase aos 3.700 millóns de euros

▪️ Expertos en tecnoloxía, ciencias e humanidades asesoran a Xunta para o uso ético da IA

A comisión de especialistas elabora recomendacións para impulsar accións formativas e a sensibilización na administación e empresas

A Plataforma Dixital Agroforestal de Galicia empregará intelixencia artificial ao servizo do campo

Agricultores, gandeiros e silvicultores poderán cumprir obrigas coa administración e vixiar as súas explotacións, entre outras funcións

As aulas CeMIT formaron a 900 persoas en impresión 3D, robótica ou programación

Amtega distribuíu máis 1.300 novos dispositivos este ano nunha rede que xa conta con máis de 113.000 usuarios