Os dous tempos da pandemia: máis presión nos hospitais e freo de novos casos

A ocupación nalgúns centros segue aumentando por mor do agravamento de infeccións detectadas hai semanas, pero as medidas de contención parecen dar froitos

É unha das claves nas que máis insisten os investigadores de diversas disciplinas á hora de explicar a evolución da pandemia da Covid-19: ningunha medida que se tome ten efectos inmediatos sobre a evolución dos novos casos, a ocupación hospitalaria e, en último termo, as cifras de persoas falecidas. Do mesmo xeito, ningún indicador pode explicar por si só cal é a situación actual. No caso de Galicia, e á espera, como sempre, de que a tendencia siga no mesmo sentido durante os vindeiros días, o escenario amosa dúas situacións enfrontadas: obsérvase o incremento da ocupación nos hospitais, especialmente nas UCI, ao tempo que parece estabilizarse a detección dos positivos novos despois do aumento das restricións establecidas nas últimas semanas.

Menos casos, baixa a positividade

Este martes pola tarde, segundo os datos que achegou o Ministerio de Sanidad, Galicia volveu estar por baixo do limiar dos 300 casos/100.000 habitantes nos últimos 14 días, o que supón a detección de algo menos de 8.000 casos nestas dúas semanas. A cifra segue sendo alta e debería continuar baixando para amosar unha perspectiva máis optimista para as vindeiras semanas, pero expón o freo respecto a comezos de mes, cando eran preto de 9.000.

A información que actualiza a Consellería de Sanidade todas as mañás tamén apuntan a este posible freo. Aínda que a notificación dos últimos días, debido ao procesamento pendente dalgunhas probas, non é total, como se observa baixo estas liñas, os positivos confirmados diariamente estanse a reducir.

Un dos factores que poden influír na detección de casos, ademais das propias restricións dos contactos sociais, é o nivel de realización de probas PCR. A tendencia das últimas semanas é crecente, aínda que o descenso en días puntuais, como o pasado día 10 (4.343), limita este aumento. Do mesmo xeito, segundo fontes sanitarias, a limitación das relacións sociais derivada das medidas de control reduce o número de contactos de cada caso e, por tanto, leva ao descenso no número total de probas indicadas. Así está indo a situación nas últimas semanas.

Mais hai outros factores, como o da positividade. A relación de casos confirmados respecto do total de análises procesadas é outro dos aspectos nos que entidades como a OMS insisten para constatar o control da transmisión, e que se sitúa entre o 3 e o 5%. Galicia mantense por baixo do 10% nas últimas semanas, agás algún incremento puntual producido nalgunha área sanitaria onde se detectou unha transmisión maior.

Diferenzas por áreas

A dificultade para acceder á información en Galicia segue condicionando a interpretación do escenario nas distintas áreas. Un dos sinais, máis non o único, é o da detección de novos casos en cada área sanitaria. Desde que Sanidade achegou estas cifras, a comezos de outubro, esta foi a evolución:

Obsérvase deste xeito como en Ourense, onde rexe o peche perimetral en municipios como O Carballiño, Barbadás, Verín ou a capital provincial desde hai un mes, os casos novos pasaron de superar os 200 diarios a caer por baixo de 40. A tendencia de freo é tamén patente nas áreas de Ferrol ou Santiago.

Por outra banda, Vigo, A Coruña ou Lugo seguen amosando unha tendencia estable, e mesmo de incremento, nos últimos días. A realización dalgúns cribados poboacionais, así como o aumento do número de casos detectados en áreas como a comarca de Bergantiños (que se incluíu nas novas restricións), Sarria ou Vilalba levan a esta situación.

A pesar das limitacións do mapa municipal que achega a Xunta (só se ofrecen catro niveis de ‘alerta’ segundo o número de casos en 7 e 14 días, sen cifras exactas), o descenso de municipios en nivel vermello é lento pero constante desde hai semanas. Cidades como Santiago, A Coruña e Ourense están en nivel 2 nos dous rangos temporais, e a comparación entre as cifras a 7 e 14 días constata tamén este freo:

Hospitais e falecementos

Porén, a visión máis desfavorable sobre a evolución da pandemia está agora mesmo nos hospitais e nalgunhas residencias de maiores con focos importantes, onde se están producindo un importante número de falecementos nas últimas semanas por mor do agravamento da Covid-19 nas persoas de maior idade e/ou con patoloxías previas. Entre o luns 9 e o 16 faleceron en Galicia 77 persoas que estaban infectadas co coronavirus. Practicamente a metade delas (38), eran usuarias de residencias de maiores.

No último mes, no que houbo 271 falecementos, constátase tamén a distinta evolución en cada área sanitaria. A pesar de que nos últimos días a incidencia de casos en Ourense é menor, a provincia é a área sanitaria con máis falecementos (82), por mor dos brotes nalgunhas residencias e as infeccións en grupos de maior idade. O resto das persoas falecidas correspóndense coas áreas de Vigo (46), A Coruña-Cee (40), Santiago-Barbanza (35), Ferrol (28), Lugo-A Mariña-Monforte (22), e Pontevedra-Salnés (18).

No referente aos hospitais, o número de persoas ingresadas en Galicia mantense desde hai días na contorna das 600. Con todo, hai un progresivo, aínda que lento, incremento na ocupación en coidados intensivos, como se pode observar baixo estas liñas.

Segundo os datos que o Sergas achega ao Ministerio de Sanidad, a ocupación das camas de coidados intensivos era este martes do 15,33% e do 7,69% no caso do resto de unidades de hospitalización. A estas cifras hai que engadir as persoas ingresadas por outras causas, que pouco a pouco incrementa a carga nestes centros. Do mesmo xeito que no número de novos casos, a evolución é distinta en cada área sanitaria.

E as vindeiras semanas?

Como nos últimos meses, o grupo de expertos que asesora á Xunta de Galicia na toma de decisións sobre a pandemia manterá as súas reunións semanais para ir analizando a evolución epidemiolóxica e, en función disto, tomar novas decisións ou manter as existentes. Neste momento hai preto de 70 concellos galegos, onde reside máis do 65% da poboación, nos que están vixentes os peches perimetrais, a hostalaría e outras actividades están pechadas e se limitan as reunións a persoas conviventes, entre outras medidas.

En principio as medidas están vixentes ata o 4 de decembro. De seguir co apuntado nas últimas semanas, é probable que as restricións se manteñan ata esa data. O goberno autonómico e o comité clínico mencionaron recentemente que o modelo impulsado na comarca do Carballiño, co peche perimetral e das actividades non esenciais foi unha fórmula coa que se conseguiu frear o aumento da transmisión.

Con todo, o descenso de novos casos, tanto en Galicia como no resto de España, están abrindo tamén as opcións sobre o posible levantamento dalgunhas restricións, por mor do notable impacto económico que esta situación está a causar. O debate tanto nos Gobernos como na comunidade científica e outros sectores da sociedade vai ser importante. Nun momento no que algúns hospitais españois aínda están saturados por mor da segunda onda, e probablemente teñan que afrontar semanas complicadas na tendencia actual, e con moitos países de Europa superando niveis da crise da primavera, o risco dunha nova vaga de infeccións podería ter consecuencias moi importantes, toda vez que o camiño para acadar a vacina contra a Covid-19 ten aínda un treito por percorrer.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.