Vacinas para os maiores de 80 anos: o novo gran salto para vencer o coronavirus

De confirmarse a eficacia vista nos ensaios clínicos, a inmunización neste grupo de idade reducirá a cifra de mortes, xa que máis do 70% superan esta idade

Desde este venres, e en principio ata abril ou comezos de maio (en función da cantidade de vacinas dispoñibles), o persoal de enfermería do Servizo Galego de Saúde afrontará unha fase da campaña de inmunización que, sen dúbida, marcará un antes e un despois para a superación da pandemia en Galicia: as persoas maiores de 80 anos, que representan arredor dun 8,6% da poboación galega, e que son as que máis están sufrindo as complicacións da Covid-19, comezarán a recibir as doses de Pfizer-BioNTech e Moderna. Das 2.147 vítimas notificadas en Galicia ata a mañá do 18 de febreiro, 1547 (o 72,06%) tiñan 80 ou máis anos.

O primeiro gran paso, acadado durante o mes de xaneiro, foi o da inmunización dos centros residenciais, nos que xa se está a constatar un descenso no número de brotes e casos graves. Estes espazos, os máis golpeados durante a pandemia, viron como se levantaban algunhas restricións en canto a número de visitas e saídas nesta semana grazas á protección acadada. E agora é o turno dunha franxa de idade na que, ademais do risco da infección polo SARS-CoV-2, as medidas de illamento social para evitar a transmisión están a agravar a súa condición de saúde.

Publicidade

Proba na área de Santiago

Na tarde deste xoves, a Xunta de Galicia avanzou que durante o venres se desenvolverá unha “xornada piloto” da campaña na área sanitaria de Santiago-Barbanza, á que sucederán o vindeiro luns no resto das áreas sanitarias. Este venres, 569 persoas maiores de 80 anos están citadas en oito puntos de vacinación. Tal e como aconteceu na xornada de proba realizada en Santiago en decembro de 2020 para a campaña nas residencias, nesta proba perfeccionaranse aspectos técnicos de horarios, loxística e organización nos centros de saúde para optimizar todo o proceso.

O persoal sanitario está tendo dificultades para contactar con algunhas persoas, polo que fan un chamamento a revisar os números de contacto que constan nas bases de datos do Sergas

“É moi importante mellorar o que se poida, porque calquera detalle permitirá que o proceso sexa máis áxil e máis cómodo, tanto para as persoas que van a vacinarse como para o persoal sanitario. Vacinar en seis minutos, en oito ou en dez marca a diferenza”, explicaba este xoves en conversa con GCiencia Álvaro Carrera, presidente da Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria (Agefec).

Publicidade

Durante esta semana xa se comezou a contactar por teléfono coas persoas maiores de 80 anos en Galicia, máis de 230.000, aínda que miles deles xa recibiron a inmunización nos centros residenciais. Tal e como advirten desde Agefec, está habendo dificultades para contactar con algunhas persoas, polo que solicitan que se revise os números de teléfono que figuran nas bases de datos do Sergas. A modificación pode facerse no centro de saúde ou na plataforma web E-Saude.

Tal e como informou o presidente da Xunta o pasado luns, o proceso comezará polas persoas cuxo primeiro apelido comece pola letra ‘H’. Por agora, segundo explica Álvaro Carrera, a vacinación centrarase nas persoas que poidan acudir ao seu centro de saúde de referencia. Aínda que existe a posibilidade de acudir ao domicilio para vacinar a persoas cun alto grao de dependencia, non se levará a cabo por agora, á espera da evidencia que garanta que as vacinas usadas teñen a estabilidade precisa para ser administradas en cada vivenda.

Pendentes das novas autorizacións

A estratexia de vacinación depende en gran medida das novas autorizacións que se vaian concedendo desde a Axencia Europea do Medicamento. É probable que durante o mes de marzo haxa novidades sobre as candidatas de Janssen e Novavax. No primeiro caso, España adquiriu 20 millóns de doses, coas que se poderá inmunizar a outras tantas persoas ao precisar dunha soa inxección. A segunda será a que producirá, en parte, o grupo Zendal no Porriño.

Así, a data prevista para completar a protección aos maiores de 80 anos estaría cara a finais de abril ou comezos de maio, aínda que unha maior dispoñibilidade de doses adiantaría estas datas. A continuación pasaríase a inmunizar ao grupo de entre 70 e 79 anos e, posteriormente, entre 60 e 69.

En relación á capacidade máxima de vacinación en Galicia, desde Agefec cren que “é posible” realizar 100.000 inmunizacións semanais. “Hai precedentes coa vacina da gripe de realizar 117.000 vacinacións á semana, e aínda que a da gripe ten outros condicionantes que a fan máis sinxela, cremos que é posible chegar ás 100.000 semanais coas da Covid-19”, di Álvaro Carrera.

Ao tempo que se completa a protección das persoas de maior idade coas vacinas de ARN mensaxeiro, continúa tamén en Galicia a campaña noutros grupos prioritarios menores de 55 anos, aos que se lle administrará a vacina de AstraZeneca, indicada para persoas menores desta idade.

Segundo os datos achegados este xoves polo Ministerio de Sanidad, máis do 2,1% da poboación galega (57.531 persoas) xa recibiu a pauta completa, e administráronse en total 142.844 doses. Por agora, segundo expoñen desde Agefec, a taxa de rexeitamento á vacinación foi moi baixa, e mesmo esta diminuíndo a medida que pasan as semanas.

O papel clave da enfermaría

A enfermaría de atención primaria, que acumula un intenso ano de traballo por mor da pandemia, sumado á escaseza de persoal case que crónica do sector, abordará de novo desde a primeira liña este novo gran salto adiante da pandemia. Un equipo de entre 200 e 300 persoas encargarase, como xa se fixo nas residencias, da campaña de vacinación.

Sobre a situación do colectivo, Álvaro Carrera admite que “a fatiga pandémica está pasando factura”. Alén das baixas por mor da infección do coronavirus, parte do persoal está a sufrir o duro impacto da pandemia en forma de problemas de saúde mental. “Os contratos de emerxencia melloraron algo a situación, pero seguimos estando con bastante estrés. O escenario cambia en función das áreas sanitarias, porque nas zonas con máis incidencia os hospitais consumen moitos recursos”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta activa o protocolo de actuación ante a posible chegada de po africano

As autoridades sanitarias recomendan reducir a actividade física no exterior e extremar as precaucións entre a poboación vulnerable

Máis de 50.000 galegos participaron nun ensaio para avaliar a vacina contra o virus sincitial

Sanidade analizará os datos achegados durante a campaña Sincigal para medir a súa efectividade na redución de hospitaliacións

Os casos de mpox en Galicia aumentan ata as 12 infeccións

Os afectados son homes cunha idade de entre 35 e 65 anos, coa maioría dos contaxios na provincia da Coruña

As claves do novo gromo de mpox detectado en Galicia: “Todos nos podemos infectar”

O virus transmítese principalmente por contacto estreito entre peles ou mucosas, sobre todo de carácter sexual, e causa lesións na pel