Postos de vacinación instalados na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela este xoves. Foto: Gabinete de Comunicación da Ärea Sanitaria de Santiago-Barbanza.
Postos de vacinación instalados na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela este xoves. Foto: Gabinete de Comunicación da Ärea Sanitaria de Santiago-Barbanza.

Riscos, beneficios e efectos secundarios: por que é moito máis perigoso non vacinarse?

O vínculo entre os trombos e a vacina levará a incluír estes efecto no prospecto, como acontece con outros medicamentos con problemas máis frecuentes

A pandemia da Covid-19 afecta a case todas as dimensións da esfera pública. O impacto do SARS-CoV-2 e as súas consecuencias non deixan a case ninguén alleo aos seus efectos e, por tanto, calquera nova ou decisión que se tome ao respecto leva consigo implicacións sanitarias e científicas, pero tamén políticas, económicas e sociais a gran escala. E o acontecido coa vacina de AstraZeneca e Oxford, coñecida como Vaxzrevia, está a ocupar as portadas dos medios de comunicación e os debates cotiáns, xa que se trata dunha cuestión de saúde pública, pero tamén dun antes e un despois para que moitos países, e moitas persoas neles, se recuperen do grave impacto do confinamento e as restricións que comezaron na primavera de 2020.

O reto é, por tanto, sanitario, científico e político, pero tamén, en boa parte, de comunicación. Na era da infoxicación e a infodemia, isto é, un exceso de información que dificulta a comprensión dos feitos por parte da cidadanía, a retransmisión en directo de todo o vinculado á Covid-19 (casos, mortes, incidencias, vacinas, etc.) fai perder ás veces perspectiva do que está a acontecer. En concreto, a comunicación dos efectos secundarios “moi raros” da vacina Vaxzrevia é un novo exemplo de como a falta de contexto, xunto a decisións ás veces difíciles de comprender por parte das autoridades políticas e sanitarias, pode levar a unha crise de confianza. E, en último termo, a un novo obstáculo no desafío, non menor, de superar a pandemia mediante a principal ferramenta dispoñible, a inmunización dunha parte maioritaria da poboación. Neste escenario, o reto principal parece claro: amosar como, nunha balanza de riscos e beneficios, non inmunizarse fronte ao SARS-CoV-2 supón un maior risco individual e, o que é máis importante, un maior risco colectivo. Estas son varias das claves a ter en conta:

Efectos adversos da vacina, riscos de morte por Covid-19

O comunicado da Axencia Europea do Medicamento (EMA) difundido este xoves achegaba varias cifras. Ata o 22 de marzo, data na que se recolleron os datos para a análise do comité de seguridade (PRAC), xa recibiran a Vaxzrevia 25 millóns de persoas no Reino Unido e a Unión Europea. Ata aí notificáronse 86 casos de tromboses (24 na vea esplénica do abdome e 62 de seos venosos cerebrais). E a 18 destas persoas causáronlle a morte. Un cálculo rápido (habería que ter en conta, por exemplo, que non todos os episodios se notificasen) amosa que menos de 1 de cada millón de persoas vacinadas con Vaxzrevia faleceu por mor destes trombos.

A mensaxe da EMA, na que insistiron as axencias estatais e moitos profesionais sanitarios e científicos, é a mesma: os beneficios seguen superando os riscos. Non é un aforismo, senón un criterio que marca o uso de calquera fármaco. En moitos deles, os riscos son moi baixos en relación aos beneficios, como pode ser o de moitos analxésicos, anticoagulantes ou ansiolíticos. E outras veces, como acontece, por exemplo, cos tratamentos contra o cancro ou contra o rexeitamento de órganos transplantados, o risco que se asume é maior, porque o posible beneficio (salvar a vida) segue primando fronte a algúns dos efectos negativos que os fármacos teñen.

Que pasa coa Covid-19 e os fármacos contra ela, como as vacinas? As dificultades para realizar diagnósticos da infección por SARS-CoV-2 que se viviron durante a pandemia impiden obter unha cifra exacta de cantas das persoas infectadas polo coronavirus acaban morrendo. Pero existe un acordo amplo que sitúa a taxa de letalidade da Covid-19 arredor do 1%. Isto é, de cada 100 persoas infectadas, unha falece. E as vacinas autorizadas ata o momento, segundo os ensaios clínicos e o xa observado en áreas onde a vacinación se estendeu, poden diminuír ata máis dun 90% estas mortes.

O risco de morrer pola Covid-19 en alguén non vacinado é arredor de 10000 veces maior có dos trombos vinculados á vacina Vaxzrevia

En todo caso, e para actuar de forma eficaz diante destes posibles riscos, a EMA actualizou tamén as recomendacións no caso de que poidan xurdir estes efectos excepcionais. Entre os síntomas posibles expoñen:

  • Dificultade para respirar
  • Dor de peito
  • Inchazón nas pernas
  • Dor abdominal persistente
  • Síntomas neurolóxicos, como dor de cabeza intensa ou visión borrosa
  • Manchas de sangue na pel máis alá do punto da inxección da vacina

Polo que de producirse estas situacións, a EMA insta ás persoas afectadas a “buscar asistencia médica de inmediato”.

Con todos os condicionantes e matices, o risco de alguén que contrae a Covid-19 e non está vacinado resulta, en calquera caso, moitísimo máis alto (como 10000 veces maior) có dos trombos vinculados á Vaxzrevia. Non hai o mesmo risco, é obvio, nunha persoa nova e sa ca nunha persoa maior e con comorbilidades. Pero nisto, como noutras moitas cousas, hai que ter en conta o colectivo, e non as circunstancias e valoracións individuais de cada un dos habitantes do planeta.

Así, a propia OMS lembraba nun comunicado este mércores que máis de 200 millóns de persoas recibiron a vacina de AstraZeneca e Oxford en todo o mundo, cun “número moi baixo” de episodios adversos, ao tempo que lembraba outra certeza: as 2,86 millóns de mortes por mor da Covid-19.

As cifras en Galicia tamén exemplifican o maior risco de morrer por Covid-19 mesmo nos grupos de idade nos que apenas se produciron mortes polo coronavirus. Por exemplo, no que vai de pandemia, segundo o Sergas, faleceron sete persoas de entre 40 e 49 anos. En Galicia, segundo o INE, viven algo máis de 443000 persoas nese rango de idade. Por tanto, 1 de cada 63000 persoas de entre 40 e 49 anos faleceu por Covid-19 en Galicia.

Por agora, a Consellería de Sanidade non notificou ningún caso de trombose e, por tanto, ningunha morte, vinculada á Vaxzrevia entre as máis de 140000 persoas que recibiron a inxección con esta vacina. E xa pasaron semanas desde que comezase a súa administración (segundo a EMA, a maioría dos eventos trombóticos aconteceron nos 15 días posteriores a primeira dose). Perosi se sabe que faleceron 2363 persoas por mor da Covid-19, isto é, case 1 de cada 1000 dos habitantes de Galicia, ou o 0,1%.

A gran diferenza sobre os beneficios e riscos da vacinación tamén se amosa nunha infografía desenvolvida pola Universidade de Cambridge e recollida pola axencia SINC. Nela compáranse o número de ingresos na UCI que se evitan cada seis semanas de vacinación en escenarios de baixo, medio e alto risco de exposición ao SARS-CoV-2. Esta é a relación no caso dun risco alto de exposición:

Imaxe

Tromboses na Covid-19

Alén da mortalidade, un aspecto que veñen destacando desde o comezo da pandemia os profesionais sanitarios e diversas sociedades científicas sobre o elevado número de tromboses observado nos pacientes de Covid-19. Así o advertía o pasado 31 de marzo a Sociedade Española de Tromboses e Hemostasia (SETH) no seu posicionamento diante da alarma xerada arredor da Vaxzrevia. Ademais do risco de trombose na poboación xeral, que afecta a “1-2 de cada 1000 individuos en cada período anual“, o comunicado destacaba que “a enfermidade por coronavirus provoca, indubidablemente, un aumento de incidencia de tromboses debido a fenómenos inflamatorios moi intensos”, destacando os tromboembolismos pulmonares.

E engadía: “O risco de trombose é variable, pero nos pacientes críticos (en UCI) estímase nun 20-25% dos casos. Nos pacientes hospitalizados non críticos este risco é menor, pero aínda así alcanza o 5%. Os pacientes con enfermidade leve, que non requiren ingreso, tamén teñen un aumento do risco sobre a poboación xeral, e este estímase nun 1%. En todos os casos, o risco supera amplamente o da poboación xeral”.

1 de cada 4-5 pacientes en UCI e 1 de cada 20 hospitalizados non críticos pode desenvolver trombos por mor da Covid-19

Que acontece con outros fármacos?

Nestes días, en relación aos efectos secundarios “moi raros” vinculados pola vacina de AstraZeneca e Oxford, moitas voces aludiron aos efectos adversos que calquera fármaco autorizado pode producir, e que son obxecto dunha avaliación estrita e continua dos servizos de farmacovixilancia. De feito, en calquera prospecto que se consulte pode lerse “como todos os medicamentos [pense aquí en calquera] pode producir efectos adversos, aínda que non todas as persoas o sufran”.

É o caso, por exemplo, do Nolotil, o fármaco máis vendido en España, segundo os datos  da Federación Empresarial de Farmacéuticos Españoles (FEFE). En 2018 vendéronse 17,8 millóns de unidades deste nome comercial do metamizol, un analxésico. Ata 1 de cada 10 persoas que tome Nolotil pode padecer hipotensión, segundo indica o seu prospecto. É dicir, un efecto frecuente. Ata 1 de cada 100 persoas (pouco frecuente) experimenta erupcións e reaccións na pel. Os efectos raros (ata 1 de cada 1000 casos) inclúen asma, diminución de glóbulos brancos no sangue ou reaccións alérxicas. Ata 1 de cada 10000 persoas que o toma pode padecer inflamación no ril, diminución do número de plaquetas no sangue (precisamente, un dos efectos “moi raros” observados na Vaxzrevia), baixada drástica da presión arterial ou agranulocitose (diminución severa do número de glóbulos brancos).

Por que o Nolotil matou a 10 turistas británicos?

Esta última patoloxía foi observada hai algo menos de tres anos nun grupo de británicos de idade avanzada, turistas e residentes na costa mediterránea española. Aquel caso provocou que a Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios emitise unha nota informativa chamando a un maior control no seu uso e recomendando que non se indicase a turistas e poboación flotante, despois da morte de, polo menos, 10 persoas. Algunhas análises apuntaban a que as poboacións do norte de Europa poderían ter unha certa predisposición xenética a unha reacción adversa a este fármaco en forma de agranulocitose.

Tamén se falou bastante dos tratamentos anticonceptivos. A propia AEMPS realizou no 2013 unha revisión sobre o risco “xa coñecido” de coágulos venosos asociados ao uso de anticonceptivos hormonais combinados. Nela expuxo que, en función das diferentes hormonas usadas en cada fármaco, o risco oscilaba entre os 5 e os 12 casos anuais de tromboembolismo venoso por cada 10000 mulleres que os usan, fronte aos 2 eventos anuais por cada 10000 mulleres que non usan anticonceptivos. Mais, con todo, argumentábase, como acontece con outros fármacos, que “os beneficios superan os seus posibles riscos” xa que “son un método moi eficaz para evitar embarazos non desexados”. Así, unha vez incluída esta información no prospecto, recomendaba ás mulleres que usasen estes fármacos que consultasen co seu médico ou médica calqueira dúbida ou posible síntoma.

Pero os riscos de tromboses non están só vinculados ao consumo de fármacos. O modo de vida e determinados hábitos, segundo lembraba o científico Adam Taylor nun recente artigo, incrementan notablemente o risco de padecer coágulos. Ter obesidade, por exemplo, duplica o risco de tromboses respecto da poboación xeral. Fumar triplícao. E nos voos de longa distancia arredor de 1 de cada 1000 persoas experimenta unha trombose venosa profunda polo tempo que se pasa inmóbil no avión.

Coágulos sanguíneos e Covid-19: cinco factores de risco

As dúbidas que permanecen

E que pasará agora? É a pregunta lóxica que se fan as máis de 140000 persoas que en Galicia xa foron vacinadas coa primeira dose de AstraZeneca e Oxford. Os gobernos de varios países da UE decidiron, por segunda vez en poucas semanas, modificar a súa estratexia mais, por agora, non se informou dos seguintes pasos.

No caso de España, a ministra de Sanidad, Carolina Darias, expuxo as posibilidades que hai sobre a mesa. Para as persoas maiores de 60 anos manterase o previsto e continuarase inxectando a Vaxzrevia. E a Comisión de Saúde Pública confirmou este xoves que se usará ata os 69 anos, o que permitirá acelerar a vacinación nesta franxa de idade.

Por baixo deste limiar, ábrense distintas opcións. Con todo, hai marxe para estudar a información dispoñible e tomar as medidas correspondentes. A mencionada vacina comezou a administrarse en España a mediados de febreiro, e hai un espazo de entre 4 e 12 semanas para a segunda dose, isto é, ata finais de abril ou comezos de maio, como mínimo.

Darias avanzou que se está estudando, por exemplo, a opción de deixar cunha única dose a menores de 60 anos, baseándose en estudos que se están a realizar e que apuntan a unha protección do 70% contra casos graves de Covid-19. Ou, pola contra, completar a pauta con outra vacina dispoñible, como a de Janssen.

O investigador Federico Martinón, xefe de servizo de Pediatría do Hospital de Santiago e membro do comité asesor de vacinas da Organización Mundial da Saúde, valorou a través das redes sociais outras opcións. Unha delas é a de completar a pauta coa mesma vacina. “Cando se produce un efecto adverso tan raro con un fármaco, en xeral hai algún factor predispoñente específico nesa persona. Así que se non houbo problema coa primeira dose, é moi improbable que o haxa coa segunda, xa que se realmente houbese esa maior predisposición, xa se tería manifestado”.

Martinón tamén valora a opción de “empezar de cero con outra vacina, como se non se recibise a primeira dose”. Porén, lembraba que “esta posibilidade, coa escaseza de vacinas que todavía hai, é pouco probable”. Con todo, lembraba que son todo hipóteses, e o que haberá que facer será o que din as autoridades sanitarias”, ao tempo que chamaba á “tranquilidade neste mar de confusión”.

Convencer polo “ben común”

Diante das dúbidas polas informacións sobre os efectos adversos extremadamente raros e o medo que xera a situación nalgunhas persoas, os expertos apelan á solidariedade e ao ben común para acadar a protección poboacional suficiente. Como destacaban nun artigo para a Axencia SINC os investigadores Itziar de Lecuona e Fernando García López, foi a protección xeneralizada da poboación a que conseguiu acabar con enfermidades moi daniñas para a Humanidade, como a varíola ou a poliomielite. “A vacinación é un acto de autoprotección e de solidariedade ao mesmo tempo: quen se vacina xera  autodefensas fronte á enfermidade e, ademais, contribúe a xerar inmunidade de grupo. Cando se alcanza a inmunidade de grupo, esta protexe a toda a colectividade de novos  contaxios”. E engadían, “É certo que as persoas que se vacinan expóñense ao risco de padecer certos efectos adversos para protexerse dunha enfermidade da que non se sabe se a padecerían no caso de non vacinarse, pero que pode entrañar riscos moito peores, para elas ou para os seus achegados”.

Por todo isto, no contexto actual da pandemia, “a vacinación non é exclusivamente un asunto persoal, porque vai contribuír decisivamente ao control da pandemia e, con iso, a mellorar  ostensiblemente a saúde da poboación, a promover o ben común, do que a sociedade e os individuos que a compoñen se beneficiarán”, concluían.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.