Venres 26 Abril 2024

Por que o Nolotil matou a 10 turistas británicos?

O problema comezou a destapalo hai uns meses o xornal británico The Times: “Británicos morren despois de tomar o calmante español Nolotil”, era o titular dunha información na que se falaba de máis dun cento de afectados, tanto turistas como británicos afincados na costa mediterránea. E a finais de outubro, despois dunha minuciosa investigación, a Axencia Española do Medicamento (AEMPS) do Ministerio de Sanidade publicou unha nota informativa na que recomendaba extremar as precaucións na prescripción deste medicamento á poboación flotante.

O metamizol está prohibido en bastantes países debido a unha maior presenza de reaccións adversas

Non é algo novo nin descoñecido. Segundo recolle a farmacéutica e divulgadora Marian García no seu blog, está documentada desde os anos 70 a reacción adversa ao metamizol en forma dunha patoloxía inmune, a agranulocitose. O metamizol é un analxésico (calmante) e antipirético (contra a febre) que leva moito tempo vendéndose en España co nome comercial de Nolotil, Algi-Mabo, Metalgial, Metamizol EFG, e tamén asociado a outros medicamentos, como a escopolamina, co nome de Buscapina Compositum. Porén, o seu uso está prohibido en bastantes países (entre eles Suecia, Reino Unido ou Estados Unidos) debido á elevada cifra de reaccións adversas que producen agranulocitose.

Publicidade

Fuse809

Estatus legal (2014) do metamizol (nome xenérico do Nolotil) no mundo. En vermello, países onde está prohibido; en azul escuro, só con receita; en azul claro; sen apenas restriccións; en laranxa, só con receita e con amplas restriccións; en gris; sen datos. Fonte: Fuse809, con datos da OMS / CC BY-SA 3.0.
Estatus legal (2014) do metamizol (nome xenérico do Nolotil) no mundo. En vermello, países onde está prohibido; en azul escuro, só con receita; en azul claro; sen apenas restriccións;
en laranxa, só con receita e con amplas restriccións; en gris; sen datos. Fonte: Fuse809, con datos da OMS / CC BY-SA 3.0.

A doenza consiste, de xeito resumido, en que o corpo deixa de producir de súpeto un tipo de glóbulos brancos, os granulocitos. E, por tanto, a capacidade inmune do organismo diminúe de forma alarmante, deixando a porta aberta a infeccións e problemas de todo tipo. Adoitan aparecer síntomas como o malestar xeral, febre persistente, dor de gorxa, na boca e no nariz, hematomas, sangrado ou palidez.

A agranulocitose provoca unha reducción moi rápida dun tipo de glóbulos brancos

Segundo explica a propia AEMPS, no prospecto do metamizol inclúese xa a agranulocitose como posible reacción adversa – aínda que cunha frecuencia moi baixa – que pode chegar a provocar a morte. Os problemas adoitan aparecer, en máis da metade dos casos de reaccións adversas que foron estudados, en tratamentos que duraron máis dunha semana.

Nos últimos 10 anos, segundo indica a información da axencia, “duplicouse o uso de metamizol en España, sendo máis acusado o aumento nos cinco últimos” (de 2013 a 2017 pasouse de 14,6 a 22,8 millóns de envases de cápsulas). Incrementouse tamén, por tanto, a notificación de reaccións adversas incrementouse, especialmente en persoas de idade avanzada, para as que xa se desaconsellaba a prescripción deste analxésico.

O Nolotil e a xenética

A propia nota da AEMPS aborda un aspecto do que se leva falando desde hai anos. Unha determinada configuración xenética, sobre todo a propia dos países nórdicos, parece estar relacionada cunha maior cantidade de reaccións adversas ao metamizol. Un estudo publicado pola Revista Clínica Española en 2009 e realizado por doutores do hospital de Marbella, despois dun episodio semellante, aínda que menos grave, que o deste ano, concluía que “debe evitarse o uso” deste medicamento.

Con todo, segundo o Ministerio, “coa información dispoñible non se pode nin descartar nin confirmar un maior risco en poboacións con características étnicas específicas”. En 2002, un estudo realizado en Suecia e publicado polo Boletín Farmacéutico da OMS confirmou a evidencia de que a reacción adversa era maior en pacientes deste país. Porén, non se puido confirmar que existira unha particularidade xenética nos escandinavos que os fixera máis vulnerables.

Porén, para evitar novos episodios, a AEMPS emitiu unha serie de recomendacións a profesionais sanitarios: utilizar o metamizol en tratamentos dun máximo de sete días, dentro das súas indicacións autorizadas e nas doses mínimas eficaces; realizar controis hematolóxicos, especialmente nos leucocitos, no caso de que sexa preciso un tratamento máis longo; vixiar a aparición de síntomas de agranulocitose; revisar a historia clínica do paciente para comprobar posibles antecedentes; adoptar especial precaución en persoas de idade avanzada; e, no último punto, recomenda “non utilizar metamizol en pacientes nos que non sexa posible realizar controis”, como é o caso dos turistas.

Podes ler aquí a nota informativa da Axencia Española dos Medicamentos e Produtos Sanitarios.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Parches inspirados en tentáculos de polbo para administrar fármacos no interior da meixela

As pequenas ventosas de goma recheas de medicación demostraron a súa eficacia para facer chegar os compostos ao torrente sanguíneo

Galicia avanza para contar cos seus propios medicamentos CAR-T nos próximos anos

A finais de ano abrirá un centro de produción en Santiago e un proxecto de investigación traballa para aplicalos en tumores sólidos

Por que Enantyum é tendencia nacional en Twitter?

Un farmacéutico da rede social xoga coa súa audiencia a tratar de resolver caligrafías ilexibles que chegan ás súas mans

Reutilización: novos usos saudables para medicamentos antigos

Os fármacos que foron aprobados para medicar unha doenza están a aproveitarse para tratar outras, salvando vidas e brindando novas esperanzas