Xoves 25 Abril 2024

Algas fósiles revelan a evolución da ría de Vigo co cambio climático

Para comprender como responden os seres vivos ante cambios ambientais é preciso coñecer ben cal é a resposta natural dos ecosistemas ante eses cambios cando non existe impacto debido a actividades humana. O único método útil é estudar que sucedeu no pasado, antes de que se produciran impactos humanos significativos.

Para isto, a principal ferramenta é a reconstrución paleoambiental, é dicir, a reconstrución do que aconteceu no pasado a través do estudo de proxys ou indicadores paleontolóxicos (“fósiles”) que perduran ao longo do tempo e permiten obter información sobre o ambiente no que viviron, os cambios ocorridos nos seres vivos e relacionalas con oscilacións no ambiente, como as temperaturas, o nivel do mar ou as precipitacións.

Publicidade

Este é o campo de traballo do Laboratorio de Paleobotánica da Universidade, no que se analizan microscopicamente palinomorfos, é dicir, estruturas resistentes producidas por diversos organismos vexetais (vexetación, fungos, microalgas e dinoflaxelados) que se acumulan no fondo da ría e poden perdurar moito tempo (incluso miles de anos) nos sedimentos.

Fitoplancton e corer coas mostras empregados na investigación.
Fitoplancton e corer coas mostras empregados na investigación.

Os diferentes estudos realizados neste campo los investigadores da Universidade de Vigo permitiron identificar, por exemplo, cambios na produtividade do fitoplancto nos últimos 200 anos provocados, entre outros factores, polo cambio climático, a contaminación, a construción de encoros ou a produción masiva do mexillón.

A distribución dos palinomorfos varía en función de diversos parámetros ambientais, como a temperatura ou as choivas, e tamén a dispoñibilidade de nutrientes na columna de auga, no caso das algas mariñas. Así, o seu estudo permite reconstruír a paisaxe vexetal, a produtividade mariña e as condicións ambientais predominantes no momento en que estes microfósiles foron depositados, así coma a súa variabilidade ao longo do tempo.

En concreto, o persoal investigador do grupo de investigación XM-3 da Universidade de Vigo está a desenvolver un traballo centrado no estudo de quistes de dinoflaxelados (dinocistes) acumulados nos sedimentos para reconstruír as condicións no medio mariño (paleohidroloxía).

Atopáronse novos dinoflaxelados que se pensaba que sólo existían no Mar Negro

Segundo explican os investigadores, unha colaboración co Laboratorio de Palinoloxía Mariña da Universidade de Victoria (Canadá) axudou a perfeccionar as técnicas de identificación e interpretación paleoambiental a partir de dinocistes que se estaban a realizar no Laboratorio de Paleobotánica da Universidade de Vigo. Froito desta colaboración xurdiu un traballo que permitiu a reconstrución de alta resolución dos cambios ocorridos nos ecosistemas da ría de Vigo nos últimos dous séculos a partir do estudo de dinocistes mariños e doutras “microalgas” de orixe continental.

Os dinoflaxelados son uns dos compoñentes principais do microfitoplancto e a súa composición e variabilidade depende do réxime de temperaturas, das achegas fluviais e da dispoñibilidade de nutrientes, entre outros factores. O estudo dos dinocistes nun rexistro sedimentario da ría de Vigo que foi acumulado durante as últimas décadas axudou a reconstruír os principais cambios que ocorreron na hidroloxía da ría e a identificar os factores que os causaron.

A ría sen a ponte de Rande.
A ría sen a ponte de Rande.

Por exemplo, identificouse unha fase de transición (1855-1910 DC) dende as etapas finais da pequena idade de xeo (1400-1900), cara ás condicións máis cálidas e húmidas que gobernarían a maioría do século XX. Tamén se detectaron fortes cambios na produtividade do fitoplancto e na distribución de especies que se atribúen principalmente ao cambio climático recente, a diferentes tipos de contaminación, ao cambio do réxime fluvial e á destrución de hábitats.

Constatouse, por exemplo, que a contaminación, a construción de encoros ou a produción masiva do mexillón está a ter efectos na produtividade do fitoplancto. Un dos efectos máis relevantes é o incremento de certas especies heterótrofas, que antes eran moi pouco abundantes, debido ao incremento das achegas de nutrientes e materia orgánica como resultado da descarga de augas fecais, entre outras causas. “Tamén observamos a diminución xeral dos dinoflaxelados autótrofos (baixada da produtividade primaria de dinoflaxelados) debido probablemente ao aumento da turbidez (menor penetración luminosa) e/ou á baixada da dispoñibilidade de osíxeno na auga”, indica Iria García Moreiras, do grupo XM-3.

Os investigadores tamén obtiveron novos datos a sobre a distribución dalgunhas especies de dinoflaxelados, coma Peridinium ponticum, que ata agora se consideraba exclusivo do Mar Negro. “Grazas a este novo estudo, demostramos que esta especie está presente nas augas galegas de forma natural dende, polo menos, 1830”, indica Iria García Moreiras, que engade que, tamén relacionaron “o crecemento masivo dalgunhas especies potencialmente tóxicas (como Lingulodinium polyedrum) con certos factores ambientais; parece que o incremento das chuvias e, como consecuencia, das descargas fluviais, aportan nutrientes extra que favorecen a proliferación destes dinoflaxelados”.

O conxunto de traballos que realizamos no equipo de investigación XM-3 da Universidade de Vigo demostra a elevada sensibilidade dos ecosistemas costeiros ante cambios e impactos ambientais, e resalta a necesidade de apostar por investigacións que axuden a comprender o seu funcionamento e promovan a súa conservación e recuperación. Ademais, estes datos serán de utilidade á hora de interpretar secuencias sedimentarias máis antigas, depositadas fai decenas de miles de anos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo identifica na ría de Vigo patóxenos cun impacto “crucial” para a acuicultura e a biodiversidade mariña

Os investigadores atoparon bacterias, organismos eucariotas, especies invasoras e os cambios estacionais de abundancia

A temperatura da ría de Vigo foi estable ata 2020: estamos ante un cambio brusco de ciclo?

Un equipo do IEO recoñece que está sendo un "verán atípico" e con valores moi altos nas Rías Baixas, pese á tendencia dos últimos 30 anos

O incendio de Tenerife e outros fenómenos: cantos identificas nesta imaxe da NASA?

O organismo estadounidense capta dende o espazo o fume dun lume que xa deixa 1.800 hectáreas queimadas na illa canaria
00:01:01

A dramática escena dunha nai delfín que nada xunto a súa cría morta na ría de Vigo

O pequeno arroaz apareceu posteriormente varado na enseada de Cangas e foi retirado para a realización dunha necropsia