A EMA avisa de que o uso excesivo de ibuprofeno e codeína pode causar a morte

A Axencia Europea do Medicamento pide que os prospectos sinalen de forma explícita que o seu uso pode causar danos en riles e intestino ou incluso a morte

A Axencia Europea do Medicamento (EMA) vén de anunciar a súa recomendación para que tódolos fármacos combinados de codeína e ibuprofeno inclúan unha advertencia clara sobre os danos graves que poden causar, incluíndo a morte. Nomeadamente, os que teñen que ver con afeccións renais e intestinais cando se fai un uso prolongado e de doses superiores ás recomendadas polos facultativos.

A codeína con ibuprofeno é unha combinación de dous medicamentos, un opioide (codeína) e un antiinflamatorio (ibuprofeno), que se usan para tratar a dor en xeral. O uso repetido de codeína con ibuprofeno pode provocar dependencia en forma de adicción e abuso debido ao compoñente de codeína.

Publicidade

A decisión do comité da EMA chega logo dunha revisión fonda de casos de toxicidade renal, gastrointestinal e metabólica que se informaron de xeito vinculado aos casos de abuso e dependencia de codeína con combinacións de ibuprofeno, algúns dos cales foron letais.

O Comité de Avaliacion de Riscos de Farmacovixilancia (PRAC) da EMA descubriu que, cando se toma en doses superiores ás recomendadas ou durante un período de tempo prolongado, a codeína con ibuprofeno pode danar os riles, evitando que eliminen adecuadamente os ácidos do sangue aos ouriños. O mal funcionamento dos riles tamén pode causar niveis moi baixos de potasio no sangue (hipopotasemia), algo que, á súa vez, pode causar síntomas como debilidade muscular e mareos. Polo tanto, a acidosis tubular renal e a hipopotasemia engadiranse á información do produto como novos efectos adversos.

Publicidade

Primeiras reaccións no mundo da medicina

Para o profesor Titular de Farmacoloxía e Vicerreitor de Investigación e Ciencia da Universidad Camilo José Cela, Francisco López, esta medida da EMA resulta “bastante adecuada, máxime cando, en moitas ocasións, os axentes analxésicos son consumidos dunha forma excesiva e algúns deles, como precisamente a codeína e o ibuprofeno, son considerados como fármacos inocuos que apenas xeran problemas de seguridade. Estas medidas de farmacovixilancia sempre deben ser benvidas, para garantir dunha maior seguridade no consumo de medicamentos”, segundo recolle Science Media Centre.

Aínda que dende o Consello de Colexios Médicos de Galicia avisan de que é cedo para pronunciarse sobre esta instancia da EMA, si que concordan cun problema de automedicación que vén de longo. “Moitas veces as persoas non son conscientes de que no seu botiquín teñen unha bomba tóxica. Por exemplo, se se toman dez ou once pílulas dun paracetamol dun gramo, a persoa xa está tomando doses que se consideran tóxicas”, reflexiona Jorge Nogueira, secretario do Consello de Colexios Médicos de Galicia, que prefire estudar adecuadamente o anuncio da EMA antes de emitir un xuízo axeitado sobre este caso concreto.

Dado que os medicamentos que conteñen unha combinación de codeína e ibuprofeno están autorizados a nivel nacional, o PRAC acordou emitir mensaxes chave que as autoridades nacionais competentes poden usar ao redactar a súa comunicación aos profesionais da saúde pertinentes. O obxectivo é informar adecuadamente os pacientes sobre signos de abuso e dependencia e tamén dos riscos de enfermidades graves. “Débese recomendar aos pacientes que consulten ao seu médico se desexan usar codeína con ibuprofeno durante máis tempo do recomendado e/ou en doses superiores ás recomendadas”, remata o comunicado feito público esta mañá.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Ministerio de Sanidade conclúe que non hai evidencia científica que avale a homeopatía

O Ministerio publica un informe que analiza 64 estudos sobre a homeopatía e conclúe que non hai evidencia da súa eficacia en tratamentos para a saúde

A galega Zendal logra luz verde para comercializar a primeira vacina trivalente contra a lingua azul

A Axencia Europea de Medicamentos valida o fármaco destinado a ovinos fronte a varios serotipos do virus polos seus efectos sanitarios e económicos

Hai desigualdades no acceso a fármacos contra a obesidade?

A semaglutida ten propiedades que axudan ás persoas a perder peso ou controlar a diabetes, pero non todas poden permitirse este medicamento debido ao seu elevado custo

O CSIC consegue un avance clave para frear a dexeneración neuronal da enfermidade de Huntington

A activación dunha proteína no cerebro pode ser clave para frear o desenvolvemento desta doenza rara con poucas opcións terapéuticas