Cosmic Reef, a imaxe escollida para o 30 aniversario do Hubble. Foto: NASA
Cosmic Reef, a imaxe escollida para o 30 aniversario do Hubble. Foto: NASA

Este mes de outubro vén cargado de datas sinaladas para as persoas que aman a astronomía. Se a situación meteorolóxica o permite e os ceos están despexados, dende Galicia poderán observarse, alomenos, nove fenómenos astronómicos. Dende chuvias de estrelas singulares ata aliñamentos de planetas máis habituais.

Sen dúbida, antes de arrincar coa listaxe dos eventos astronómicos máis significativos que se poderán ver dende territorio galego este mes, cómpre aclarar algunhas consideracións. A principal é que o lugar para poder visibilizar a maioría dos fenómenos ten que ter o menor grao de contaminación lumínica, xa que a a visibilidade será proporcional á escuridade da zona. Outra, menos evidente, é que para o caso das chuvias de estrelas e meteoros ou para calquera evento que abranga moito espazo no ceo desaconséllase o uso de calquera tipo de telescopio ou prismático. A razón é sinxela. Este tipo de instrumentos focalizan demasiado o punto de atención e fan perder capacidade de visión de todo o ceo nocturno.

Publicidade

Conxunción da Lúa con Saturno e Xúpiter

Nesta materia, enténdese como conxunción o aliñamento que se produce entre dous astros vistos dende un terceiro. En xeral, dende a Terra. No comezo deste mes poderán verse dúas destas conxuncións. A primeira, a da Lúa con Saturno. Este fenómeno acontecerá este mércores 5 de outubro e poderá observarse, ademais, cunha Lúa iluminada case completamente. O mesmo vai acontecer entre a Lúa e Xúpiter, un evento que se poderá apreciar dende Galicia o 8 de outubro.

Chuvia de meteoros de Dracónidas con Lúa chea

O 2022 é un ano especialmente malo para a observación da chuvia de meteoros de Dracónidas, xa que coincide no 9 de outubro coa Lúa chea, que coa súa iluminación restará visibilidade dunha forma notable. Aínda así será visible dende todo o hemisferio norte entre os días 6 e 10 de outubro, cunha máxima actividade entre o 8 e o 9. Segundo a información que vén de publicar o Instituto Xeográfico Nacional, as Dracónidas son, per se, unha “chuvia de meteoros modesta” que xera uns 20 meteoros por hora.

Este fenómeno acontece cando a Terra atravesa o anel formado polos fragmentos desprendidos do cometa 21P/Giacobini-Zinner, polo que esta choiva de meteoros tamén recibe o nome das giacobínidas. Cando un deses anacos entra en contacto coa atmosfera terrestre, quéimase pola fricción co aire creando así o resplandor luminoso que se pode observar no ceo.

Chuvia das Táuridas do Sur

Igual que acontece coas Dracónidas, esta chuvia de estrelas, este ano, será visible de xeito parcial debido á proximidade na data coa Lúa chea. O día máis indicado para facelo será o 10 de outubro e poderán observarse arredor de cinco meteoros por hora. Segundo as descricións do portal astronómico de divulgación da NASA, este tipo de meteoros adoitan ser bastante máis lentos en atravesar o ceo que, por exemplo, as Perseidas. Isto convérteo nun evento ideal para iniciarse na observación astronómica.

Ademais, apenas cinco días despois, o 15 de outubro, poderá observarse tamén a conxunción habitual entre a Lúa e Marte nos ceos galegos.

Chuvia dos meteoros de Oriónidas

O plato forte deste mes, porén, será a chuvia de estrelas chamada Oriónidas. Trátase duns meteoros provintes do cometa 1/P Halley que cada 76 anos crúzase coa órbita da Terra no seu percorrido arredor do Sol. O mellor deste evento é que será visible durante todo o mes de outubro e a primeira semana de novembro, ata o día 7. Iso convértea nunha das chuvias de meteoros visibles dende Galicia que máis tempo duran. Aínda así, segundo a información que publica o Instituto Xeográfico Nacional, os mellores días para desfrutar deste fenómeno serán o 21 e o 22 de outubro. Ademais, como a Lúa chea quédalle lonxe no tempo, a visibilidade será idónea. O propio día 21 tamén se poderá observar unha conxunción solar de Venus.

Eclipse parcial de Sol

Por último, o martes 25 de outubro tamén acontecerá un pequeno eclipse parcial de Sol, aínda que dende entidades como o Instituto Xeográfico Nacional explican que será dificilmente observable dende Galicia, pero si será apreciable dende as fronteiras con Asturias e Castela e León.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.