Un posible contaxio de ébola reabre a alerta sanitaria tralo primeiro caso en 2014

Unha antropóloga que viaxou a África presenta unha sintomatoloxía grave, aínda que se atopa estable nun hospital de Donostia (País Vasco)

Unha muller ingresou este xoves nun hospital de San Sebastián (País Vasco) ante o risco de estar contaxiada de ébola. Recentemente, esta antropóloga vasca de 54 anos viaxou a África e presenta un cadro grave que encaixa coa sintomatoloxía do virus. Está ingresada no Hospital Universitario Donostia de Osakidetza, o centro de referencia en febres hemorráxicas. Foi no regreso ao País Vasco cando a muller empezou a atoparse mal. Dende o Servizo Vasco de Saúde (SVS) explican que se puxo en marcha o “dispositivo e protocolo en menos de 24h co fin de ofrecer a mellor atención á persoa procedente da República Centroafricana, garantizando o seu illamento e seguridade, así como a do equipo profesional que a atende”.

O SVS apunta tamén que a muller se atopa “estable” e que o Hospital Universitario conta cunha unidade de recursos especiais para o tratamento de ébola. O último contaxio rexistrado en España foi en outubro de 2014, cando a enfermeira Teresa Romero se infectou ao atender a un misioneiro. Logrou superar o virus e foi a primeira infectada por ébola en España. Un caso polémico e que fixo saltar as alarmas das institucións, que ordenaron, ademais, o sacrificio de Excalibur, o perro da enfermeira.

Publicidade

Como se transmite?

O ébola é unha enfermidade infecciosa grave que se propaga entre humanos por transmisión de persoa a persoa. A infección prodúcese por contacto directo ou indirecto co sangue ou outros líquidos ou secrecións corporais (feces, ouriños, saliva, seme) de persoas infectadas, só cando estas presentan síntomas. Non se transmite a través do aire. Aínda que a enfermidade adoita ter unha letalidade alta, no actual gromo a taxa sitúase entre o 55% e 60%, segundo explica a Organización Mundial da Saúde (OMS). Detectouse por primeira vez en 1976 na República Democrática do Congo (antiga Zaire) e dende entón, os gromos rexistráronse en distintas zonas de África.

Síntomas

Segundo explica, a OMS, os síntomas caracterízanse pola aparición súbita de febre, cansazo e dores musculares, de cabeza e de garganta, seguidos de vómitos, diarrea, erupcións cutáneas e hemorraxias externas e internas. O tempo transcorrido dende que unha persoa se infecta ata que presenta síntomas adoita ser de 2 a 21 días. Os pacientes non son contaxiosos ata que presentan síntomas, pero despois poden contaxiar a enfermidade mentres o seu corpo conteña o virus, mesmo despois de falecer.

Publicidade

Despois de recuperarse da Enfermidade do Virus do Ébola (EVE), as persoas poden ter durante dous anos síntomas como cansanzo, dor de cabeza, dores musculares e articulares, dor ocular e problemas de visión, aumento de peso, dor abdominal e perda de apetito, caída do cabelo e problemas na pel, trastornos de soño, perda de memoria, perda de audición, depresión e ansiedade.

Tratamento

As persoas con síntomas de EVE deben recibir atención médica inmediatamente, pois con iso aumentarán as posibilidades de sobrevivir. O tratamento consiste en líquidos orais ou intravenosos e medicamentos, e debe facerse no hospital. Non é seguro atender aos enfermos na casa porque non recibirán o mesmo nivel de atención que poden ofrecer os profesionais, e porque poden contaxiar a outras persoas. Hai unha vacina eficaz para o Ebolavirus Zaire, que aparece sobre todo en Guinea e a República Democrática do Congo. O tratamento con anticorpos administrados por vía intravenosa aumenta as posibilidades de supervivencia. Na actualidade están a investigarse vacinas e tratamentos para outros tipos de VE. Calquera que sexa o tipo de VE, os tratamentos de apoio salvan vidas. Estes tratamentos consisten en: líquidos orais ou intravenosos, transfusións de sangue, medicamentos contra outras infeccións que poida ter o paciente, como o paludismo e fármacos para a dor, náuseas, vómitos e diarrea.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nova epidemia de ébola: por que declarou a OMS unha emerxencia internacional?

O 15 de maio confirmouse un gromo causado pola especie 'Orthoebolavirus bundibugyoense' na República Democrática do Congo. Por Raúl Rivas

A OMS eleva a cinco os casos confirmados de hantavirus

A organización asegura que os demais pasaxeiros do 'MV Hondius', que navega en dirección ás Canarias, non presentan síntomas e que o risco para a poboación xeral é "baixo"

Que é o virus Nipah e por que non vai ser a próxima gran pandemia

Trátase dunha zoonose identificada por primeira vez en Malaisia en 1999, orixinada por morcegos e da que só se rexistran casos no sueste asiático

A OMS alerta de que España xa non é un país libre de sarampelo

En 2024 confirmáronse 227 casos e en 2025 a cifra aumentou a 397, cunha alta porxentaxe de persoas non vacinadas e casos importados