Atopan a primeira receita médica en galego, unha ‘pequena xoia’ do século XV

Está anotada no reverso dunha escritura notarial datada o 2 de abril de 1477 e conservada no Arquivo da Real Chancillería de Valladolid

Os máis curiosos descubrimentos xogan ás agachadas. Permanecen silandeiros nos lugares máis particulares, poñéndollo o máis difícil posible a aquel que busca cos ollos ben abertos. Aínda que o investigador que escudriña nos documentos históricos o fai co afán de atopar algo en concreto, o azar ábrelle a porta a todas aquelas manifestacións dos nosos antepasados que están agardando a ser descubertas. É o caso da primeira receita médica en galego, datada o 2 de abril de 1477 e anotada no reverso dunha escritura notarial, onde se detallan os pasos para preparar a medicina, a súa dose e administración. O achado foi publicado na Revista Galega de Historia Murguía polos seus autores, Ricardo Pichel, da Universidade de Alcalá e do Instituto da Lingua Galega, e Rodrigo Pousa, da Universidade de Vigo (UVigo).

“É a primeira mostra coñecida até o momento no espazo cultural galego de literatura técnica de natureza médica non asociada ao mundo animal”, explican os investigadores. Esta extraordinaria peza de gran valor documental, lingüístico, científico-literario e cultural da Galicia medieval atópase conservada no Arquivo da Real Chancillería de Valladolid. Forma parte dos atados que proban o preito que enfrontou aos Mariño de Lobeira, unha familia aristócrata, cos arcebispos de Santiago pola xurisdición de varias freguesías do alfoz de Muros (1470-1524).

Publicidade

Un dos documentos que atoparon de 1477 é un acordo escrito en galego entre Xoán de Vioxo e Fernán Couceiro polo lugar de Vioxo (Chacín, Mazaricos), que se presentou ante o notario público xurado do alfoz de Muros, Pedro de Antelo. É no reverso deste papel, cunha letra parecida e que os investigadores achacan á mesma época, onde alguén apuntou unha “receuta da meliza“, na que se explica detalladamente a súa composición, como se prepara, cales son as doses e a posoloxía. Segundo explican os investigadores na Revista Galega de Historia Murguía, o texto médico de natureza farmacéutica puido ser elaborado polo “físico” do lugar, é dicir, un boticario ou un médico.

Un documento ‘extraacadémico’

A receita foi feita para unha persoa con problemas gastro-intestinais, aínda que puido ser unha copia dun texto máis amplo, explican Pichel e Pousa. “Non achamos de momento exemplos de herbarios ou receitarios similares na tradición castelá e portuguesa medieval coa mesma composición ou baseados nas propiedades da herba coa que se identifica esta receita”. Para eles, non se pode comparar a un texto médico de carácter teórico ou descritivo, senón que é de “extraacadémico”; unha sorte de caderno médico máis alá dos herbarios e receitarios.

Publicidade

Os autores do estudo alegan que a redacción desta receita non está condicionada pola retórica da tradición literaria, senón que é “un acto de escrita cotiá, definida pola súa inmediatez e concibido en función das necesidades dun paciente en concreto”. Un tratamento que se lle receita a un doente para ser tomado durante un tempo determinado en función das súas necesidades e o seu historial médico.

“Descoñecemos cal foi o ámbito de produción concreto no que se puido elaborar esta receita, mais tendo en conta o contexto codicolóxico e diplomático no cal foi preservado, todo parece apuntar a que se podería tratar dun texto copiado por algún individuo próximo ao núcleo familiar ou profesional dos Antelo ou dos Mariño de Lobeiro”, explican. No documento faise referencia á “casa de Gonçalvo do Ribeiro”, en referencia, apuntan, á procedencia dunha parte dos ingredientes necesarios para facer a receita.

A hexemonía do galego

Nun momento no que o castelán comezaba a ocupar os espazos que antes estaban presididos polo galego, este documento histórico demostra que a lingua de Galicia era hexemónica e empregábase non só en ambitos sociais, senón no eido médico e científico. Os investigadores, alén disto, non deixan de sinalar o vocabulario técnico empregado ao respecto do comercio marítimo internacional e a intensidade do mesmo nos portos galegos. “Máis alá da valiosa información lingüística que podemos extraer do texto, o vocabulario técnico empregado nel contribúe tamén a documentar o coñecemento que temos do comercio marítimo baixomedieval e altomoderno galego, por canto son moi escasos os testemuños da presenza e utilización de certas especias foráneas, como no caso do sene de Alexandría ou da canafístula”.

  1. Estaría ben (sería un bo servizo para o país) que a revista Murguia estivera aberta polo menos en Dialnet.

  2. Por favor, publicado a transcrición do texto e, se non se pudiera facer así, poderiades mandarmo? Estou moi interesado en coñecelo. Grazas por adiantado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Protocolos notariais e fotos do século XIX: a Catedral de Santiago dixitaliza máis de 82.000 documentos en liña

O novo espazo virtual do Arquivo-Biblioteca incorpora fondos medievais e unha base de datos pública sobre peregrinacións a Compostela

O CSIC consegue un avance clave para frear a dexeneración neuronal da enfermidade de Huntington

A activación dunha proteína no cerebro pode ser clave para frear o desenvolvemento desta doenza rara con poucas opcións terapéuticas

A USC terá cunha cátedra para aplicar intelixencia artificial á medicina personalizada

Encabezada polo CiTIUS, o proxecto explorará a aprendizaxe automáticos e os modelos preditivos para personalizar os tratamentos

Un novo fármaco reduce os síntomas previos a xaquecas como sensibilidade á luz ou mareos

O medicamento, en fase de probas, amosouse efectivo para combater o malestar que precede a un forte ataque de dor de cabeza