O Congo sofre brotes simultáneos de ébola, sarampelo e coronavirus

A OMS confirma preto dunha decena de casos ao noroeste da República Democrática, que se suman ás 6.000 mortes por sarampelo e máis de 70 por Covid-19

Un día despois de que Galicia rexistrara o primeiro caso de Covid-19, con Italia e España sumando novos casos a toda velocidade, chegaba unha noticia positiva desde a República Democrática do Congo sobre outra das epidemias máis letais dos últimos decenios, o ébola. A última paciente dun dos maiores gomos rexistrados no país, que comezara en 2018, recibira a alta. Porén, tres meses despois, as autoridades locais e a Organización Mundial da Saúde volven lanzar a alerta por un abrocho detectado á beira do río Congo, no noroeste da República Democrática do Congo. O problema, xa de por si preocupante, cadra no tempo coa pandemia da Covid-19, que suma máis de 3.000 casos e 72 mortes no país, e unha epidemia de sarampelo, que está afectando sobre todo a nenas e nenos e que suma xa máis de 6.000 falecementos.

“Este brote é un recordo de que a Covid-19 non é a única ameaza sanitaria que ao xente ten que afrontar”, declarou a través de Twitter Tedros Adhanom Ghebreyesus, director xeral da OMS. Segundo recolle Reuters, detectáronse oito casos, dos que catro morreron na cidade de Mbandaka, un importante nó de comunicacións coa capital do país, Kinshasa, e que conta cunha poboación de máis de 1,5 millóns de habitantes. Mbandaka está a uns 1.000km da zona onde se detectou o anterior brote, na provincia de North Kivu, fronteiriza con Uganda, e que causara 3.463 casos, con 2.280 mortes e 1.171 curacións.

Publicidade

O gomo de ébola é o undécimo que se rexistra desde o descubrimento do virus en 1976, e a zona de Mbandaka rexistrou o noveno deles, que tivo lugar entre maio e xullo de 2018, no que se infectaron 54 persoas, das que morreron 33. “Isto está pasando nun momento moi difícil, pero a OMS estivo traballando nestes últimos dous anos coas autoridades sanitarias, os centros de control de doenzas e outros socios para afortalar a capacidade nacional de responder aos brotes”, expuxo Matshidiso Moeti, a directora xeral da OMS para África. “Para reforzar o liderado local, a OMS está preparando o envío dun equipo que apoie a ampliación da resposta. Dada a proximidade do brote a rutas de transporte moi concorridas e países veciños vulnerables, debemos actuar rápido”, engadiu Moeti.

O letal brote de sarampelo

Ademais da pandemia da Covid-19, a República Democrática do Congo está a combater un brote de sarampelo de grandes proporcións, con case 370.000 casos e 6.779 mortes. O aumento global das infeccións desta enfermidade nos últimos anos levou a que en 2019 se batera o rexistro máis alto desde o ano 2006. Segundo analizou The Lancet a comezos de maio, o actual brote no Congo, que comezou a mediados de 2018, está acadando cifras “sen precedentes” desde que se realiza a vixilancia no país. A dificultade de acceder ás vacinas, a pobreza, as malas condicións sanitarias e as altas taxas de nacemento provocan que o sarampelo se propague a gran velocidade polo Congo.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nova epidemia de ébola: por que declarou a OMS unha emerxencia internacional?

O 15 de maio confirmouse un gromo causado pola especie 'Orthoebolavirus bundibugyoense' na República Democrática do Congo. Por Raúl Rivas

A OMS eleva a cinco os casos confirmados de hantavirus

A organización asegura que os demais pasaxeiros do 'MV Hondius', que navega en dirección ás Canarias, non presentan síntomas e que o risco para a poboación xeral é "baixo"

Que é o virus Nipah e por que non vai ser a próxima gran pandemia

Trátase dunha zoonose identificada por primeira vez en Malaisia en 1999, orixinada por morcegos e da que só se rexistran casos no sueste asiático

A OMS alerta de que España xa non é un país libre de sarampelo

En 2024 confirmáronse 227 casos e en 2025 a cifra aumentou a 397, cunha alta porxentaxe de persoas non vacinadas e casos importados