Xoves 25 Abril 2024

Os perigos das dietas de despois do Nadal: a ciencia bate contra o marketing

Amparados en estratexias económicas, medios e blogues empezan a difundir centos de pseudoréximes milagre para aproveitar a fin das festas

Unha vez pasadas as datas sinaladas do Nadal, as redes sociais e boa parte das versións en liña dos medios de comunicación comezan a producir inxentes cantidades de supostas dietas nas que apelan a unha sorte de “compensación” polos excesos das comidas da época. O patrón adoita ser o mesmo. Calificativos como milagrosa, rápida ou sana acompañan á recomendación dun alimento concreto ou á abstención dalgúns esenciais como os ricos en proteínas, hidratos de carbono ou graxas.

Hai unhas semanas, nestas páxinas, a directora do grupo de Epixenómica en Endocrinoloxía e Nutrición do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), Ana Crujeiras facía unha reflexión que recobra protagonismo nesta costa de xaneiro: “Precisamos unha determinada achega de nutrientes e coas dietas sempre reducimos o consumo dalgún alimento. Se non o facemos correctamente, corremos o risco de entrar nunha desnutrición ou nun fallo orgánico, afectando incluso ao funcionamento do cerebro”.

Publicidade

Este tipo de promesas virais estes días na rede, moi alentadoras pero irreais, adoitan agochar un truco: talvez adelgues tan rápido como esperabas, pero tamén é probable que recuperes o peso con moita facilidade. Isto é o que se denomina efecto rebote, que se fundamenta en tres piares: a perda de masa muscular, a diminución na síntese de hormonas tiroideas e na incorrencia en excesos de carbohidratos e graxas tras a dieta

 

As dietas detox: unha estratexia de marketing

Ir ao ximnasio, deixar de fumar ou perder quilos son algúns dos propósitos de ano novo máis comúns na sociedade occidental logo dos excesos de Nadal. O problema adoita ser que eses obxectivos se queren conseguir facilmente e, a poder ser, de xeito inmediato.

Máis alá das altas nos ximnasios, en canto aos réximes, cada tempada a industria retorce o imaxinario colectio e, dun tempo a esta parte, o reclamo de está en, supostamente, “desintoxicarse” para “resetear o organismo” e, de paso, adelgazar.

Son as chamadas dietas depurativas, baseadas no consumo de vexetais e froitas e na exclusión de produtos de orixe animal. Aínda que hai certa variación, adoitan ser baixas en enerxía e pobres en varios nutrientes, como veñen demostrando en repetidas ocasións dende o departamento de Ciencias da Alimentación e Fisioloxía da Universidade de Navarra nas súas investigacións, algunhas delas, punteiras no Estado español.

Como explica na súa páxina web unha das empresas españolas dedicadas á venda dos produtos necesarios para seguila,”facer cleansing é limpar o teu organismo a través dunha alimentación sa e equilibrada que axuda a eliminar as toxinas. Estas toxinas poden entrar no noso organismo a través do aire, alimentos, auga ou pel”.

Resumindo: unha forma de vida pouco saudable “contamina” o noso corpo. E a promesa de alcanzar resultados rápidos e fáciles atrae especialmente o interese do consumidor tras períodos festivos como o Nadal. Todo iso co apoio dun brazo mediático de grandes xornais de todo o Estado e máis da colaboración de persoas influíntes (famosas) nas redes sociais.

Con todo, a maioría dos expertos en nutrición loitan contra os seus argumentos. Un dos maiores detractores das dietas detox no mundo é Edzard Ernst, profesor emérito de Universidade de Exeter (Reino Unido), que dedicou a súa investigación á avaliación crítica de todos os aspectos do medicamento alternativo. Ernst referíase así a este tipo de pseudo dietas no seu blogue de referencia mundial sobre nutrición e no que dedicou ducias de páxinas a analizar criticamente estas praxis: “O termo detox non é máis que un truco de mercadotecnia. De ningunha maneira estas dietas eliminan toxinas, como o seu nome indica“.

Os seus seguidores aférranse ao obxectivo de depurar o seu corpo eliminando ditas toxinas e compensar o inadecuado estilo de vida que levaron até entón. “Nada máis lonxe da realidade. Actualmente, non existe certeza sobre que o organismo necesite unha axuda externa para a súa limpeza“, engade.

Un risco real para a saúde

Aínda que existe unha ampla variedade de dietas mediáticas correndo polas redes logo do Nadal, a gran maioría abarcan desde períodos de xaxún totais a dietas baseadas en caldos, batidos de froitas e verduras, incluíndo algunhas delas o uso de laxantes, diuréticos e suplementos fitoterápicos. A duración deste tipo de dietas é variable, aínda que a maioría estás comprendidas entre tres e 30 días.

“Unha dieta considérase adecuada cando está adaptada ás necesidades fisiológicas e nutricionais de cada individuo. Posto que as dietas détox están recomendadas abertamente a calquera persoa, independentemente das características individuais, por definición non se pode considerar adecuada para toda a poboación“, afirma o experto da Unidade de Nutrición da Universidad Rovira i Virgili, Jorge Salgas, consultado pola Axencia SINC.

Os expertos se poñen de acordo sobre a importancia de considerar os posibles efectos secundarios da eliminación de grupos de alimentos tan importantes como os cereais integrais, legumes ou lácteos durante períodos de tempo prolongados, algo prexudicial especialmente para nenos e adolescentes, mulleres embarazadas ou en período de lactación e persoas maiores.

A propia Sociedade Española de Obesidade (Seedo) animou en repetidas ocasións durates estas festas a “combater os excesos do Nadal con medidas rigorosas e contrastadas”, evitando solucións puntuais e supostamente milagrosas”. Para iso, ofrece un decálogo de recomendacións de alimentación saudable e vida sa para dietas omnívoras:

  1. Utilizar o aceite de oliva ou o aceite de xirasol alto oleico como graxas culinarias para cociñar e o aceite de oliva virxe para aliños.
  2. Priorizar preparacións e técnicas culinarias que diminúan no posible o achegue enerxético e de baixo contido en graxa.
  3. Un de cada catro primeiros pratos debe incluír verduras, hortalizas ou legumes como base principal.
  4. Un de cada dous segundos pratos debe ser a base de peixe branco ou azul, ou ben carne magra.
  5. Priorizar as verduras, hortalizas e legumes como guarnición de segundos pratos.
  6. A oferta de sobremesas debe incluír sempre froita fresca de tempada ou froitos secos.
  7. As sobremesas lácteas deben incluír a opción baixa en graxa (semidesnatados ou desnatados).
  8. Priorizar o consumo de auga como bebida habitual e utilizar unidades individuais se se consome alcol.
  9. Utilizar alimentos de tempada, preferiblemente adecuados á gastronomía local e produtos de proximidade.
  10. Informar as calorías totais e ofrecer medias racións.

Segundo afirmou Cristina Porca, coordinadora do Grupo de Dietoterapia da Seedo, “o problema cos propósitos de Ano Novo é o feito de que a miúdo implican comezar unha nova dieta, restrinxir algún alimento ou perder peso, e isto non sempre é fácil, e aínda máis se se fai sen axuda”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia é a quinta comunidade autónoma con maior prevalencia de obesidade

Un estudo da USC asocia os altos índices de avellentamento cun maior exceso de peso na poboación galega

Identificada unha proteína esencial na regulación da obesidade

Un estudo do CSIC descobre que Dido1 ten unha función clave no desenvolvemento do tecido adiposo

Un equipo galego demostra que o estómago é capaz de regular o apetito e o peso corporal

O estudo do IDIS revela cambios substanciais na produción da proteína GDF15 a nivel gástrico vinculados coa obesidade, a idade e o xénero

Non só engorda o que comemos: estes compostos químicos fan que aumentes de peso

Presentes en diferentes substancias e no ambiente, certos compostos químicos son capaces de alterar o funcionamento do noso organismo