Venres 19 Abril 2024

Adelgazar 10 quilos en dúas semanas? Estes son os perigos das ‘dietas milagre’

A investigadora Ana Crujeiras sinala a desnutrición, a deshidratación e os fallos en diversos órganos como principais efectos prexudiciais

Adelgazar 10 quilos en tan só dúas semanas? Apuntarte á dieta do limón para baixar rápido de peso? Ou un batido detox para lucir ventre plano? Calquera destas opcións é tan atractiva como perigosa: promete un resultado rápido sen apenas esforzo. As coñecidas como dietas milagre non son o que parecen e os seus efectos na saúde van máis alá dunha forte (e arriscada) baixada de peso. “Precisamos unha determinada achega de nutrientes e coas dietas sempre reducimos o consumo dalgún alimento. Se non o facemos correctamente, corremos o risco de entrar nunha desnutrición ou nun fallo orgánico, afectando incluso ao funcionamento do cerebro”, explica Ana Crujeiras, directora do grupo de Epixenómica en Endocrinoloxía e Nutrición do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS).

Os réximes que apostan polo consumo dun só alimento, como as dietas da piña, do ovo ou do figo, son especialmente perigosos porque estás restrinxindo ao máximo a achega de nutrientes ao teu corpo. Máis coidado aínda deben ter as persoas con outras patoloxías, como a diabetes ou os problemas cardiovasculares. “Se as dietas se realizan por conta propia ou na casa hai que ter moito coidado porque a función renal pode verse afectada. Os efectos prexudiciais aparecen, incluso, nun curto período de tempo”, apunta a investigadora. E fai fincapé nunha idea: “É moi raro que adelgaces 11 quilos en dúas semanas. Se é así, é porque tes desnutrición”.

Publicidade

Os efectos máis comúns

Este tipo de promesas, moi alentadoras pero irreais, adoitan agochar un truco: talvez adelgues tan rápido como esperabas, pero tamén é probable que recuperes o peso con moita facilidade. Isto é o que se denomina efecto rebote. “Ademais de todos os problemas de saúde que poden ocasionar as dietas milagre están as recaídas. O noso corpo está regulado para gardar unha serie de nutrientes que necesita. Se nun momento estamos reducindo moito a inxesta vaise activar o sistema de reforzo. Desta maneira, cando volves tomar os alimentos que reduciches durante a túa dieta, volves engordar”, explica a investigadora do IDIS. De feito, ela insiste en que as dietas máis perigosas son, precisamente, as máis restritivas. É dicir, canto máis se limite o abano de alimentos, máis problemas de saúde se poden ter.

“Ademais de todos os problemas de saúde que poden ocasionar as dietas milagre están as recaídas”

ANA CRUJEIRAS, investigadora do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS)

Outro dos efectos derivados das dietas milagre é a ansiedade e a depresión que se poden derivar do seu mal funcionamento, incorrecta aplicación ou dos problemas de saúde derivados da súa implementación. Crujeiras pon o foco, sobre todo, no prexudicial que resulta o efecto rebote para a saúde mental. “Parece que perdes moito ao principio pero iso son, sobre todo, líquidos. Por iso despois entras en ciclos de adelgazamento, engorde e, finalmente, frustración“, expresa a investigadora. Como exemplo, fala dun dos proxectos que están a levar a cabo no IDIS, probando dietas cetoxénicas —sempre baixo un estrito control médico—. “É habitual que o tratamento da obesidade non funcione, por iso nós traballamos cun período curto, de entre 60 e 90 días, onde as persoas perden bastante peso. Iso axúdalles a coller folgos”, indica.

Crujeiras tamén alerta de que as dietas milagre, cada vez máis de moda polas redes sociais. “A meirande parte da poboación infórmase por estes medios. Aí atopan persoas que opinan sobre o tema da nutrición, sobre o que podemos ou non comer, sen ter unha formación acorde ao que están explicando. Normalmente proxectan a imaxe de persoas sas e novas que, moitas veces, non saben ata que punto modificar unha dieta e facela estrita pode derivar nun problema de saúde”, continúa explicando a experta, pedindo manter a alerta ante as mensaxes que recibimos continuamente a través das redes sociais.

Axuda profesional

A investigadora insiste en que o máis importante é acudir á consulta dos profesionais, para que sexan eles os que orienten nos tratamentos dietéticos. Pon como exemplo o modus operandi que seguen no seu grupo de investigación. “Traballamos con dietas estritas onde se reduce moito o consumo de hidratos de carbono. Todo está moi regulado a nivel médico. Primeiro facemos unha historia clínica do paciente, saber se ten problemas renais, cardiovasculares… Logo facemos un seguimento e determinamos se precisa dunha suplementación de mineirais e vitaminas”, explica. E engade que todos estes pasos son fundamentais porque se trata dunha dieta, é dicir, dunha alimentación que “non é normal”, porque en realidade é un tratamento médico.

“No noso grupo traballamos con dietas moi estritas, onde todo está moi regulado a nivel médico”

ANA CRUJEIRAS, investigadora do IDIS

Con este tipo de dietas, baixo unha estrita vixilancia, danse varios pasos. A primeira etapa é moi estrita e o paciente perde moito peso. Crujeiras considera que é beneficioso non só dende o punto de vista fisiolóxico, senón para a saúde mental. “É unha perda de peso vixilada e regulada que os anima e lles permite continuar”, explica. A continuación, o paciente vai pasando por outras fases de realimentación e reeducación, onde os médicos lles ensinan como comer e aplicar unha dieta sá. “Normalmente, cando se entra nun exceso de peso hai unha desregulación da dieta. Despois deste tratamento ensínaselle a que poida seguir alimentándose de maneira saudable”, apunta.

Presión da industria

Outro dos grandes problemas que sinala Crujeiras non só está nos hábitos individuais, senón na industria. “Cada vez fabrican máis alimentos ultraprocesados. O que necesitamos para contrarrestar esta epidemia de obesidade son alimentos reais, que non veñan con libros de instrucións nin engadidos. É dicir, un pescado, unha carne, un ovo… Que vexas claramente o que estás comendo”, reclama Crujeiras. A este punto clave de sumarse o estilo de vida actual, moi condicionado por multitude de factores estresantes. “Ir correndo a todas partes non axuda a poñerte a cociñar”, lamenta a investigadora do IDIS. Por iso, ela cre que é fundamental que a industria facilite pratos con menos aditivos e non tanto exceso de graxas nin de sales. “Temos que atopar un equilibrio e iso require unha loita a todos os niveis e en todos os ámbitos da sociedade”, apunta.

Ana Crujeiras, investigadora do IDIS. Foto: IDIS
Ana Crujeiras, investigadora do IDIS. Foto: IDIS

Outro dos elementos asociados ás dietas milagre é o xaxún intermitente, que abre unha liña de investigación do grupo que dirixe Crujeiras. “Hai que ter coidado porque tamén se corren riscos. Despois dun tempo sen comer, cando volves facelo tes que saber ben que alimentos podes consumir e cales non”, indica. Pon como exemplo as persoas que restrinxen por completo a súa alimentación durante seis horas e logo comen bolería industrial ou produtos moi altos en graxas saturadas. Aí, o esforzo, non serviu de moito. “A nova vertente en auxe é que volvamos á restrición calórica. Os nosos ancentros non comían tantas cantidades como agora. Pénsase que iso pode alargar máis a esperanza de vida”, expón.

Dende a Sociedade Española de Obesidade, da que Crujeiras forma parte, estase tratando de visibilizar esta doenza e desterrar a súa visión como problema estético. “Ten moitas máis implicacións que ter moito peso”, di a investigadora. E insiste en que, se se trata como enfermidade, iso demostra que se precisa dun tratamento médico. Crujeiras recoñece que os fármacos para tratar a obesidade son moi escasos e de difícil acceso. De feito, menciona un que serve para regular o apetito pero que non está financiado pola Seguridade Social, polo que non é accesible para todos os petos. Ante esta situación, ao que máis se recorre no ámbito médico é ao tratamento nutricional, sempre adaptado ás características de cada paciente, posto que hai dietas que poden funcionar nunha persoa e fallar noutra.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As farmacias auguran que a demanda de Ozempic tras o Nadal agrave o desabastecemento

Os establecementos afrontan cun stock insuficiente as chamadas diarias de consumidores que demandan o producto para adelgazar

O fármaco da diabetes que adelgaza como ningún outro: estudan usar Ozempic na obesidade

A comunidade médica valora a incorporación deste medicamento ás consultas, o que podería converterlo nun tratamento financiado pola seguridade social
00:56:22

“A falta de conciliación e o teito de cristal impiden rachar coa fenda de xénero na ciencia”

Verónica Bolón, Susana Ladra e Ana Crujeiras clausuran 'Ciencia en feminino' cunha análise sobre as desigualdades entre homes e mulleres

Os perigos das dietas de despois do Nadal: a ciencia bate contra o marketing

Amparados en estratexias económicas, medios e blogues empezan a difundir centos de pseudoréximes milagre para aproveitar a fin das festas