O mito da ‘depresión postvacacional’: cando a tristeza agocha un caso de abuso laboral

A psiquiatra Iria Veiga incide en que se as reaccións emocionais son graves e continuadas no tempo hai que actuar

O luns é o día da semana que menos seguidores ten. Se a isto se lle suma que foi precedido por unhas xornadas de vacacións de Semana Santa, perde os poucos que lle quedan. Nas redes sociais moitas persoas autodiagnostícanse a chamada ‘depresión posvacacional‘, mais en realidade non existe. Non é unha enfermidade nin se pode tratar como tal nunha consulta psicolóxica. É unha maneira popular de denominar a situación emocional propia da volta ao traballo, “lóxica” para moitas persoas que veñen de pasar uns días gratificantes. Porén, noutras ocasións pode ocultar un abuso laboral no que é necesario deterse.

“Ás veces chegan a consulta pacientes con esta etiqueta errónea e están en situacións de explotación laboral. Se eu me incorporo a un traballo de 12 ou 10 horas diarias é normal que non me atope ben”, engade a doutora Iria Veiga. A volta á rutina despois do período vacacional pode servir para analizar este tipo de reaccións psicóloxicas. A ansiedade non debería darse e o malestar psíquico na volta das vacacións é unha “alerta” á que lle debemos prestar atención desvinculándoo con diagnósticos psquiátricos. Veiga insiste en que nos casos máis pronunciados e repetitivos no tempo é necesario unha revisión desa situación laboral.

Publicidade

Pola contra, a tristeza e a morriña tras uns días de descoñexión, de viaxes, de bos momentos coa familia e amigos son unha “reacción psíquica normal”. “Pasamos dunha situación que nos resulta moi agradable a unha que nos gusta menos”, explica Veiga. Neses momentos, hai que pensar que é un período reducido na nosa vida e que pronto pasará. Cando unha emoción é loxica, hai que aceptala e deixar que realice a súa función.

Rexeitar as emocións negativas non é saudable

“Os estados anímicos teñen que ver coas situacións que vivimos e ao longo da vida dunha persoa todos pasamos por iso”, comenta. Por iso, intentar apartalas e rexeitalas non é saudable para ninguén. A psiquiatra explica que moitas persoas cren que a terapia psicolóxica ten que ver con non sentir emocións negativas, mais non é así. Trátase de “integralas na nosa vida dunha maneira saudable”.

Publicidade

Unha gran parte da poboación está sometida a uns horarios interminables, con elevadas cargas de traballo e sen tempo para si mesma. O que hai que preguntarse, di Veiga, é cales son esas cousas que nos fixeron felices ao longo dos días de descanso e que queremos que se repitan habitualmente. Aínda que moitas veces o clima xogue na nosa contra e non poidamos achegarnos á praia ou camiñar baixo o sol, podemos incorporar actividades que nos fagan desconectar e que nos sirvan para adicar tempo ás nosas afeccións ou seres queridos. O bo das rutinas é que se poden modificar. “Non pode ser que en vacacións fagamos o que nos apetece e en períodos laborais non. Isto non nos fai desfrutar”, conta a psiquiatra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Santiago revela patróns xenéticos compartidos entre oito trastornos mentais

Un novo estudo do IDIS aplica por primeira vez unha abordaxe estatística novidosa en psiquiatría co obxectivo de mellorar o diagnóstico e impulsar a medicina personalizada

De histeria a psicofármacos: un estudo galego revela os nesgos de xénero que persisten nas consultas médicas

Unha revisión bibliográfica liderada dende a UDC demostra que, ante os mesmos síntomas, elas tenden a ser máis cuestionadas e diagnosticadas sen probas complementarias

O prognóstico definitivo da Semana Santa en Galicia: xa hai data para a volta da chuvia

Distintos servizos meteorolóxicos prevén tempo solleiro e temperaturas agradables de cara aos próximos días, pero a inestabilidade chegará da man de novas frontes a partir do vindeiro luns

Ata os 26 graos en Galicia: estas son as últimas pistas sobre o tempo en Semana Santa

Os modelos europeos anticipan un ambiente máis cálido do habitual, especialmente nas Rías Baixas, con máximas por riba da media