Actualización (21.15): Sanidade levanta o peche na área de Ferrol e só mantén Soutomaior en nivel máximo
O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia sobre as medidas a tomar na presente pandemia da Covid-19 reúnese este martes pola tarde, días despois de que comezase a ‘desescalada‘. A poboación de moitos municipios está pendente dos posibles cambios no nivel de restricións establecido a pasada semana. Para isto, ademais doutros indicadores, Sanidade terá especialmente en conta, como xa avanzou o presidente da Xunta a pasada semana, a incidencia acumulada nos últimos sete días, fronte á taxa a 14 días que se viña analizando nos últimos meses. Este indicador, segundo o comité, permite facer un seguimento máis preciso da transmisión das novas variantes do virus, con maior capacidade de contaxio. E así o amosa o mapa municipal que actualiza diariamente o Sergas, que desde esta semana recolle dito indicador. Así está a situación actual:
155 concellos sen casos na última semana
Marzo comeza en Galicia cunha incidencia a 14 días de 137,47 casos/100.000 habitantes e de 56,34 a 7 días, segundo recollía o informe deste luns do Ministerio de Sanidad. Despois do severo impacto da terceira onda en xaneiro, cando apenas quedaban unha vintena de concellos libres de Covid-19 nos días previos, a cifra é notablemente mellor a día de hoxe. Segundo informa o Sergas, case a metade dos concellos galegos (155) non rexistrou ningún caso na última semana. E outros 124 notifican entre 1 e 9 positivos. É dicir, só 34 municipios sumaron 10 ou máis casos detectados entre o 22 de febreiro e o 1 de marzo. Este é o mapa de incidencia na última semana:
No marco da mellora, e tal e como insisten as autoridades sanitarias, aínda se manteñen situacións complicadas en boa parte do territorio, especiamente nas áreas máis poboadas, polo que é preciso manter algunhas medidas máis estritas para evitar a transmisión. Así como as provincias de Lugo e Ourense rexistran unha incidencia moito menor, o litoral atlántico recolle os concellos con maior incidencia. Así, sete municipios (Cariño, Pontecaldelas, Soutomaior, Miño, Aranga, A Pobra do Brollón e A Mezquita) mantéñense cunha incidencia superior aos 250 casos/100.000 habitantes. Con todo, a baixa poboación dalgún deles fai que estean dentro deste indicador a pesar de notificar menos de 10 positivos na última semana.
Sen deixar de observar a incidencia a 7 días, outros 24 concellos mantéñense nun nivel de risco alto. A maioría rexistran entre 1 e 9 casos, pero outros, como Porto do Son, Vilanova de Arousa, A Laracha, Cambados, Mos, Marín ou Arteixo, superan os 10.
A incidencia a 14 días
A serie de casos acumulados nas últimas dúas semanas axuda a obter unha imaxe máis completa de como evoluciona a pandemia en Galicia. A tendencia xeral é que, por mor da maior detección de casos en semanas pasadas, esta incidencia aínda se amosa máis alta, en proporción (é dicir, máis do dobre) que os casos acumulados a sete días.
Así, nas últimas dúas semanas son 86 os concellos sen casos, e outros 165 notificaron entre 1 e 9. Por outra banda, 62 municipios, entre os que están moitos dos de maior poboación, suman máis de 10 positivos nos 14 días que van do 15 de febreiro ao 1 de marzo.
No referente á incidencia, só cinco concellos (A Pobra do Brollón, Ponteceso, Guitiriz, Soutomaior e A Mezquita -este último, con menos de 10 casos) teñen incidencias superiores a 500. Outros 33 están entre 250 e 500. Parte deles son concellos con pouca poboación, cuxa incidencia sobe rapidamente a pesar de estar con menos de 10 casos, pero outros son localidades de maior tamaño, como A Coruña, Marín, Arteixo, Moaña, Mos, Vilanova de Arousa, A Laracha, Pontecaldelas, Carral, Pontedeume ou Vilaboa. É de agardar que nestes concellos haxa que agardar máis tempo antes de avanzar na desescalada.
Hai tamén outro escenario: o de concellos que se manteñen en niveis elevados de restricións e que poderían ver como se relaxan as medidas. É o caso de Toques ou A Gudiña, en nivel vermello pero sen casos na última semana, e Outeiro de Rei, Sandiás, Dodro, Bande, Punxín, Celanova, A Merca, Taboadela, Beade, Oia ou Baralla, que tampouco notificaron novos positivos nestes sete días aínda que se manteñen en nivel laranxa, coa mobilidade limitada a concellos das áreas sanitarias de Lugo, Ourense, Vigo ou Santiago que estean na mesma situación.
Panorama e novas medidas
O comité clínico terá sobre a mesa outros indicadores que tamén se terán en conta á hora de tomar decisións. Nos primeiros pasos da ‘desescalada’, por exemplo, mantivéronse medidas máis estritas en tres áreas sanitarias (A Coruña, Ferrol e Pontevedra) por mor da maior carga asistencial nos hospitais que se mantén desde o cumio da terceira onda. Nestas áreas, ademais do peche perimetral conxunto, todos os concellos están, canto menos, no nivel ‘laranxa’, que limita, entre outras actividades, a apertura do interior dos locais do hostalaría. É posible, por exemplo, que se avance na desescalada nalgúns concellos destas áreas que amosen unha mellor evolución. Nos últimos días estanse notificando no conxunto de Galicia arredor de 200 novos casos diarios, cifras semellantes ás do finais de verán e algo inferiores aos de decembro, antes do ‘estourido’ da terceira onda.
Así está actualmente o mapa cos distintos niveis de restricións en Galicia:
En canto á carga asistencial, a ocupación continúa descendendo, aínda que por agora se mantén por riba da ‘chaira’ que se produciu entre a segunda e a terceira onda. O CHUAC, o centro máis golpeado na vaga de xaneiro, aínda tiña este luns 32 persoas en UCI e 131 persoas noutras unidades de hospitalización, o que supón case un terzo das persoas ingresadas por Covid-19 en Galicia.
No que atinxe ás mortes, Galicia rexistrou ata este luns 2252 falecementos. Segundo os datos provisionais, e á espera da consolidación dos datos dos últimos días, en febreiro faleceron 426 persoas infectadas polo SARS-CoV-2, unha cifra moi semellante á de abril de 2020 (429).