Aberto o prazo para os Premios Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2021

As propostas para as tres categorías do certame, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias coa colaboración da GAIN, poden presentarse ata o 30 de abril

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia, convoca os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2021 coa pretensión de recoñecer casos de éxito en transferencia de coñecemento en Galicia e difundilos entre a cidadanía. Os destinatarios destes galardóns son os investigadores e as empresas galegas na súa faceta máis aplicada e de transferencia de coñecemento.

Tres categorías

Publicidade

Na súa sétima edición, os galardóns divídense en tres categorías. O premio “Francisco Guitián Ojea” distinguirá un traballo de investigación aplicada para recoñecer a creación, a cargo dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. O premio “Fernando Calvet Prats” destacará un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía promovido por un grupo de investigación, froito da colaboración cunha empresa. Irá destinado ao grupo de investigación creador da tecnoloxía transferida. E por último, o premio “Ricardo Bescansa Martínez” galardoará un caso de éxito empresarial de implantación de tecnoloxía transferida, froito da colaboración cun grupo de investigación galego. Irá destinado á empresa que implantara con éxito a tecnoloxía transferida.

Aos dous primeiros premios poderá concorrer todo o persoal adscrito a centros de investigación emprazados en Galicia, incluíndo os centros tecnolóxicos. Ao terceiro, poderán optar empresas galegas ou que teñan un centro de traballo radicado na comunidade. En ningunha das tres modalidades poderán resultar galardoados grupos de investigación ou empresas que foran premiadas nalgunha das tres edicións anteriores do certame, así como tampouco as académicas e académicos da RAGC.

Publicidade

O prazo para a recepción de solicitudes ábrese este luns, 1 de marzo, e pecharase o vindeiro 30 de abril. A tramitación das candidaturas farase de xeito telemático, a través dun formulario específico para cada categoría dispoñible nos webs da RAGC e de GAIN. Unha vez cumprimentado, o formulario será remitido ao enderezo electrónico ptt@ragc.gal.

Os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia recoñecen desde 2015 as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedentes de organismos de investigación ao tecido produtivo. Destacan proxectos centrados nos campos da biomedicina, farmacolóxica, tecnoloxías TIC ou traballos sostibles nos sectores agroforestal e agroindustrial, todos eles liderados por grupos de investigación de toda Galicia. En concreto, distinguíronse proxectos sobre o tratamento dos efectos secundarios da quimioterapia, tratamento para onicomicoses, tratamento para enfermidades orais bacterianas, tecnoloxías láser, 3D e de microcalorimetría.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gumersindo Feijoo: “Os nosos fillos e netos vivirán menos se abandonan a dieta atlántica”

O catedrático de Química da USC e director científico do CRETUS ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

Xurxo Mariño recibe o Premio de Divulgación da RAGC: “A cultura científica contribúe nunha cidadanía crítica”

O galardón recoñece o labor do investigador da Universidade da Coruña, que leva máis de tres décadas difundindo coñecemento científico dende Galicia

Consecuencias da invasión

A ameaza dunha alga asiática que xa está en Galicia

Un fármaco para recuperarse tras un ictus e unha tecnoloxía de selado de latas, Premios á Transferencia

Os galardóns que outorgan a Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación premian un grupo do IDIS e outro da UVigo