Xoves 28 Marzo 2024

Galicia impulsa o gran salto da loita mundial contra a tuberculose

O grupo Zendal, do Porriño, a través de Biofabri, ten grandes esperanzas depositadas na vacina MTBVAC, desenvolvida xunto á Universidade de Zaragoza

O 18 de xullo de 2021 cumpriranse cen anos do día no que un neonato francés se converteu na primeira persoa en recibir unha vacina contra a tuberculose, que este 24 de marzo conmemora o seu Día Mundial. A súa nai falecera por mor desta doenza, causada pola Mycobacterium tuberculosis, unha das bacterias máis daniñas para a Humanidade durante a súa historia, e que ao mesmo tempo provocou grandes avances na ciencia. No 1882, Robert Koch descubriu esta bacteria, como dous anos despois comprobaría o vínculo do Vibrio cholerae co cólera, dando pé aos postulados que guiarían o estudo das enfermidades infecciosas causadas por patóxenos microscópicos. Durante a segunda década do século XX, Albert Calmette e Camille Guérin conseguiron obter unha cepa atenuada da tuberculose bovina, a Mycobacterium bovis, co que obtiveron resultados esperanzadores, e que co paso do tempo se converteu nunha das vacinas máis usadas da historia. Hoxe en día, a chamada vacina BCG (iniciais do Bacilo de Calmette-Guérin) segue estando no calendario vacinal de boa parte de países do planeta.

A bacteria "Mycobacterium tuberculosis" destrúe o tecido pulmonar.
A bacteria “Mycobacterium tuberculosis” destrúe o tecido pulmonar.

Mais con todos os millóns de vidas salvadas, a BCG non é perfecta, como tampouco o é case ningunha vacina. Non protexe, por exemplo, da tuberculose pulmonar en mozos e adultos, a que segue sendo a forma máis común da enfermidade. Nos últimos decenios, diante desta limitada efectividade, centos de equipos de investigación de todo o mundo buscaron unha alternativa. A carreira, chea de obstáculos, deixou moitas iniciativas prometedoras polo camiño. E na actualidade, desde Galicia trabállase na que, sen dúbida, se sitúa como unha das grandes esperanzas: a MTBVAC. Da man do grupo liderado por Carlos Martín, catedrático da Universidade de Zaragoza, a empresa Biofabri, do grupo Zendal, encárgase do desenvolvemento industrial deste candidato, e xa prepara a fase 3 dos ensaios clínicos, despois de ir cumprindo, paso a paso, as hipóteses coas que traballan desde hai anos. O cal non é pouco. O impacto que a tuberculose segue causando en moitos países ten tal magnitude que reducir a súa presenza contribuiría ao progreso de sociedades enteiras. “Unha vacina sería algo enormemente útil para o desenvolvemento destes países”, destaca Esteban Rodríguez, conselleiro delegado de Biofabri e unha das persoas que máis de preto segue este proceso desde hai anos.

Publicidade

As cifras da tuberculose

A época na que a tuberculose era unha epidemia en Galicia, España e Europa non está tan lonxe como parece. Despois de 1920 aínda se erixían sanatorios para as persoas afectadas por esta doenza, coñecida tamén como tise, e os seus pacientes, como tísicos. Seguen en pé construcións como o Gil Casares, preto do Grove, que hoxe funciona como hotel, ou o cativador sanatorio de Oza-Cesuras, cuxo esqueleto se ergue en medio do bosque, e que nunca chegou a traballar como centro sanitario.

No ano 2019, segundo os datos do Centro Nacional de Epidemioloxía, detectáronse en Galicia 507 casos desta infección, fronte aos 1963 do ano 1996, tempo no que descendeu un 74%. Unha incidencia moi baixa comparada, por exemplo, Porén, no resto do planeta o problema segue sendo moi relevante. A Organización Mundial da Saúde (OMS) calcula que no mesmo 2019 enfermaron no mundo 10 millóns de persoas, e 1,4 millóns faleceron por mor da infección. Máis dunha morte por minuto. Países como a India, Indonesia, China, Filipinas, Paquistán, Nixeria, Bangladesh ou Sudáfrica, moitos deles cun gran crecemento demográfico nos últimos decenios, acaparan a meirande parte dos casos e óbitos por mor da doenza.

Arredor de 1,4 millóns de persoas faleceron en 2019 por tuberculose no mundo e rexistráronse 10 millóns de novos casos

Estes datos colócana como a principal causa de morte inducida por un único axente infeccioso, por riba do VIH/sida, e como unha das 10 principais causas de morte no planeta. “Agora pónsenos o cabelo de punta coas cifras de mortos da Covid-19 nun ano, pero a tuberculose produce este drama ano tras ano, e desde fai moito tempo, sobre todo en países en vías de desenvolvemento”, lembra desde Biofabri Esteban Rodríguez.

Tal é o impacto que a ONU contempla o fin da epidemia como un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) previstos para o 2030. Mais, tal e como recolle a OMS no seu lema do Día Mundial deste 2021, “o tempo corre”: cada vez hai menos marxe para acadar devandito obxectivo. A mesma organización estima que, de sumar a partir de 2025 a vacina a unha mellora global dos sistemas de prevención e tratamento, a incidencia podería reducirse a 10 casos por cada 1000 habitantes en 2035, fronte á contorna dos 100 nos que se sitúa nestes últimos anos.

Coa aparición do SARS-CoV-2 e o veloz desenvolvemento de varias vacinas, unha das cuestións que se fai a cidadanía é a de por que non se obteñen inmunizacións contra esoutras doenzas de maneira tan rápida. “Os virus son patóxenos inmunoxénicos, isto é, que a propia enfermidade xera anticorpos, e isto é unha diferenza moi substancial respecto a xermes como a M. tuberculosis; hai un desafío enorme nestes casos, que é manter a protección contra a bacteria” ao longo do tempo, explica Rodríguez.

Desafíos e avances

Diante das limitacións da BCG, os tratamentos máis habituais son os fármacos que manteñen baixo control a tuberculose latente (non todas as persoas infectadas desenvolven a enfermidade), ou ben os antibióticos que conteñen a infección activa e que pode causar danos graves no organismo. Porén, as resistencias bacterianas supoñen un enorme desafío. “Cada vez escoitamos falar máis de que aumentan estas resistencias; os xermes saben como defenderse, en moitos casos, contra os antibióticos, pero deféndense moito peor contra as vacinas, que non entenden destas resistencias”, destaca o conselleiro delegado de Biofabri. “A propia OMS establece que hai que traballar en novas vacinas, e nós aceptamos o reto”.

Así, Biofabri traballa desde a súa creación, no 2008, co proxecto de Carlos Martín, que á súa vez acumula décadas de investigación sobre micobacterias. Desta colaboración xurdiu a MTBVAC, baseada nun patóxeno vivo atenuado, que co paso do tempo foi superando chanzos que outros proxectos non foron quen de salvar. As primeiras etapas de ensaios clínicos en humanos, realizadas en Suíza (fase 1) e Sudáfrica (fase 1B-2A) sementan optimismo: demostrouse a súa seguridade en adultos e bebés.

Esteban Rodríguez, conselleiro delegado de Biofabri. Foto: Grupo Zendal.
Esteban Rodríguez, conselleiro delegado de Biofabri. Foto: Grupo Zendal.

“As  hipóteses de traballo que manexamos estanse cumprindo unha a unha. Temos limitacións, porque nos países onde máis casos hai, as probas son moi lentas e tárdase moito tempo en comprobar determinados parámetros. Pero xa acadamos varios fitos e, sobre todo, resistimos entre os máis de 700 proxectos que se iniciaron e que, co paso dos anos, foron caendo un detrás doutro”, lembra o CEO de Biofabri.

Nos últimos anos, revistas como The Lancet Respiratory Medicine, Nature Communications ou NPJ-Vaccines foron recollendo os froitos das investigacións lideradas polo catedrático Carlos Martín. Constatáronse aspectos clave como a inmunidade a longo prazo “Nos primates tamén observamos unha serie de diferenzas nos parámetros inmunolóxicos respecto á vacina BCG, o cal é importantísimo, porque se descoñecía que había parámetros específicos de protección en tuberculose, e por eles é difícil avaliar a MTBVAC fronte á BCG”, apunta o responsable do grupo Zendal.

Outros avances sen precedentes, constata Rodríguez, céntranse en que a MTBVAC é “a única vacina que, ata o momento, demostrou protección en macacos mediante o contaxio por aerosois de Mycobacterium tuberculosis“, como se constatou nun artigo publicado en xaneiro deste 2021.

Un novo estudo respalda a vacina contra a tuberculose do grupo Zendal

Na actualidade, a investigación da MTBVAC atópase na fase 2A, que axuda a determinar a dose precisa. Segundo conta Rodríguez, o último adulto vacinouse en setembro de 2020, e a inxección no grupo de nenos que participa no ensaio finalizou hai poucas semanas. Nesta etapa estudarase tamén, entre outros aspectos, se a vacina confire protección específica nos adultos, unha das principais limitacións da BCG.

O calendario de Biofabri ten outra data marcada en vermello a finais deste ano. Entre decembro de 2021 e xaneiro de 2022 está previsto iniciar unha fase nova de ensaios con 6500 nenos en Sudáfrica, “un país cunha incidencia alta pero, ao mesmo tempo, con sistemas hospitalarios ben adestrados para desenvolver estes ensaios; esperamos que cara a 2025 ou 2026 poidamos ter os primeiros resultados cos cales afirmar que a vacina funciona”, conclúe Rodríguez. O tempo corre, como advirte a OMS, e o traballo avanza sen pausa, aínda que sexa unha carreira de fondo. Pero o posible fito marcará, posiblemente, un antes e un despois para a vida de millóns de persoas en todo o planeta. E unha empresa con base no Porriño terá moito que ver.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A vacina contra a tuberculose que se ensaia en Galicia recibe apoio financeiro para probarse en África

Un estudo avaliará a seguridade e a eficacia do tratamento, que ten potencial para xerar unha mellor resposta inmune que a terapia actual

A Xunta estuda a aplicación no Porriño do novo produto contra o lindano

A Consellería de Medio Ambiente inicia as negociacións coa empresa que comercializa o composto descontaminante

Un composto demóstrase efectivo contra o lindano, o veleno canceríxeno espallado no Porriño

Unha investigación da Universidade de Navarra atopa un descontaminante prometedor para as 1.000 toneladas do produto esparexido na parroquia de Torneiros

Nas entrañas da nova vacina: así se ultima no Porriño a derradeira barreira contra a covid

Dous anos despois do inicio da pandemia, o antídoto de Novavax xa está a ser distribuído para reforzar a protección dos máis vulnerables