Os casos de tuberculose en Galicia descenderon de forma notable, aínda que se mantén unha das incidencias máis altas de España.
Os casos de tuberculose en Galicia descenderon de forma notable, aínda que se mantén unha das incidencias máis altas de España.

Galicia reduciu nun 74% os casos de tuberculose desde o ano 1996

No 2019 rexistráronse 507 casos da enfermidade infecciosa, fronte aos 1.963 do 1996, cando se puxo en marcha o programa de prevención e control

A chegada da pandemia do coronavirus puxo sobre a mesa a importancia do traballo, moitas veces silencioso, dos profesionais da saúde pública para controlar e previr a propagación de enfermidades infecciosas. É o caso da tuberculose, unha enfermidade causada por Mycobacterium tuberculosis, unha bacteria que se pode transmitir por via aérea e acabar causando unha importante infección nos pulmóns e, de forma menos frecuente, ao sistema nervioso central ou o linfático. Hoxe segue provocando 1,5 millóns de falecementos anuais e mantense como unha das 10 principais causas de morte no planeta. Non hai moitas décadas, esta doenza era relativamente frecuente en Galicia, que hoxe segue rexistrando unha das incidencias máis altas de España, aínda que cunhas cifras moito menores. Así o recolle o Centro Nacional de Epidemioloxía do Instituto Carlos III, que en 2018 expoñía que a incidencia en Galicia era de 19,6 casos de tuberculose por 100.000 habitantes, fronte ao 9,39 da media de España. Porén, desde que se puxo en marcha o Programa galego de prevención e control da enfermidade, no ano 1996, os casos descenderon nun 74%.

Así o expuxo este xoves o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que presentou en Consello da Xunta o informe anual sobre o estado da doenza. No 2019 confirmáronse 507 casos de tuberculose, fronte aos 1.963 de 1996. Durante estes anos, a diminución anual foi do 5,7%.

En canto a sexo e idades, Sanidade informa de que o 59,8 % dos casos presentáronse en homes fronte ao 40,2% en mulleres e a incidencia máis alta foi nos maiores de 74 anos (43,1 casos por 100.000 habitantes en homes e 20,5 en mulleres).

Destaca tamén a alta porcentaxe de curación, cun 96,9 % dos pacientes que iniciaron tratamento en 2018 e superaron a doenza, “unha porcentaxe moi por riba do obxectivo da Organización Mundial da Saúde que é do 85%”, destaca a Xunta. Porén, faleceron por tuberculose o 0,8% dos casos deste ano.

Infección latente

A alta incidencia de tuberculose en épocas pasadas en Galicia provoca que na actualidade se sigan producindo casos, sobre todo en persoas con doenzas que comprometen o sistema inmunitario, como o VIH, e que impiden que o organismo neutralice a infección. Ademais, en boa parte dos casos prodúcense as infeccións latentes de tuberculose, que ás veces nunca chegan a manifestarse. As bacterias causantes da doenza poden estar presentes no organismo dunha persoa sen que estas desenvolvan ningún tipo de síntoma e sen capacidade de transmitir estas bacterias a outras persoas. Pero de non recibir o tratamento indicado poden acabar desenvolvendo a doenza, de aí que sexa relevante o estudo de contactos para cortar a posible transmisión.

O programa instaurado desde 1996 “permite realizar o diagnóstico o máis rápido posible e poñer a todos os enfermos baixo tratamento para reducir este risco”, ao tempo que se establece o estudo de contactos con persoas que contraen a tuberculose contaxiosa.

No marco do plan de prevención e control, estudáronse 3.451 contactos de enfermos de tuberculose e deles 55 persoas (1,6 %) xa estaban enfermas no momento do estudo, o que representa un 10,8% sobre o total de casos de tuberculose. Dos 55 contactos diagnosticados como enfermos, 32 eran menores.

Con todo, segundo expuxo o conselleiro de Sanidade, a evolución dos últimos anos está sendo positiva. “Os indicadores tamén reflicten a presentación dos casos en idades máis avanzadas e o alto índice de resultados satisfactorios dos tratamentos instaurados, ao que contribúe que máis da metade dos casos teñan un tratamento en réxime supervisado”, expón a Xunta nun comunicado.

Galicia conta na actualidade con sete unidades de tuberculose (UTB) en cadansúa área sanitaria. A Consellería considéraa un problema de saúde pública pola súa elevada incidencia noutras partes do mundo, “dado que se trata dunha enfermidade contaxiosa por vía aérea e un enfermo sen tratar implica risco de transmisión da tuberculose ao resto da comunidade”. Para isto, destácase “a importancia de seguir mellorando na diminución no atraso diagnóstico e apostando polos estudos de contactos e de infección tuberculosa en colectivos de especial vulnerabilidade, para así cortar a cadea epidemiolóxica de transmisión”.

O Programa galego de prevención e control da tuberculose, que abarca o período 2017-2020, pretende conseguir unha diminución da incidencia da tuberculose do 25% respecto á do ano 2015, co obxectivo de “situar a Galicia como unha comunidade con baixa incidencia de tuberculose, ao ser este o comezo da fase de eliminación”. A propia Organización Mundial da Saúde marca o obxectivo de que, para o ano 2035, a incidencia sexa menor de 10 casos por 100.000 habitantes

Nos vindeiros meses, ao remate da vixencia do actual plan, a Xunta prevé a avaliación de todos os obxectivos e revisaranse as estratexias vixentes por se houbera a necesidade de reformular algunha en consonancia coa estratexia da OMS.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.