Galicia ten o menor exceso de mortalidade nas últimas semanas en España

O sistema de vixilancia do Instituto Carlos III detectou un 14% de exceso en Galicia, fronte ao 71% de España e de máis do 150% nalgunhas rexións

Exceso de mortalidade observada en España (liña negra) fronte á
Exceso de mortalidade observada en España (liña negra) fronte á "esperada" (liña azul e área azul). Fonte: ISCIII.

Hai un mes, o 14 de marzo, Galicia rexistraba o primeiro falecemento por coronavirus SARS-CoV-2. Era o sábado despois de que o Goberno español declarase o estado de alarma con máis de 5.700 casos e máis de 130 falecidos segundo as cifras oficiais. Co aumento da gravidade da epidemia, o Instituto de Salud Carlos III, organismo público que está realizando o seguimento epidemiolóxico da crise, comezou a publicar o día 19 de marzo unha actualización case que diaria do sistema MoMo, xestionado polo Centro Nacional de Epidemiología, e que analiza a mortalidade diaria por todas as causas en España. Aínda que non afonda na causa da morte, xa que se nutre dos rexistros de defunción para cuantificar as mortes, si serve para identificar posibles patróns pouco habituais de mortalidade; por exemplo, algún exceso que poida xerar problemas de saúde pública, como é o escenario actual e, en menor medida, algunhas ondas graves da gripe ou vagas de calor que aumentan os óbitos nalgunhas comunidades autónomas.

O impacto da Covid-19 está provocando uns rexistros nunca antes vistos neste sistema, en especial en comunidades como Madrid, Castilla-La Mancha, Castilla y León ou Navarra. No conxunto do territorio estatal, MoMo constata que hai un exceso do 71% entre as mortes estimadas para o período do 17 de marzo ao 8 de abril e as mortes que se están observando, o que supón, en termos absolutos, uns 18.290 óbitos máis do esperado. Castilla-La Mancha (218%), Madrid (189%), Castilla y León (162%) e Navarra (140%) son as comunidades que peor paradas saen nestes datos. Pola contra, Galicia, cun 14% de exceso, é a rexión que menos incremento amosa. Estimábanse 2030 mortes e notificáronse 2320.

Como funciona o MoMo?

O sistema MoMo nútrese, sobre todo, dos datos de defuncións diarias por todas as causas do Instituto Nacional de Estatística (INE) para establecer o rango de defuncións estimadas (a liña azul dos gráficos é a predición que se fai e a área da mesma cor é a do intervalo de confianza). No caso das defuncións observadas no momento actual, os datos achéganos os rexistros civís que actualmente están informatizados, e que se reciben a través do Ministerio de Justicia. Galicia é unha das seis comunidades autónomas que conta co 100% da poboación cuberta por estes rexistros.

Estes datos teñen uns días de retraso na notificación. Segundo explica o ISCIII, as defuncións vanse notificando nos días posteriores, e normalmente aos sete días da data en cuestión, en períodos normais, disponse das defuncións dunha semana antes. Así, para evitar posibles interpretacións erróneas, o sistema advirte que as informacións da última semana poden sufrir modificacións nos días posteriores.

No período analizado, en Castilla y León observáronse 4399 mortes fronte ás 2320 de Galicia, aínda que o número de habitantes é semellante

A excepcionalidade da crise provocou nas últimas semanas un retraso na notificación que chegou a ser notable en Galicia durante dúas semanas, o que provocou que non se incluíra á comunidade nos informes que estaba difundindo o CNE. Unha vez solventado o atraso, os datos dos rexistros civis en Galicia incorporáronse á análise. Segundo as últimas actualizacións, Galicia xa é unha das comunidades nas que non se estima “infranotificación” nos últimos sete días.

O sistema, ademais da mortalidade total, analiza a situación en varios grupos de idade e sexo (homes e mulleres, persoas menores de 65, persoas entre 65 e 74 anos e persoas maiores de 74). En Galicia, como no resto da poboación, MoMo detectou un maior exceso de mortalidade nos homes do 19% (1185 óbitos observados fronte aos 995 esperados) e algo menor nas mulleres (8%, 1109 fronte a 1024). No caso dos grupos de idade, Galicia é, xunto a Murcia e Ceuta, unha das tres comunidades que non rexistrou exceso nos grupos de menores de 65 e de 65 a 74 anos. Si se observou un incremento do 18% nos maiores de 74 anos (1842 mortes observadas fronte a 1565 esperadas).

Gráfico do sistema MoMo en Galicia. O sistema estima un período de exceso entre o 21 de marzo e o 11 de abril.
Gráfico do sistema MoMo en Galicia. O sistema estima un período de exceso entre o 21 de marzo e o 11 de abril.

Fronte a isto, o panorama é impactante en comunidades como Castilla-La Mancha. Nun período no que se predicían 1362 mortes, observáronse 4334 (un 218% máis), e o exceso é moito máis significativo nos maiores de 74, con 3463 mortes cando se agardaban 1062. En Castilla y León, cunha poboación semellante en número á de Galicia, notificáronse 4399 defuncións cando se agardaban 1678.

Exceso de mortalidade detectado en Castilla y León e Castilla-La Mancha. Fonte: ISCIII.
Exceso de mortalidade detectado en Castilla y León e Castilla-La Mancha. Fonte: ISCIII.

Novo portal

Para poñer a disposición da cidadanía os datos actualizados da mortalidade causada pola epidemia, o ISCIII, ofrece desde esta semana un novo portal do MoMo, con datos actualizados diariamente. Estes indicadores de mortalidade serven, segundo os expertos, para ofrecer unha visión máis achegada á realidade do impacto da Covid-19, tanto na mortalidade directa pola infección do virus como as posibles consecuencias indirectas do aumento de mortes por outras doenzas debido á saturación do sistema sanitario nalgunhas zonas.

Aclaran os responsables do sistema que MoMo é un medidor “inespecífico“, é dicir, os eventos non se poden atribuír a un evento concreto, aínda que é evidente o aumento no actual marco da crise. “Entre as causas deste exceso de mortalidade deben considerarse moitos factores contribuíntes, como a posible ‘mortalidade adiantada’ doutras patoloxías previas ou comorbilidades; a reticencia ou retraso a acudir ao sistema sanitario, ben para evitar a súa saturación ou posibles contaxios, ou a maior vulnerabilidade de persoas en risco cando hai medidas de distanciamento social ou confinamento”, explica o ISCIII.

Podes consultar os datos do sistema MoMo nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.