O Instituto Carlos III detecta un retraso na notificación de defuncións en Galicia

Os informes de vixilancia da mortalidade, que xa reflicten o aumento de óbitos na maioría das comunidades, non recibiron aínda os datos de Galicia

Desde o ano 2004, o Centro Nacional de Epidemioloxía (CNE), dependente do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII), realiza un seguimento diario da mortalidade en España a través dun sistema de vixilancia que recibe o nome de MoMo. Naceu, en boa parte, para detectar os posibles aumentos de defuncións que acontecen en España cando se producen vagas de calor, un importante factor de risco para algunhas persoas, aínda que a análise se estendía durante todo o ano. Este sistema dedícase a recoller e intepretar as cifras de mortalidade de cada comunidade autónoma para identificar posibles desviacións das defuncións “esperadas”. É dicir, se, tomando en conta os rexistros históricos, as cifras son moito maiores ou menores do norma para anticiparse así “ante cualquera evento de posible importancia para a saúde pública”.

Desde hai dúas semanas, a magnitude da crise do coronavirus levou ao CNE a difundir informes case que diarios para analizar a mortalidade das comunidades autónomas máis golpeadas pola pandemia. Segundo comentou nunha análise en El País un dos autores do Atlas Nacional de Mortalidade, Miguel Ángel Martínez Beneito, a Covid-19 xa é a principal causa de morte en España nas últimas semanas. Os informes de mortalidade diaria están a constatar no conxunto de España “un exceso de mortalidade por todas as causas” de arredor do 40% entre o 17 e o 31 de marzo, aínda que advirte da provisionalidade dos datos, que requirirán unha posterior reinterpretación, xa que o sistema se nutre das defuncións notificadas dos rexistros civís informatizados ao Ministerio de Justicia. O sistema non recolle as causas da morte, senón o número de óbitos.

Publicidade

Defuncións observadas (liña negra) e estimadas (liña azul) desde o 28 de decembro ata o 29 de marzo en España. O rango da banda azul representa o intervalo de confianza do 99%. Fonte: ISCIII.
Defuncións observadas (liña negra) e estimadas (liña azul) desde o 28 de decembro ata o 29 de marzo en España. O rango da banda azul representa o intervalo de confianza do 99%. Fonte: ISCIII.

É neste punto onde xorde un interrogante sobre a situación de Galicia que ningunha das fontes consultadas por GCiencia nos últimos días puido explicar con claridade. Este venres, na súa comparecencia, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, respondeu que, aínda que os rexistros civís son competencia do Ministerio de Justicia, “podémonos interesar” para averiguar as razóns detrás deste retraso na notificación de defuncións nos rexistros de Galicia.

No informe difundido o día 19, o ISCIII advertía da “infranotificación” por parte dos rexistros civís dalgunhas comunidades autónomas debido, con moita probabilidade, á reducción de persoal ocasionada polas medidas de confinamento da poboación. Segundo a Delegación do Goberno en Galicia, citando fontes do Ministerio de Justicia, “o persoal dos rexistros civís está a traballar a un 10-15% do habitual, ao tempo que hai que dar saída a máis solicitudes das normais”, o que pode repercutir neste citado retraso.

Publicidade

Nos últimos días, Galicia e La Rioja son as únicas comunidades que seguen tendo un retraso “notable” na notificación de defuncións

Pero co paso dos días, Galicia quedou como a única comunidade, xunto a La Rioja (unha das rexións con maior incidencia da epidemia), na que o ISCIII segue observando un retraso “notable” na notificación de defuncións nas últimas semanas. Así se constata nos informes publicados nos días 23, 25, 26, 29, 30 e 31 de marzo e 1 de abril (ver PDF). Por este motivo, estas dúas comunidades son as únicas que non figuran nestas análises, un elemento clave para comprender o impacto real da epidemia na poboación (tamén coas súas consecuencias indirectas).

Que está a pasar? As diversas fontes consultadas non poden explicalo con claridade, xa que se mesturan competencias autonómicas e estatais. O pasado día 23, o Ministerio de Justicia emitía unha resolución polo que se ampliaba o horario e os días de apertura dos rexistros civís para axilizar os trámites a seguir no caso dunha defunción. Porén, por algunha razón, esta resolución non resolveu, no caso de Galicia e La Rioja, o retraso na notificación destes datos.

“O certo é que nos últimos anos, algunhas comunidades como Galicia, sufriron recortes de persoal que dificulta o desempeño normal das súas funcións, e a situación, por tanto, agrávase en momentos como estes”, apuntan algunhas fontes. Neste sentido, as protestas do persoal levaron a unha folga en 2018 que dificultou durante varios meses o funcionamento normal dos rexistros civís.

Nunha entrevista con El País publicada este xoves, a directora do ISCIII, Raquel Yotti, recoñecía estes retrasos na notificación de defuncións. A saturación da sistema sanitario debido á crise está a provocar tamén problemas indirectos que poden redundar nunha maior mortalidade por outras casas, aínda que as estatísticas destes días aínda non farán patentes estes datos. “Os hospitais estes días están atendendo moito menos infartos do habitual, e logo hai colectivos vulnerables, como os maiores (…), que viven sós e estes días quedan sen a rede familiar ou social que detecta e alerta cando lles pasa algo”.

Do mesmo xeito, respecto ao retraso das defuncións notificadas, recoñecía a saturación nos rexistros e expoñía que o ISCIII ten “previsto abordar co Ministerio de Xustiza como sería posible obter estes datos de forma máis áxil”. Concluía, respecto ás cifras reais de mortalidade, que “falta moito por saber e que todo isto deberá ser estudado cando pase a epidemia”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño