Sábado 20 Abril 2024

Galicia, a un paso do peor momento da pandemia

O novo rexistro máximo de casos detectados augura que as hospitalizacións e os falecementos seguirán incrementándose durante días

Non todos os indicadores se poden comparar con marzo e abril. Aínda que os estudos de seroprevalencia apuntaron a que naquel momento Galicia era unha das comunidades que máis casos estaba detectando no conxunto de España (entre o 10 e o 20% dos totais), a cifra total de infeccións que se produciron naquel momento de transmisión agochada eran, con moita probabilidade, maiores que as destes días. A entrada do virus en centros residenciais, o descoñecemento sobre a nova enfermidade e a resposta tardía do sistema causaron un grave impacto. Porén, fronte ao importante exceso de mortalidade detectado nalgunhas comunidades autónomas, Galicia foi unha das áreas con indicadores ‘menos malos’ neste aspecto.

Tampouco a situación actual é a mesma en canto á prevención: o confinamento estrito de marzo e abril conseguiu conter, non sen graves consecuencias, unha transmisión descontrolada. Pero os contactos sociais son agora moito maiores, o cansazo na sociedade e a crise económica deixan tamén pegada, e o SARS-CoV-2 segue circulando. Por tanto, nalgúns aspectos parece que a terceira onda está a golpear máis forte no caso de Galicia: os ingresos nos hospitais, que aínda non se repuxeran da vaga de outono, achéganse aos 900, fronte aos preto de 1.100 do ‘cumio’ de comezos de abril, e os novos casos detectados (este xoves superouse o rexistro máximo) auguran que a carga asistencial seguirá medrando. E xa se percibe tamén nos falecementos: nos últimos días, máis de 10 persoas falecen cada xornada con Covid-19.

Publicidade

Este xoves, o presidente da Xunta de Galicia verbalizou a sensación que desde hai xa bastantes días circula nos hospitais. “E seguro, lamentablemente teño que dicilo, esa é a miña opinión, que (a terceira onda) vai ser superior en número de hospitalizacións e en número de UCIs, á primeira onda“.

Os hospitais, principal preocupación

Segundo os datos de Sanidade, o 4 de abril acadouse o máximo de ocupación nas UCIs dos hospitais galegos, con 177 persoas en coidados intensivos. Dous días despois, acadábase o máximo de hospitalizacións, ao sumar 1107 por mor dos 939 ingresos noutras unidades de hospitalización. Este xoves, a suma das 135 persoas en UCI e as 744 camas de hospitalización (879 en total) só é menor que a acadada entre finais de marzo e comezos de abril, no peor momento da pandemia. Esta é a evolución:

O escenario é máis complicado nas áreas da Coruña, Ferrol e Santiago, cunha ocupación que levou xa a reprogramar cirurxías e activar plans de continxencia.

A ocupación de UCIs, cunha estancia media bastante longa, podería acumular cifras moito maiores nas vindeiras semanas. Alén disto, outro factor complica as perspectivas. A poboación envellecida de Galicia, unida aos importantes brotes en varias residencias sociosanitarias, poderían incrementar o número de falecementos. Segundo os datos do Sergas, este xoves hai 494 persoas usuarias de residencias da terceira idade ou discapacidade como casos activos, aos que hai que engadir 241 profesionais.

Aumento de novos casos

Tal e como advirten os profesionais que coñecen a evolución das enfermidades infecciosas de primeira man, as distintas curvas avanzan a ritmos distintos. En primeiro termo, o incremento na detección de novos casos constata a tranmisión do virus na poboación. Neste momento, as cifras de positividade, xa por riba do 10% en Galicia, apuntan a unha dificultade crecente para detectar e illar as múltiples cadeas de transmisión nas zonas con maior incidencia. Así é o escenario desde maio, unha vez superada a primeira onda:

O Sergas está a realizar cribados masivos en moitas localidades para atopar posibles cadeas ocultas. Isto provoca que se estean rexistrando os maiores números de probas realizadas desde marzo, e con elas tamén medran os positivos confirmados. É o caso de Xinzo de Limia, un dos concellos con maior incidencia e restricións máximas, onde esta estratexia fixo agromar decenas de infeccións.

O rápido aumento de contaxios redunda tamén no indicador de casos activos, que este xoves superaron os 16.000 en Galicia. É dicir, arredor do 0,6% da poboación galega está actualmente baixo vixilancia despois de dar positivo por coronavirus.

Transmisión en moitos concellos

O avance da pandemia constátase tamén a nivel municipal. Segundo os datos do xoves, só 26 concellos se manteñen sen casos nos últimos 14 días. Na outra banda, máis de 50 municipios superan a incidencia acumulada de 1.000 casos por cada 100.000 habitantes, ou o que é o mesmo, máis de 1 de cada 100 persoas censadas nestes concellos deu positivo por coronavirus nas últimas dúas semanas. E noutros 67 concellos, entre os que están as cidades da Coruña, Ourense e Santiago de Compostela, ademais de localidades como Carballo, Narón, Ponteareas, Cambre ou Culleredo, a incidencia é superior a 500, o dobre do limiar de máximo risco, que está por riba de 250.

Nalgúns concellos de menor poboación, a incidencia é un indicador que pode deturpar
a situación real, como é o caso de Vilamarín, As Somozas, Cerdido, Calvos de Randín, Manzaneda ou Vilasantar, que non chegan aos 20 positivos, pero superan o 1% de incidencia. E noutros lugares, os brotes en residencias, illados e controlados con poboación que ten pouco contacto co resto da cidadanía, tamén fan medrar a incidencia aínda que a transmisión sexa pequena fóra delas.

Porén, en termos absolutos, 30 concellos superan os 100 casos detectados nas últimas semanas, e outros 82 están por riba dos 30 positivos neste tempo.

Novas medidas e confinamentos

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, recoñeceu este xoves despois do Consello do goberno que a previsión é dun empeoramento da situación, e xa avanzou que se poderán aumentar as restricións. “Son medidas que probablemente teñamos que incrementar” a “boa parte da comunidade autónoma”. Neste momento, os concellos de Arteixo, Viveiro e Xinzo teñen restrinxida toda a actividade non esencial, pero é moi posible que este mismo modelo se estenda a outros municipios nos vindeiros días.

Este mércores, na reunión do Consello Interterritorial no que se descartou, polo momento, adiantar o horario do confinamento nocturno, a Xunta de Galicia propuxo esta medida. O conselleiro de Sanidade, presente na reunión, expuxo a opción de que esta e outras decisións se poidan empregar a nivel de provincia, concello, área sanitaria e distrito sanitario.

Chamamento á colaboración do persoal sanitario

Nos últimos días, o persoal que está a vivir en primeira liña a chegada de numerosas persoas con síntomas de Covid-19 ás urxencias hospitalarias está a advertir á poboación de que a situación é xa crítica. “Se non paramos esta onda, pode ser bastante peor que a primeira”, advertiu Manuel José Vázquez Lima, presidente da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES) e coordinador de Urxencias no Hospital do Salnés, que o pasado martes participou na comparecencia de prensa da Consellería de Sanidade na que se informou do aumento de restricións.

Desde o CHUAC da Coruña, unha das mensaxes máis replicadas polos medios nos últimos días foi a de Mónica Pérez, enfermeira que traballa cos pacientes de coronavirus. “A situación no hospital da Coruña é moi preocupante. Sentímonos moi impotentes todo o persoal. Por iso pedímosvos, ou mellor dito, suplicamos, a vosa axuda. Se non tomades todas as medidas, isto non vai acabar nunca, moita xente morrerá, e teremos que velos morrer na planta”.

A vacina, aínda lonxe

Este mesmo xoves, o Sergas informou de que se levan administradas máis de 62.000 doses da vacina. Porén, os brotes nas residencias están freando a campaña. Segundo os datos achegados polo Ministerio de Sanidad, máis de 1.200 persoas recibiron xa a pauta completa, e agárdase que a finais desta semana, unha vez pasen os días pertinentes, estas persoas xa se consideren como inmunizadas fronte á Covid-19. Mais esta cobertura é, por agora, moi escasa para conter o avance do SARS-CoV-2.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204