Máis de 20.000 camións, un detrás doutro, cargados con máis de 20 toneladas de area cada un deles, que desde 2008 estiveron retirando sedimentos do sistema dunar de Corrubedo. É a comparación que se pode facer coa estimación e unha das conclusións do estudo realizado polos investigadores da USC Augusto Pérez Alberti, Alejandro Gómez Pazo e Xosé Lois Otero, e que ocupa a portada de xaneiro da revista Applied Science. O traballo compilou as imaxes dispoñibles do complexo da duna de Corrubedo, hoxe catalogado como parque natural xunto ás lagoas de Carregal e Vixán, desde 1956, data do coñecido voo americano, ata as últimas imaxes dispoñibles coas tecnoloxías como LiDAR. E calculan que só entre 2008 e 2015, “o rango de tempo no que se pode estimar o volume”, aclara Pérez Alberti, asinante do artigo, a duna de Corrubedo perdeu máis de 270.000 metros cúbicos de area.
Unha cifra moito maior
Con todo, a cifra real desta perda é, en realidade, moito maior do que esta estimación pode achegar. No momento de “sombra” para a ciencia, pola ausencia de medicións, que supoñen as décadas dos 70 e 80, principalmente, a masiva extracción de area, coa que se ergueron unha importante cantidade de construcións no Barbanza, minguaron a duna que durante milenios se foi formando no lugar. As mobilizacións cidadás dos anos 80 e a declaración de Corrubedo como Parque Natural, en 1992, frearon esta práctica, pero o impacto sobre a duna continuou. Durante anos continuou o tránsito sen apenas control de miles de visitantes e, posteriormente, a instalación dalgunhas estruturas desafortunadas, como a pasarela de madeira que apenas durou uns anos na duna, foi a penúltima das accións humanas que decimou o enclave. Porque de forma indirecta, hai outro factor que segue causando que non cheguen tantos sedimentos: a construción de encoros nos ríos que alimentan as rías reducen as achegas de area.
Acción humana e natural
Con todo, tal e como destaca o traballo dos investigadores da USC, a propia dinámica natural tamén xogou un importante papel, en combinación coa man humana. A peculiaridade de tratarse dunha duna móbil, que o vento, as achegas de sedimentos e outros factores modelan, cambiou tamén a paisaxe de Corrubedo.

Un dos detalles que máis chamou a atención nesta investigación foi a proliferación de sendeiros anteriores á protección do espazo. As vías abertas para a extracción de area, primeiro, e os camiños por onde pasaban veciños e visitantes, despois, chegaron a acadar, segundo as estimacións dos autores, 11,2 quilómetros arredor da duna. As últimas medicións, en 2017, cando xa estaban en vigor as limitacións para transitar pola zona, reducían esta lonxitude a menos de cinco quilómetros.
Con estas observacións constátase o retroceso da duna, sobre todo na súa parte norte, na que a vexetación foi cubrindo pouco a pouco o espazo. Aínda que as imaxes de 1956, pola súa baixa resolución, impiden obter o cálculo da superficie cuberta por especies vexetais, crese que naquel momento era de arredor de 33 hectáreras. Nas seguintes décadas comezou a medrar, ata acadar as 93,9 hectáreas en 2017. “Isto pode deberse a unha redución da actividade sedimentaria vinculada ao incremento da temperatura e os nutrientes, xunto cunha diminución dos ventos.
A perda de altura da duna

O que provocou que se formase a duna en Corrubedo segue sen estar claro. Hai fontes que falan que baixo o gran manto de area se agocha un penedo que, pouco a pouco, foi acumulando area arredor del. Os datos e as observacións de campo realizadas expoñen que a duna está diminuíndo a súa altura máxima, cunha evidencia crecente de que os sedimentos se están a estender cara a o norte, o que provoca unha diminución tanto da pendente das dunhas como da área da cresta.
Así, se a elevación máxima en 2001 era de 21 metros, baixou a 20,3 no 2008, a 19,59 no 2010 e a 18,5 no 2015. A area acumúlase, en parte, na zona máis interior da duna, segundo a análise dos datos de LiDAR. Pero o balance da perda total de volume é claramente negativo, achegándose aos 270.000 metros cúbicos mencionados. “Estamos asistindo a una remobilización do material que se estende por todo o sistema, especialmente cara a zona norte, lugar de avance da duna, o que está provocando esta ‘perda’ ao desprazarse parte dos sedimentos fóra da zona de análise”, aclara Augusto Pérez Alberti.

Protección
Con todos os datos analizados, o equipo de investigadores avoga por “unha estratexia para mellorar a xestión do parque natural” a partir dos datos obtidos, polo que fan un chamamento ás autoridades para frear este progresivo deterioro. “Desde a creación do Parque Natural, e a pesar das múltiples medidas anunciadas para a súa conservación, seguen presentes múltiples cuestións que provocan unha perda na calidade deste sistema. A pesar da presenza de paneis informativos que describen as actividades permitidas e prohibidas, algúns visitantes seguen ignorando estas pautas”, advirten. A gran afluencia ao espazo, que é o parque natural máis visitado de Galicia, con 300.000 persoas cada ano, agrava estes comportamentos incívicos.
Do mesmo xeito, destacan que é preciso “analizar as zonas incluídas dentro da área protexida e a súa definición”, xa que, segundo apuntan, “nalgúns destes sectores, os elementos descritos dos plans de xestión non coinciden plenamente cos elementos reais presentes no campo, o que é un obstáculo para o seu correcto manexo”.
Así, conclúen os autores, o complexo que inclúe á duna de Corrubedo “é moi vulnerable á subida do nivel do mar e ao incremento da intensidade e frecuencia das tormentas mariñas”, polo que as novas tecnoloxías de análise e información “son cruciais” para unha mellor xestión da zona no futuro.
Referencia: Natural and Anthropogenic Variations in the Large Shifting Dune in the Corrubedo Natural Park, NW Iberian Peninsula (1956–2017) (Publicado en Applied Sciences).