Venres 26 Abril 2024

A letalidade da Covid-19 distingue de sexos: as razóns, na resposta inmune

Unha tribuna publicada en "Science" afonda nas causas polas que morren moitos máis homes ca mulleres por mor da infección do SARS-CoV-2

O sistema inmune é unha ferramenta perfeccionada durante millóns de anos de evolucións en moitas especies. Conta, ao xeito dunha fortificación, con varias barreiras de defensa que a protexen dos moitos patóxenos aos que nos expoñemos no día a día. Mais non é infalible, e ás veces sucumbe ante un inimigo máis hábil. E en cada un de nós, esta fortificación é distinta, con puntos fortes e febles por mor da configuración escrita no noso código xenético. Co SARS-CoV-2, isto volveu poñerse de manifesto.

Alén dos fármacos para conter a infección, as vacinas para acadar a inmunidade e as medidas de prevención, a comunidade científica tamén traballa para atopar os condicionantes que nos predispoñen a que a infección se agrave ou a superemos sen apenas decatarnos. E o sexo tamén parece ser un dos factores clave: aínda que se infectan máis mulleres co SARS-CoV-2, o agravamento da infección é máis letal nos homes. Nisto afondaron varias investigacións desde o comezo da pandemia, e tamén aborda o asunto unha tribuna publicada en Science por dous inmunólogos no que abordan as diferenzas de sexo na resposta inmune á Covid-19.

Publicidade

Os autores do texto, Takehiro Takahashi e Akiko Iwasaki, inmunólogos da Universidade de Yale, lembran que un home ten 1,7 veces máis risco de morrer por mor do coronavirus que unha muller. “A diferenza obsérvase en case todos os países con datos dispoñibles”, destacan. A isto súmase tamén, como xa se coñece, o envellecemento e a existencia de enfermidades previas, pero constátase que, por riba de 30 anos, os hombres son máis vulnerables cás mulleres fronte a actual pandemia no que a risco de morrer se refire. Ademais das implicacións que o sexo ten, como as diferenzas nos roles de xénero ou os factores de comportamento, “existen posibles mecanismos biolóxicos con sesgo no sexo masculino que afectan á gravidade da Covid-19, particularmente na resposta inmune”, expoñen os inmunólogos.

Distinta resposta inmune

Estas diferenzas, por tanto, non fican nos órganos sexuais, senón que se estenden en todos os sistemas fisiolóxicos, incluído o inmune. “A infección por diferentes patóxenos dá como resultado respostas inmunes diferenciadas e resultados da enfermidade por sexo, e aínda que o patrón depende da idade e outros factores do hospedador, o sexo masculino asóciase decote con respostas inmunitarias máis baixas e maior susceptibilidade e/ou vulnerabilidade a infeccións en animais”, advirten. O mesmo acontece en humanos, onde investigacións co virus da hepatite B ou o VIH, causante da sida, expuxeron cargas virais máis altas en pacientes varóns. Pola súa banda, as pacientes de sexo feminino adoitan presentar unha resposta inmune máis robusta ás vacinas, como acontece coa gripe.

No caso da infección por virus, a resposta inmune comeza cando os receptores que actúan como patróns de recoñecemento detectan que o patóxeno comeza a replicarse. Aquí póñense en marcha dous ‘plans’ antivirais: un mediado polos interferóns e outro que consiste na producción de citoquinas e quimiocinas para regular e coordinar ás células inmunes, que poden fagocitar e eliminar as célúlas xa infectadas. O SARS-CoV-2 é capaz de causar fortes respostas inmunes innatas, as coñecidas habitualmente como “tormentas de citoquinas”, que poden levar un agravamento serio da infección. Este problema é máis común en pacientes varóns.

Fronte a isto, as mulleres conseguen evitar nun maior número de casos este problema ao dispoñer, segundo expoñen Takahashi e Iwasaki, cunha activación temperá das células T, mesmo nas pacientes de maior idade, mentres que os afectados de sexo masculino presentan unha diminución significativa coa idade desta barreira de defensa.

Resposta inmune nos cromosomas e hormonas sexuais

Os investigadores pregúntanse cales poden ser as causas deste mecanismo subxacente ao dimorfismo sexual na resposta inmune. Unha das respostas está nos cromosomas sexuais, xa que “unha cantidade substancial de xenes importantes relacionados coa inmunidade están codificados no cromosoma X”, apunta o texto en Science.

Outro dos factores que se enumeran no artigo son as hormonas sexuais. Lembran os autores que nun modelo de rato infectado con coronavirus, observouse unha maior mortalidade en ratos machos e atribuíuse ás funcións protectoras dos estróxenos, hormonas sexuais femininas. Do mesmo xeito, os estudos que utilizan distintos tipos de células e modelos animais demostraron que a expresión do encima ACE2, ‘chave’ de entrada do SARS-CoV-2 nas células, está modulada tamén polos estróxenos.

Dúbidas pendentes

A pesar de que hai claves que xa se coñecen, o texto insiste na necesidade de seguir traballando para poder mellorar a comprensión destas diferenzas na letalidade. Expoñen os autores, por exemplo, que “sábese pouco sobre as respostas inmunitarias a infeccións virais nas persoas con trastornos do desenvolvemento sexual ou transxénero”, xa que nestes casos poden xurdir novos factores que modulen a resposta fronte ao SARS-CoV-2.

Outras das cuestións a resolver teñen que ver coas implicacións do sexo na vacinación ou a reinfección fronte ao coronavirus, toda vez que se estenden as campañas de inmunización, e diante da posible aparición de variantes que poidan causar novos contaxios en persoas que xa contraeran o virus. “É importante que os estudos de pacientes con Covid-19 informen dos resultados diferenciados por sexo, non só para dilucidar a patoxénese diferencial da enfermidade, senón tamén para permitir unha comprensión máis profunda da enfermidade e o eventual desenvolvemento de estratexias de tratamento e prevención”.


Referencia: Sex differences in immune responses (Perspectiva publicada en Science).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

Ratos impotentes teñen ereccións tras aumentar unhas células do pene

A revista 'Science' publica un estudo en roedores transxénicos aos que se lles incrementou o número de fibroblastos

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios