Nove claves sobre a terceira onda en Galicia: “Pode ser peor que a primeira”

Sanidade agarda unha situación complicada durante as vindeiras semanas e considera que aínda non se acadou o cumio da vaga iniciada no Nadal

O número de hospitalizacións e falecementos dos últimos días augura semanas complicadas na pandemia. Foto: Sergas/Elaboración propia.
O número de hospitalizacións e falecementos dos últimos días augura semanas complicadas na pandemia. Foto: Sergas/Elaboración propia.

No actual escenario da terceira onda pandemia da Covid-19, cun rapidísimo aumento da transmisión e unha carga que xa chega a niveis preocupantes nos hospitais, conflúen diferentes factores que aumentan a confusión na cidadanía. A dificultade para interpretar indicadores utilizados para establecer restricións en determinadas zonas, o debate político e social sobre as medidas e a complicada situación que afronta boa parte da sociedade por mor das consecuencias da crise están a contribuír a aumentar a chamada “fatiga pandémica” e, con ela, a polarización social que tanto preocupa nos últimos tempos.

As últimas decisións anunciadas pola Xunta de Galicia este martes procuran conter o notable incremento de casos detectados desde a semana pasada, que xa está sendo patente nos hospitais. Cada día que pasa medra o número de persoas hospitalizadas e, en último termo, o de falecementos derivados da Covid-19. E achéganse, segundo expuxeron algúns dos membros do comité clínico, semanas complicadas nos centros sanitarios. “Se non paramos esta onda, pode ser bastante peor que a primeira”, advertiu Manuel José Vázquez Lima, presidente da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES) e coordinador de Urxencias no Hospital do Salnés. Os vindeiros días e semanas serán, por tanto, claves para a evolución desta vaga. E estes son varios aspectos a ter en conta:

Volta ao “modelo O Carballiño”

Días antes de que se decretase de novo o estado de alarma en todo o territorio español, a transmisión detectada en varios puntos da provincia de Ourense levou á Xunta a establecer as que foron, nese momento, as medidas máis estritas en España. Acordouse a suspensión de toda actividade non esencial nos concellos do Carballiño, O Irixo e Boborás, que rexistraban incidencias de arredor de 1.000 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días. É dicir, o 1% da poboación estaba infectándose nesas semanas. Despois dunha progresiva escalada de medidas, a comezos de novembro estendeuse a medida a máis de 60 concellos, que ficaron no coñecido como “modelo O Carballiño” durante un mes, ata comezos de decembro.

As autoridades sanitarias constataron a efectividade desta medida. Pero o impacto económico e social da prohibición das actividades non esenciais é indubidable, e o feble equilibrio que supoñen estas decisións xera un inevitable debate. Así, a comezos de decembro, e a pesar das advertencias dalgúns expertos, relaxáronse as restricións e estableceuse un novo marco de limitacións, en catro niveis de alerta en función da situación epidemiolóxica.

A Xunta eleva o nivel de restricións e pecha a hostalaría en Arteixo, Viveiro e Xinzo

Porén, o anuncio do peche da actividade non esencial en Arteixo, Viveiro e Xinzo de Limia anunciado este martes abre a porta a un novo nivel de limitacións. Nestes municipios, que duplicaron a súa incidencia en poucos días, contaxiouse nas últimas dúas semanas máis do 1% da poboación. O conselleiro de Sanidade avanzou que os concellos de máis de 10.000 habitantes que amosen unha situación semellante poderían tamén entrar de novo no chamado “modelo O Carballiño“. Isto suporá o peche da hostalaría, que só poderá ter servizo de recollida e de reparto a domicilio. Tamén pecharán os ximnasios, establecementos de xogo, bibliotecas e as actividades culturais.

Elevada transmisión

O establecemento dunhas ou outras medidas, segundo destacan nas súas comparecencias os responsables de Sanidade, non se cingue só ao número de casos detectado nos últimos días (a coñecida como incidencia acumulada). O perfil das persoas afectadas polo brote, como por exemplo a idade ou a actividade que desempeñan, inflúe tamén neste aspecto.

Neste sentido, un dos factores que destacou este martes a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, foi o número reprodutivo (R0) na situación actual, que é de 1,4. Isto significa que cada persoa contaxiada está infectando, de media, a 1,4 persoas, o que sitúa a transmisión nunha tendencia crecente. Para conter os contaxios é preciso que esta cifra baixe do 1.

Chegada ao cumio da terceira onda?

A preguntas dos xornalistas, os responsables de Sanidade tamén valoraron a situación actual da terceira onda, despois das declaracións deste luns do director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, que apuntaba a unha proximidade a este cumio en España. “A día de hoxe nós non vemos estabilización”, dixo Julio García Comesaña respecto aos datos de Galicia. A directora xeral de Saúde Pública expuxo que co número reprodutivo en 1,4 “non podemos falar de que se estea paralizando o crecemento”.

O conselleiro de Sanidade matizou, alén disto, que a pesar de que se puidera estar producindo o freo de infeccións, quedan por diante canto menos 15 días de incremento de ocupación das UCIs polo agravamento dalgúns dos casos.

Por que non se toman medidas estritas en todos os concellos con incidencias elevadas?

A incidencia acumulada está determinada polo número de casos, pero tamén polo número de habitantes dun determinado territorio. No caso dos concellos máis pequenos, a existencia de brotes de 10-15 persoas, aínda que estean localizados e controlados, fai que este indicador se dispare, mais non supón necesariamente unha situación crítica.

Deste xeito, o comité clínico ten en conta outros factores, como a trazabilidade dos casos, a través do rastrexo e os cribados que se levan a cabo. Así, o aumento da capacidade diagnóstica permite coñecer con máis detalle a situación real da transmisión. Aconteceu nos últimos días, con cribados en concellos con altas incidencias, como Muíños ou Vilamarín, nos que se non se detectou ningún novo positivo en 479 mostras. Pola contra, outros cribados nos que si se observou unha transmisión importante ‘fóra do foco’ levou a incrementar as restricións.

O matiz da incidencia nas residencias

En relación a isto falou o conselleiro de Sanidade este martes. Julio García Comesaña expuxo que á hora de tomar “Cando nun concello hai unha residencia sociosanitaria e aparecen positivos, son residentes que non interaccionan e non saen, non consideramos a incidencia” á hora de tomar a decisión dos peches perimetrais, no caso actual. Así, aínda que os datos da incidencia sexan elevados, moitas veces débense en gran medida a brotes localizados nestas residencias. García Comesaña referíase ao caso concreto de Tui, a raíz dunha pregunta dos xornalistas: o concello ten unha incidencia superior a 1.000, pero boa parte destes positivos están dentro dun centro residencial.

Hospitalizacións e falecementos

O aumento de infeccións conleva a que a pequena porcentaxe de persoas que require de hospitalización ou acaba falecendo por mor da Covid-19 se incremente de forma preocupante en termos absolutos. As proxeccións realizadas por expertos que están seguindo os datos da pandemia, como Daniel González Peña, apuntan a que un 6-7% das persoas consideradas como casos activos requiren hospitalizacións, e a taxa de letalidade actual rolda o 1%. Isto supón 60-70 ingresos diarios e arredor de 10 falecementos en Galicia.

Nos hospitais xa se observa un crecemento moi rápido, achegándose ás 700 persoas en unidades de hospitalización e preto de 120 na UCI. No cumio da primeira onda, que se produciu tres semanas despois da declaración do estado de alarma, chegou a haber máis de 1.000 persoas ingresadas con coronavirus. O xerente do Sergas, José Flores, expuxo que os datos “son motivo de preocupación”, cun incremento rápido na carga asistencial, especialmente nas áreas da Coruña, Santiago, Ferrol e Ourense.

Flores, aínda que insistiu que o sistema sanitario en Galicia ten capacidade, polo momento, para atender a situación, advertiu da suspensión de cirurxías non urxentes nalgunhas áreas sanitarias debido ao incremento de ingresos por Covid-19.

Neste punto, o membro do comité clínico que participou na comparecencia, Manuel Vázquez Lima, pediu á cidadanía máxima colaboración. “A poboación ten que ser cómplice dos sanitarios para axudarnos a saír adiante”, dixo.

En canto aos falecementos, a terceira onda xa está amosando as consecuencias dos brotes en colectivos de risco, como son as residencias de maiores. No que vai de xaneiro faleceron por mor do coronavirus máis de 130 persoas, das que arredor de 40 eran usuarias de centros residencias.

Nova estratexia de control

A medida que avanzaba a pandemia, e en función da situación epidemiolóxica en cada momento, as autoridades sanitarias de cada territorio adaptan as súas estratexias de control da transmisión. Segundo destacou a directora xeral de Saúde Pública, a dispoñibilidade das probas rápidas de antíxenos ou as PCR a través de saliva, alén das PCR nasofarínxeas que xa se fan desde o comezo da pandemia, permiten incrementar a capacidade de detección de casos asintomáticos en determinadas áreas.

“Seguimos a liña da OMS e o ECDC sobre a realización de cribados”, expuxo Carmen Durán. Fixéronse ou estanse facendo probas masivas en municipios como Verín, Bueu, Muíños, Vilamarín, Poio, Forcarei e Cuntis, e desenvolveranse análises nos vindeiros días en Vimianzo, Camariñas, Outes, Vilalba ou Arteixo.

A vacinación

A principal esperanza para conter a pandemia está depositada na campaña de vacinación xa en marcha nos centros sociosanitarios. Os últimos datos facilitados este martes por Sanidade falan de máis de 58.055 doses administradas. O Ministerio de Sanidad expuxo na súa última actualización que case 1.200 persoas recibiran xa as dúas doses en Galicia, despois de que Nieves Cabo, a primeira persoa vacinada, recibise tamén a segunda inxección este pasado domingo.

Cómpre agardar unha semana para a inmunización, polo que os efectos nunha parte importante dos residentes e persoal de centros sociosanitarios só se verá a partir de febreiro. Do mesmo xeito, os brotes existentes nalgunhas residencias (hai máis de 600 casos activos en total este luns) están a retrasar a vacinación.

Adianto do confinamento nocturno?

O aumento de restricións da semana pasada levou a adiantar o confinamento nocturno ás 22 horas en Galicia, o límite que establece o decreto do estado de alarma vixente en España. A decisión de Castilla y León de establecer as 20 horas como recomendación para o confinamento nocturno foi apoiada este martes polo presidente da Xunta e polo conselleiro de Sanidade. Feijoo mesmo considerou a posibilidade de situalo nas 18 ou 19 horas en zonas cunha peor situación epidemiolóxica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.