Detectan un foco de coronavirus nunha granxa de visóns da Baña

A normativa obriga a sacrificar aos 3.100 exemplares da explotación, no que é o segundo brote deste tipo detectado en España

A Consellería do Medio Rural comunicou este xoves a detección dun “foco de positividade” do SARS-CoV-2 nunha granxa de visóns americanos situada en Galicia, no concello coruñés da Baña. É o primeiro brote notificado nunha explotación destes animais, cuxa capacidade para actuar como reservorio do virus preocupa ás autoridades sanitarias de todo o mundo. Actualmente, segundo datos da propia consellería, hai un total de 25 granxas activas de visóns cun censo de 69.186 reprodutoras, representando unha boa parte do sector a nivel estatal.

O foco foi comunicado ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do Goberno español, tal e com rexen os protocolos. En aplicación do plan de vixilancia da enfermidade nas granxas de visón americano en España, tras as análises laboratoriais realizadas confirmouse a existencia de circulación viral SARS-CoV-2 na granxa da Baña, polo que a explotación permanece inmobilizada e sometida a vixilancia e control oficial polos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural.

Publicidade

A detección deste foco prodúcese no marco do traballo que se vén realizando a través do “Programa de prevención, vixilancia e control de SARS-CoV-2 en granxas de visón americanos en España”, elaborado polos ministerios de Agricultura e de Sanidade. En aplicación deste programa, os Servizos Veterinarios Oficiais da Xunta viñeron realizando, ademais de controis sanitarios, diferentes visitas a todas as explotacións de visóns da nosa comunidade, co fin de comprobar as condicións de bioseguridade das granxas. Nos últimos meses realizáranse análises detalladas en varias das granxas activas polas sospeitas de brotes, aínda que as probas resultaran negativas ata o foco confirmado na Baña este xoves. Para evitar as transmisións desde humanos, a Xunta estaba tamén a realizar probas PCR ao persoal das explotacións, tal e como recomendou o ECDC en novembro.

Nos vindeiros días, en aplicación da normativa legal vixente e co fin último de preservar a saúde pública, levarase a cabo o sacrificio de todos os animais da explotación, que conta con 3.100 animais en total (2.500 femias e 600 machos), así como as medidas de desinfección e control do brote.

Preocupación global

A comezos de novembro, unha información que chegaba desde Dinamarca puxo en alerta ao Centro Europeo de Control e Prevención de Enfermidades (ECDC) e á OMS: unha variante do SARS-CoV-2, denominada Conglomerado 5, ou Clúster 5, comezou a propagarse de forma “explosiva” polas granxas de visóns, cuxa pel se utiliza na industria peleteira, na península de Jutlandia, en Dinamarca. O que tiña de especial esta variante do coronavirus era, segundo a OMS, que “presentaba unha combinación de cambios non observados previamente”, polo que se descoñecían as repercusións dos cambios detectados no código xenético do virus. As posteriores declaracións da primeira ministra do país, Mette Frederiksen, e as decisións do goberno danés foron impactantes: acordouse sacrificar a 17 millóns de visóns. Estas medidas drásticas tamén se acometeron noutros países afectados. Así, os Países Baixos, por exemplo, avanzaron unha medida que tiñan previsto cumprir no ano 2024: o peche de todas as granxas de visóns.

Dende as primeiras informacións recibidas procedentes doutros países de Europa en relación con explotacións de visóns infectadas co SARS-CoV-2, Medio Rural expón que “a Xunta mantivo un contacto permanente co sector peleteiro galego e trasladou, nominalmente, a todas as explotacións activas a información actualizada da situación, tanto en Europa como en España, a través de varias comunicacións”.

Granxas de visóns e coronavirus: que se sabe ata agora?

Nestas comunicacións, continúa Medio Rural, “incidíase no incremento das medidas de bioseguridade nas explotacións e fundamentalmente no relativo a evitar a transmisión do virus a través de persoas infectadas, dado que é esta a principal vía documentada de contaxio para estas granxas”. O Goberno galego continuará actuando nesta materia consonte aos devanditos protocolos de prevención, vixilancia e control, sempre coa máxima transparencia e co obxectivo último de preservar a saúde da cidadanía.

O foco da Baña, en cumprimento da normativa vixente, notificarase oficialmente por parte do MAPA á Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE) e á Comisión Europea, tratándose do segundo caso de infección por SARS-CoV-2 en visón americano en España, tras o detectado no pasado mes de xuño nunha granxa da provincia de Teruel.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

O virus que afecta o 80% das granxas de porcos: “Ten unha elevada capacidade de mutación”

Un equipo de Veterinaria da USC avanza na prevención, detección e control da Síndrome Reprodutiva e Respiratoria Porcina

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios