Sábado 12 Outubro 2024

España sobe a 65 anos o límite da vacina de AstraZeneca e valora amplialo

A ministra de Sanidad avanzou que se podería recomendar para todas as idades unha vez revisados os novos datos dos ensaios clínicos

A suspensión da vacina contra a Covid-19 da compañía anglosueca AstraZeneca e a universidade de Oxford durará finalmente 10 días. Despois de que o luns pasado España, xunto a varios países, anunciase que paraba a inmunización con esta fórmula por mor dos casos de trombose detectados en persoas vacinadas, este mércores volverá a inxectarse na poboación. E farao, ademais, cun límite de idade ampliado ata os 65 anos: os novos datos dispoñibles dos ensaios clínicos xa levaran a varios países, antes da suspensión, a ampliar o rango de idade. E segundo avanzou a ministra de Sanidade, Carolina Darias, é probable que os novos datos obtidos nas probas clínicas con esta fórmula poidan acabar ampliando a persoas maiores de 65, grazas á dispoñibilidade de información máis precisa. Segundo informa El País, citando fontes presentes na reunión do Consello Interterritorial deste luns, algunhas comunidades, como Catalunya ou Madrid, solicitaron levantar este límite, pero por agora decidiuse agardar a obter información máis robusta.

O pasado xoves, despois de varios días de análises, a Axencia Europea do Medicamento (EMA) reiterou que a de AstraZeneca e Oxford “é unha vacina segura e efectiva”, que “os seus beneficios protexendo á xente da Covid-19 e os riscos asociados de morte ou hospitalización superan os posibles riscos”, concluíndo que a súa administración “non está asociada a un incremento do risco de eventos tromboembólicos ou coágulos sanguíneos”, detectados nunha porcentaxe ínfima de persoas que recibiran en días previos a inxección.

Publicidade

Quen recibirá a vacina de AstraZeneca a partir do mércores?

Así, a partir deste mércores continuarase coa inmunización incluíndo o citado cambio na estratexia. Irán, en primeiro termo, os grupos 3B, 3C e 6 da estratexia de vacinación que teñan ata 65 anos e que aínda non fosen vacinados. Isto é, o persoal de saúde pública, sanitario e sociosanitario, fisioterapeutas, terapeutas ocupacionais, persoal de ofinicas de farmacia, protésicos dentais, logopedas, psicólogos clínicos, forzas e corpos de seguridade, emerxencias, forzas armadas e docentes e persoal de educación infantil, primaria, secundaria e especial.

A continuación abordarase, tamén co soro de AstraZeneca e Oxford, a vacinación da poboación xeral de todas as persoas de 65 anos para a abaixo. Deste xeito, un total de 6,8 millóns de persoas, as que segundo o INE teñen entre 55 e 65 anos en España, verán acelerada a súa protección contra o SARS-CoV-2. De feito, por mor da paralización, máis dun millón de doses xa entregadas ás comunidades autónomas estaban á espera de ser administradas, o que previsiblemente acelerará nos vindeiros días a inmunización destes grupos prioritarios.

Publicidade

A chegada de novas doses de tres das catro fórmulas xa aprobadas (Pfizer-BioNTech, Moderna e AstraZeneca-Oxford) e o comezo do reparto en abril da de Janssen, incrementarán o ritmo de protección.

A posible ampliación

Este mesmo luns, a farmacéutica difundiu unha nota de prensa na que expoñía os resultados intermedios da fase 3 de ensaios clínicos nos Estados Unidos. Ademais dun 79% de eficacia para previr os síntomas da Covid-19 e un 100% contra os casos máis graves e hospitalizacións, esta análise fixo fincapé nun dos puntos clave desta candidata: a protección a maiores de 65 anos. Os datos difundidos por AstraZeneca sosteñen que a eficacia é do 80% neste grupo de idade, ao que pertencían o 20% dos participantes no ensaio. Segundo a compañía, o 60% destas persoas maiores de 65 tiñan comorbilidades asociadas a un alto risco de Covid-19 grave, como diabetes, obesidade ou doenzas cardíacas.

Unha vez estes datos sexan revisados e avaliados polas axencias reguladoras europeas e españolas, é probable que se amplíe o rango de idade, o que aceleraría aínda máis a protección das persoas maiores, tendo en conta que o envellecemento é un factor crítico no agravamento da infección. A estes datos sumaranse, do mesmo xeito, os resultados dos estudos observacionais en poboación xeral no Reino Unido, onde esta fórmula se administrou a un número moito maior de persoas.

Porén, as dúbidas xeradas por como se transmitiu algunha información ao respecto da suspensión da inxección de AstraZeneca e Oxford estanse a notar na cidadanía. Unha enquisa da empresa de análise de opinión YouGov expuxo este luns que a desconfianza cara a este soro medrou en España, Italia, Francia ou Alemaña. No caso español, un 52% das máis de 1000 persoas ás que se lle preguntou entre os días 17 e 18 de marzo considera a vacina insegura, o dobre que un mes atrás. Porén, como insisten as autoridades sanitarias e científicas, e como ratificou a ministra Carolina Darias este luns, “as vacinas son seguras, eficaces e salvan vidas”.

A pesar da paralización da fórmula anglosueca, Galicia suma arredor de 120000 persoas coa pauta completa dalgunha das vacinas. Isto é, case o 4,5% da poboación. Inxectáronse en total 385.613 doses ata a mañá do luns, segundo os datos da Consellería de Sanidade.

Na noite do luns, despois do anuncio do Goberno español, a Consellería de Sanidade confirmou que o mércores se retomaría a administración desta fórmula. Desde o martes comzarase a citar en Galicia ás persoas marcadas nos grupos prioritarios.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Luis Enjuanes, virólogo: “Hai que estar moi alerta, a polio está emerxendo polas guerras”

O experto en coronavirus participa no Congreso Nacional de Viroloxía que se está a celebrar esta semana en Santiago

Máis alá do mpox: as cinco emerxencias sanitarias do século XX que viviu Galicia

A sociedade leva miles de anos enfrontándose aos microorganismos e ás enfermidades infecciosas como a varíola ou a poliomielite

O lado escuro dos ‘influencers’: a publicidade de produtos que quere evitar Sanidade

Os galegos Guillermo Carracedo e Sara Seco apoian o novo proxecto de lei, que restrinxirá a promoción de artigos sanitarios nas redes sociais

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres