Venres 11 Outubro 2024

Sanidad propón reanudar a vacinación con AstraZeneca a vindeira semana

O Ministerio informa ás comunidades autónomas despois do ditame da axencia europea, que mantén que "os beneficios seguen superando os riscos"

“Esta é unha vacina segura e efectiva. Os seus beneficios protexendo á xente da Covid-19 e os riscos asociados de morte ou hospitalización superan os posibles riscos. O comité tamén conclúe que a vacina non está asociada a un incremento do risco de eventos tromboembólicos ou coágulos sanguíneos”. Así comenzaba a súa comparecencia na tarde deste xoves a directora executiva da Axencia Europea do Medicamento (EMA), Emer Cooke. Porén, e á espera de obter máis datos, a revisión do posible vínculo entre o fármaco e as tromboses converterase na “máxima prioridade” para a EMA. Non se descarta, por tanto, que en casos “moi raros” poida haber relación entre o feito da vacinación (a propia fórmula, ou a maneira de administrala, entre outras posibilidades) e os episodios tromboembólicos. Está por ver a decisión que toman agora os países que nos últimos días suspenderon a inmunización con esta fórmula, entre os que se atopan España, Portugal, Francia, Italia ou Alemaña. O Ministerio de Sanidad propuxo ás comunidades autónomas no Consello Interterritorial de Saúde, convocado na tarde do xoves, que a semana que vén se retome a inmunización coa fórmula da compañía anglosueca e a Universidade de Oxford. Segundo El País, segue pendente establecer o novo rango de grupos prioritarios para esta vacina, o que se acordará na Ponencia de Vacinas que se celebra este venres.

Que di a EMA sobre a vacina?

En resumo, o comunicado da EMA, emitido despois da comparecencia na que tomaron parte varias das principais responsables da entidade, confirma varios puntos:

Publicidade

  • Os beneficios da vacina para combater a Covid-19 (que segundo lembran, tamén produce nalgúns casos problemas de coagulación con consecuencias a veces mortais) continúan superando os riscos dos efectos secundarios.
  • A vacina non está asociada cun aumento no risco xeral de coágulos sanguíneos en quen a recibe.
  • Non hai evidencia dun problema relacionado con lotes específicos ou lugares de fabricación concretos.
  • A vacina pode estar asociada con casos “moi raros” de coágulos no sangue asociados con trombocitopenia, isto é, niveis baixos de plaquetas en sangue, con ou sen sangrado, incluíndo casos raros de coágulos nos seos venosos cerebrais, isto é, os vasos sanguíneos que drenan sangue desde o cerebro.

“Discernir entre a causalidade e a coincidencia no tempo non é doado nestes casos”

Non se descarta a asociación, aínda que sexa moi rara

“A evidencia que temos, neste momento, non é suficiente para concluír con certeza se estes eventos adversos están causados pola vacina ou non”, dixo Sabine Strauss, directora do Comité de Seguridade e Farmacovixilancia (PRAC) da institución europea.

Trátase, con todo, de casos “moi raros”. Entre os 20 millóns de persoas vacinadas no Reino Unido e a Unión Europea, observáronse ata o día 16 de marzo sete casos de coágulos en múltiples vasos sanguíneos (a coñecida como coagulación intravascular diseminada, DIC polas súas iniciais en inglés) e 18 casos de trombose de seos venosos cerebrais. En ningún dos casos se probou, polo momento, un vínculo causal coa vacina, pero “é posible”, en palabras da EMA, polo que require dunha análise máis detallada.

Publicidade

Os eventos tromboembólicos entre a poboación vacinada foron menores do esperado na poboación xeral

O PRAC reuniu a expertos en transtornos sanguíneos para analizar a información dispoñible, traballando en colaboración coa axencia británica MHRA. E deste xeito concluíu que “o número de eventos tromboembólicos notificados despois da vacinación, nos 469 informes tanto nos ensaios clínicos como na inmunización da poboación xeral, foi inferior ao esperado no conxunto da poboación”. Isto confirma, segundo o PRAC, “que non hai un aumento no risco xeral de coágulos de sangue”. Porén, e debido ás situacións observadas nalgúns pacientes máis novos, é preciso investigar en profundidade a posible relación causal.

Así, o PRAC examinou os eventos de coágulos e trombose, nove dos cales resultaron en falecemento. A maioría eran mulleres menores de 55 anos. No grupo de poboación de persoas menores de 50 anos comparáronse os datos previos á vacinación e viuse que, se os casos esperados de coagulación intravascular diseminada eran menos de 1 nos 14 días posteriores á vacinación, observáronse cinco casos. Do mesmo xeito, se agardaban un promedio de 1,35 casos de trombose de seos venosos cerebrais, observáranse 12 casos nese período de tempo. No resto da poboación de maior idade que recibiu a vacina non se viron desequilibrios semellantes.

Para afondar nesta posible asociación, e confirmar ou descartar o vínculo entre a vacina ou a súa forma de administración e estas patoloxías, o PRAC continuará vixilando a aparición de novos casos. A análise estenderase ás outras vacinas aprobadas contra a Covid-19.

Que precaucións hai que tomar e que síntomas hai que vixiar?

Outra das novidades achegadas pola EMA este xoves é a da actualización dos posibles síntomas vinculados aos episodios de trombose. Neste sentido, xa se están tomando medidas para actualizar o prospecto da vacina e incluír a información sobre posibles efectos adversos moi raros, como acontece co resto de fármacos. Estes son os posibles síntomas que describe a EMA:

  • Falta de alento
  • Dor no peito ou estómago
  • Inchazón, sensación de frío o entumecemento nun brazo ou perna
  • Dor de cabeza intenso ou que empeora progresivamente, ou visión borrosa despois da vacinación
  • Sangrado persistente
  • Pequenos e numerosos hematomas, manchas avermelladas ou violáceas ou ampolas de sangue baixo a pel.

Neste caso, insisten en procurar asistencia médica inmediata, facendo mención á vacinación recente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Luis Enjuanes, virólogo: “Hai que estar moi alerta, a polio está emerxendo polas guerras”

O experto en coronavirus participa no Congreso Nacional de Viroloxía que se está a celebrar esta semana en Santiago

Máis alá do mpox: as cinco emerxencias sanitarias do século XX que viviu Galicia

A sociedade leva miles de anos enfrontándose aos microorganismos e ás enfermidades infecciosas como a varíola ou a poliomielite

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

Chegan as vacinas contra o melanoma: como funcionan?

As compañías Moderna e Merck xa comezaron os seus ensaios clínicos para desenvolver a terapia, que podería estar lista en 2025