A UVigo, no estudo que relaciona niveis de pole e contaxios de covid

Investigadores da Universidade de Vigo usan datos de pole no aire en Vigo, A Coruña e Santiago para colaborar neste traballo internacional

O Laboratorio de Aerobioloxía da Universidade de Vigo, co catedrático da Área de Botánica Francisco Javier Rodríguez Rajo á cabeza, vén de participar nun estudo internacional no que se relaciona o aumento do pole no aire e os contaxios por covid-19. Tratouse dun estudo “sen precedentes” no seu eido no que participaron máis de 150 investigadores e investigadoras internacionais e 130 estacións de mostraxe de pole de 31 países dos cinco continentes.

Os resultados foron publicados recentemente na revista Proceedings of the National Academy of Sciences of the Unite States of America nun artigo titulado Higher airborne pollen concentrations correlated with increased SARS-CoV-2 infection rates, as evidenced from 31 countries across the globe. O equipo internacional participante recompilou cifras sobre as concentracións de pole no aire, as condicións meteorolóxicas e as infeccións por SRAS-CoV-2, tendo en conta a variación das taxas de infección dun día a outro e o número total de probas positivas. Nos seus cálculos, tamén incluíron información sobre a densidade de poboación e os efectos das medidas de confinamento.

Publicidade

Un estudo sen precedentes

Segundo explica Francisco Javier Rodríguez Rajo, investigador do Grupo de Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos (BV1) da UVigo, no seu caso a participación consistiu en proporcionar os datos de pole referidos a Galicia e avaliar as conclusións do artigo. Concretamente proporcionaron os datos recollidos nas estacións de mostraxe de pole das cidades de Vigo, Santiago de Compostela e Ourense, estando esta última ubicada na propia Facultade de Ciencias do campus. Os datos de pole subministrados foron os referidos ao ano 2020, ao período de pandemia, e a 52 tipos de pole, “os máis importantes que están na atmosfera”.

Javier Rodríguez Rajo na estación de mostraxe de pole situada no campus de Ourense.

Segundo indica o catedrático, ao abeiro dun acordo coa Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia, o grupo da UVigo é o encargado de realizar o seguimento e control aerobiolóxico en Galicia, xestionando as catro estacións de mostraxe de pole ubicadas na comunidade. Esta circunstancia, e o feito de que durante a pandemia se mantivo a actividade nestas estacións, engade, fixo posible dispor dos datos requiridos polo estudo.

Publicidade

“Este estudo é o máis grande, coa maior cantidade de investigadores, puntos de mostraxe e países, que se ten feito nunca neste campo. É a primeira vez que se consigue facer algo así e foi posible porque o momento excepcional que vivimos así o requiriu”, comenta Rodríguez Rajo. Recalcando “a importancia de que Galicia e os datos referidos a ela estean nestes estudos a nivel mundial”, o catedrático da UVigo sinala a satisfacción de do seu grupo por ter participado nun proxecto non só desta envergadura científica senón por tratarse dun estudo que se enmarca no esforzo da comunidade científica por contribuír, cada un desde a súa área de coñecemento, á loita contra a covid-19.

A correlación

A investigación partiu da hipótese de que unha maior cantidade de pole no aire conduciría a aumentos nas taxas de infección por coronavirus. Na súa proposta tívose en conta o feito que as altas concentracións de pole provocan unha resposta inmunitaria máis débil nas vías respiratorias aos virus.

Cando un virus entra no corpo, explican os investigadores do estudo, as células infectadas adoitan enviar proteínas mensaxeiras e estas proteínas, coñecidas como interferóns antivirais, indican ás células próximas que aumenten as súas defensas antivirais para manter a raia aos invasores, ademais de activarse unha resposta inflamatoria axeitada para combater eses virus. Porén, indícase no estudo, se as concentracións de pole no aire son elevadas e se inhalan os grans de pole coas partículas de virus, xéranse menos interferóns antivirais e a propia resposta inflamatoria beneficiosa tamén se ve afectada. Polo tanto, nos días cunha alta concentración de pole, pode producirse un aumento do número de enfermidades respiratorias. No traballo realizado investigouse se isto se podía aplicar ao SARS-CoV-2, concluíndo que si e que o feito de que os individuos sexan alérxicos aos distintos tipos de pole é irrelevante.

Concretamente, no estudo realizado demostrouse que o pole transportado polo aire pode explicar, por termo medio, o 44% da variación das taxas de infección, e que a humidade e a temperatura do aire tamén inflúen en determinados casos. Durante os intervalos sen confinamento, as taxas de infección eran de media un 4% máis altas con cada aumento de 100 grans de pole no aire por metro cúbico. No confinamento reduciuse á metade as taxas de infección en concentracións de pole similares.

Aquí podes ler a nova no Duvi

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Memorias dunha pandemia

Como sobrevivir á histeria colectiva ante un gromo de hantavirus. Por Andrea Veiga

O epidemiólogo Juan Gestal: “Non vai ser a próxima pandemia”

O experto explica que o perigo para a poboación global é baixo e que a resposta das autoridades debe centrarse na investigación da orixe do gromo

Máis vexetación, máis pole: por que esta primavera será peor para os alérxicos en Galicia?

As borrascas de febreiro acumularon humidade que elevará os niveis de gran de bidueiro en Pontevedra, Ourense e Lugo

Badiola: “Hai unha probabilidade moi alta de que a nova gran pandemia teña orixe animal”

O doutor especialista en sanidade animal, sobre a gripe aviaria: “O risco para a cidadanía é extremadamente baixo, pero non completamente inexistente”