España paralizará desde este luns durante un período mínimo de 15 días a vacinación con doses de AstraZeneca contra o coronavirus, unha decisión que coincide coa adoptada nas últimas horas por varios países europeos entre os que se atopan Alemaña, Francia ou Italia.
En Galicia, a vacina de AstraZeneca estaba a administrarse especialmente a persoal docente, mentres que este pasado sábado se realizou unha ensaio de vacinación masiva, coa inoculación a 15.000 galegos entre 50 e 55 anos, en todas as áreas sanitarias.
A decisión xa foi comunicada por parte da ministra de Sanidade, Carolina Darias, aos conselleiros das comunidades autónomas e foi xustificada “por precaución”. Así o transmitiu a ministra durante a reunión extraordinaria do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde que se celebrou desde as 17:30 horas.
A Axencia Española do Medicamento explicara a pasada semana que non había motivos para a suspensión. A directora da AEMPS manifestou que “hai máis casos de trombos na poboación xeral que na poboación vacinada”. Pero unha nova análise da situación vén de cambiar o criterio, para que impere o principio de precaución.
“Decidimos suspender de xeito cautelar a administración da vacina ata que o comité de riscos da Axencia do Europea do Medicamento analice os eventos trombóticos dos últimos días”, dixo a ministra, que engadiu: “Durante a fin de semana, mantiven contacto cos meus colegas europeos e esta fin de semana saltaron alertas de casos de trombose pouco frecuentes que non se coñeceron antes”.
“É unha trombose moi específica e moi concreta. Son casos que se saen do patrón establecido. Á espera da análise decidimos a suspensión cautelar polo menos durante as dúas próximas semanas para que ofrezan respostas a estes sinais”, dixo Darias.
En España foron administradas ata o de agora 939.534 dose de AstraZeneca. O principio de precaución impera dende agora e non se administrarán máis vacinas desta fórmula desenvolvida na Universidade de Oxford (Reino Unido). Actualmente, os casos detectados son moi poucos: 11 polo momento. Reino unido ten 3 casos en 11 millóns de persoas vacinadas.
A directora da Axencia Española do Medicamento, María Jesús Lamas, compareceu para explicar os síntomas que levaron a esta paralización cautelar:
“Semella que o tempo de latencia é de entre 3 e 11 días despois da dose e os síntomas que poden facer sospeitar son dor de cabeza moi intenso, inusual, non unha dor normal, que non cede cos analxésicos, que empeora cando un está deitado, que se acompaña de vómitos ou alteracións visuais ou sangrados irregulares”.
Lamas dixo que comunica esta circunstancia, que é moi rara, xa que apareceu en contadísimas ocasións, por un principio de prudencia: “Non son os síntomas habituais da vacina que poden ser unha dor de cabeza de intensidade habitual, febre, dor no sitio da inxección ou cansazo. É diferente“