Martes 19 Marzo 2024

España mantén os ensaios con cloroquina pese á suspensión temporal da OMS

As dúbidas sobre o estudo de "The Lancet" que expoñía os riscos do fármaco provocan distintas reaccións nos países afectados pola pandemia

Á espera da vacina contra a Covid-19, médicos, farmacéuticos e científicos en xeral de todo o mundo traballan arreo para atopar fármacos que poidan aumentar as esperanzas de recuperación das formas máis graves da infección causada polo SARS-CoV-2. Un dos compostos do que máis se falou desde o comezo da crise foi a cloroquina e o seu derivado hidroxicloroquina, fármacos antipalúdicos que se usaron no pasado fronte á malaria e que poderían axudar a reducir os danos causados pola Covid-19. A semana pasada, un estudo observacional (non clínico) publicado na revista The Lancet, unha das publicacións científicas de referencia nestes meses, provocou un importante balbordo ao vincular a cloroquina a unha maior mortalidade de persoas afectadas polo coronavirus. A análise, que estudaba a situación de case 100.000 pacientes, era a meirande feita ata ese momento sobre o asunto. E o debate na comunidade científica segue moi candente.

Ante os resultados da investigación, a Organización Mundial da Saúde decidiu o pasado mércores “interromper temporalmente” as probas con hidroxicloroquina e cloroquina no seu estudo Solidarity, no que participan decenas de países e centos de hospitais, e que analiza o efecto de varios tratamentos contra a Covid-19. Outros países tamén tomaron decisións ante     os resultados; Francia, por exemplo, decidiu prohibir os tratamentos con estes compostos ás persoas que non estean participando nos ensaios en marcha.

Publicidade

Pero por agora en España (e en Galicia, onde o fármaco se usou e segue usando en varios hospitais) os estudos seguen adiante. Así o expuxeron desde a Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios (AEMPS), onde apuntan que as conclusións do estudo de The Lancet non son “suficientemente sólidas”. En España, segundo unha análise elaborada pola Sociedad Española de Medicina Interna (SEMI), un 85,7% das persoas ingresadas por Covid-19 foron tratadas con hidroxicloroquina durante estes meses de pandemia. En resposta a unha pregunta de Diario Farma, a AEMPS sostén que ata o momento non se recibiu “ningunha alerta” no seguimento dos 15 ensaios clínicos con estes fármacos que se están facendo en España (oito de tratamento e sete de profilaxe/prevención). Algúns deles, como o estudo EPICOS, que analiza o posible uso profiláctico do fármaco en profesionais sanitarios, inclúe a hospitais galegos.

Carta a The Lancet

A controversia sobre o fármaco, alimentada polas declaracións dalgúns líderes políticos, aumentou despois do estudo observacional por mor dunha carta publicada xa apoiada por case 200 investigadores, e dirixida aos autores da devandita análise e ao editor de The Lancet, na que amosaban a súa preocupación sobre a solidez estatística do traballo e a integridade dos datos, recollidos dunha base facilitada pola empresa Surgisphere. Outros expertos, como Pedro Alonso, director do programa de malaria da OMS, declarou a El País que a devandita análise “ten un nivel de inconsistencias alarmante”.

Neste sentido, a AEMPS expón, entre as razóns para manter os ensaios en España, o feito de que a análise ten en conta doses máis altas ca noutros ensaios, e que se fai unha lectura xeral de países con sistemas sanitarios moi distintos, o que podería influír na solidez dos datos. A propia AEMPS apunta na súa nota informativa sobre a cloroquina e hidroxicloroquina o risco en pacientes con determinados problemas cardíacos, como arritmias, e en trastornos neuropsiquiátricos.

Remdesivir, cloroquina, soro… 3+2 tratamentos en probas co coronavirus

Con todo, á espera das necesarias evidencias máis sólidas sobre o efecto real do fármaco, algúns expertos sinalan a súa preocupación sobre o rexeitamento que poida causar nos pacientes o seu uso, segundo explica un artigo na revista Nature. Neste sentido cítase ao propio autor principal do estudo de The Lancet, Mandeep Mehra, que evita vincular os resultados da súa análise á suspensión dos ensaios. “Nunca pedimos a paralización dos ensaios clínicos, de feito, avogamos polo contrario“, di Mehra.

Pero funciona ou non?

A hidroxicloroquina/cloroquina é só un máis dos diversos fármacos que se están usando como tratamento contra a Covid-19. Os estudos que levaron a iniciar os ensaios apunan a que, en análises in vitro, parecen ser efectivos para limitar a replicación do SARS-CoV-2. Porén, outras análises non atopan diferenzas nos tratamentos realizados ata agora.

Debido á rapidez coa que se propagou a pandemia, e a dificultade de obter resultados o suficientemente sólidos e prolongados no tempo sobre a utilidade dos fármacos contra a enfermidade, é difícil establecer por agora se o seu uso se pode recomendar ou desaconsellar de forma taxativa. Ante isto, a decisión da AEMPS é manter os ensaios á espera de que se dispoña dunha maior evidencia nun ou noutro sentido. conclúe a axencia“Segue sendo necesario obter datos a través de ensaios clínicos deseñados de forma axeitada”, .

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade