Remdesivir, cloroquina, soro… 3+2 tratamentos en probas co coronavirus

Estes son os tratamentos experimentais aprobados pola OMS que tentan atallar a pandemia da Covid-19

Os tratamentos parten doutros xa existentes para gañar tempo.

Connor Bamford/The Conversation

A medida que a pandemia da Covid-19 continúa a espallarse por todo o mundo, matando a milleiros de persoas e poñendo de xeonllos ás economías do planeta, os médicos, científicos e gobernos buscan tratamentos seguros e efectivos para axudar aos enfermos. Porque o gran problema desta doenza é que aínda non existe unha cura.

Existen tratamentos que poden aliviar os síntomas, como a dificultade para respirar, pero non abordan a causa subxacente: o virus. A idea é que o tratamento dos síntomas axudará a prolongar a vida dun paciente e gañar tempo para que os seus propios sistemas inmunes actúen e eliminen a infección.

Aínda que a investigación previa con coronavirus relacionados nas últimas décadas trouxo algúns medicamentos prometedores, só teremos certezas cando se poidan facer grandes ensaios clínicos en pacientes con Covid-19. Desafortunadamente, este tipo de ensaios grandes leva tempo, pero están en curso.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) xa anunciou o lanzamento de catro “mega ensaios” en Covid-19 e que hai moitos de escala máis pequena coordinados en países de todo o mundo.

Os ensaios apoiados pola OMS céntranse en medicamentos que se cre que bloquean directamente o coronavirus SARS-CoV-2. A continuación detállanse algúns dos principais remedios que estes ensaios están a analizar.

Remdesivir

Este é un medicamento antiviral intravenoso que se desenvolveu para bloquear a infección con outros coronavirus e tamén co Ébola.

Demostrouse que o Remdisivir funciona contra o SARS-CoV-2 en células en laboratorio, así como en ratos infectados co virus. Remdesivir diríxese especificamente ás proteínas virais clave involucradas en facer novas copias do virus e evita que funcionen.

Este remedio xa se utilizou nalgúns pacientes con COVID-19 nos Estados Unidos e semella seguro, pero se necesitan grandes ensaios en humanos para saber realmente se pode ser un candidato serio a medicamento, cunha produción dabondo para satisfacer a demanda mundial.

Lopinavir / ritonavir

Aquí falamos dunha combinación de medicamentos xa utilizada contra virus como o VIH. Funciona de xeito similar ao remdesivir ao bloquear proteínas que son clave para o coronavirus e que se denominan “proteasas”.

Tamén se demostrou que o lopinavir/ritonavir é efectivo contra o SARS-CoV-2 en células de laboratorio e en ratos e agora esta a ser probado xunto cun medicamento antiviral chamado interferón beta.

Actualmente úsase para tratar a esclerose múltiple e pode mellorar as defensas naturais das células do corpo contra o SARS-CoV-2.

Cloroquina e hidroxicloroquina

Ambos os dous medicamentos úsanse actualmente para tratar a malaria e a enfermidade autoinmune do lupus. A cloroquina foi probada contra moitas infeccións diferentes porque no laboratorio pode bloquear os virus, incluído o SARS-CoV-2, para que non entren nas células.

Fóra do laboratorio, non se demostrou que a cloroquina teña un efecto importante na prevención de enfermidades e ata o momento hai evidencia limitada de que poida funcionar para COVID-19, a pesar de recibir moitas esaxeracións do presidente Donald Trump. As súas repetidas palabras en rolda de prensa non están sustentadas científicametne.

Pero, de novo, se necesitqan grandes ensaios que están apoiados pola OMS.

Ademais, debemos ter precaución coa cloroquina, xa que pode ter efectos secundarios significativos en certas persoas e mesmo pode bloquear a resposta inmune. Este é un resultado desexado no tratamento do lupus, pero podería non ser axeitado coa Covid-19.

Outras dúas opcións

Todos os tratamentos potenciais anteriores funcionan bloqueando algún elemento clave da maquinaria de infección de virus usando moléculas. Tamén se están a explorar outros dous tipos de tratamentos en ensaios que funcionan de xeito diferente.

O primeiro é a inmunización pasiva, que é a transferencia, ou transfusión, de posibles anticorpos protectores de alguén que foi infectado e recuperado de Covid-19.

Este chamado “soro convalecente ” (que é un produto sanguíneo purificado de alguén que se recuperou da Covid-19) pode bloquear o SARS-CoV-2 nas células no laboratorio e ten o potencial de axudar a desenvolver tratamentos.

A inmunización pasiva para COVID-19 está a probarse en ensaios en todo o mundo (tamén en Galicia hai hospitais adheridos a este programa) e ata o de agora os resultados parecen suxerir que é seguro de usar.

Carmen Albo: “O uso de plasma podería evitar o ingreso do paciente na UCI”

Outro tipo de tratamento posible funciona ao bloquear partes do noso propio sistema inmunitario que probablemente reaccionen de forma esaxerada á infección por SARS-CoV-2 e contribúan ao dano nos nosos pulmóns .

Nos estudos limitados que se levaron a cabo con Covid-19, semella que nalgúns casos graves a nosa resposta inmune se dispara sen poder eliminar a infección e isto pode aumentar a gravidade da enfermidade. O resultado son altos niveis de inflamación nos pulmóns.

Xa comezaron os posibles tratamentos que buscan bloquear os compoñentes inmunes vinculados a esta gravidade. Dito isto, débese ter extrema precaución ao manipular a resposta inmune durante unha infección, xa que en ausencia doutras terapias confiamos na nosa resposta inmune para limitar a replicación do virus.

Por tanto, aínda que os tratamentos específicos para Covid-19 aínda non están dispoñibles, están a probarse medicamentos e ensaios clínicos que están a comezar a dar resultados. Isto, combinado co coñecemento adicional que os científicos están a obter sobre o SARS- oV-2 axudará enormemente ata que unha vacina estea dispoñible.

Connor Bamford é investigador en Viroloxía, na Queen’s University Belfast

Aquí podes ler o artigo orixinal en inglés en The Conversation que GCiencia traduce polo seu interese

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.