Martes 23 Abril 2024

Opinar de ciencia sen ter moita idea: o efecto Dunning-Kruger

O nesgo cognitivo descuberto en 1999 por dous psicólogos sociais dos Estados Unidos explica un fenómeno que se ten disparado na crise do coronavirus

Ese cuñado que discute os resultados publicados pola revista Science. O faladoiro de televisión onde o experto en famosos agora explica a acción da proteína ACE2 na entrada do SARS-CoV-2 nas células. Os comentarios en redes sociais ‘desmontando’ á OMS, á revista Nature e ao Imperial College… Todos temos escoitado a persoas que, descoñecendo un tema, falan como grandes expertos. É un feito que se ten disparado coa crise do coronavirus. E ten nome: Efecto Dunning-Kruger.

Básicamente, é o mesmo efecto polo que podes pensar que conduces mellor ca media ou que os teus chíos en Twitter son máis pándegos. Pero isto é un nesgo cognitivo que leva o nome dos dous psicólogos da Universidade de Cornell que o demostraron en 1999: Justin Kruger e David Dunning. Nas últimas dúas décadas o Efecto Dunning-Kruger foi unha auténtica revolución na Psicoloxía, con novas investigacións tamén no eido das matemáticas. E todo se resume en que tendemos a sobrevalorar nosas capacidades intelectuais e sociais. Ata o punto de que os máis ignorantes son os que máis opinan sobre temas que descoñecen absolutamente.

Publicidade

O efecto Dunning-Kruger non é unha enfermidade, síndrome ou doenza mental; está presente en todo o mundo ata certo punto, aínda que só recentemente foi documentado en psicoloxía social. É un nesgo cognitivo.

No seu artigo de 1999, publicado no Journal of Personality and Social Psychology , David Dunning e Justin Kruger puxeron datos ao que os filósofos sabían dende Sócrates, quen supostamente dixo algo así como “a única sabedoría verdadeira é saber que non se sabe nada”.

Charles Darwin insistiu no mesmo tema en 1871: “A ignorancia crea con maior frecuencia confianza que o coñecemento”.

En poucas palabras, as persoas incompetentes pensan que saben máis do que realmente saben, e tenden a ser máis fachendosas respecto diso.

No seu estudo, os investigadores interrogaron ás persoas sobre varios temas: gramática, razoamento lóxico e humor. Despois de cada proba, preguntaron aos participantes como pensaban que o fixeran. Sobre todo, en comparación cos outros concursantes.

Dunning sorprendeuse polos resultados, a pesar de que confirmou a súa hipótese. Unha e outra vez, sen importar o tema, as persoas que obtiveron malos resultados nas probas sempre clasificaron a súa competencia como moito máis alta que o resto.

Os examinados que obtiveron puntuacións moi baixas, situadas no percentil 10, clasificáronse a si mesmos preto do percentil 70. Os que menos sabían do que estaban a falar eran precisamente os que crían que sabían tanto como os expertos.

Os resultados de Dunning e Kruger foron replicados en polo menos unha ducia de dominios diferentes: habilidades matemáticas, degustación de viños, xadrez, coñecemento médico entre os cirurxiáns e seguridade das armas de fogo entre os cazadores.

E, nos últimos anos, o interese neste efecto medrou exponencialmente. En boa parte pola aparición na escena política de Donald Trump. As procuras de Google para “dunning kruger” ascenderon dende aquela e alcanzaron o seu punto máximo en maio de 2017, segundo Google Trends. Durante a crise do coronavirus, o presidente dos Estados Unidos fixo aseveracións sen base científica sobre a cloroquina como tratamento, e a semana pasada calificou ao novo coronavirus como “ademais de invisible, moi intelixente”, porque “os antibióticos non poden con el”.

“Obviamente tanto interese recente ten que ver con Trump”, dixo Dunning en entrevista con The Washington Post, “hai unha motivación política, vivimos un aumento masivo do partidismo con declaracións extremas, polo que as persoas buscan explicacións”.

A pesar de que as declaracións do presidente Trump están infestadas de erros, falsidades ou inexactitudes, el expresa unha gran confianza na súa aptitude. Manifesta que resolve problemas “con moi pouco coñecemento ademais do coñecemento que xa tiña” e tamén asegurou en varias entrevistas que non le informes longos porque “xa sei exactamente que son”.

Pero, alén do fenómeno Trump, nos últimos anos houbo estudos sobre o efecto Dunning-Kruger en eidos diversos, algúns perigosos. Por exemplo, en accidentes de aviación que se poderían ter evitado, de non ser por un aberrante exceso de confianza dun piloto.

Pero normalmente o efecto Dunning- Kruger adoita ser inofensivo. Non pasa de que creas que es mellor condutor que a meirande parte dos que levan o coche ao mesmo tempo ca ti.

Dende a chegada ao poder de Donald Trump, disparouse a atención sobre o efecto

Nos últimos anos, houbo investigacións que sinalan que hai un factor cultural neste nesgo. Como o traballo que revelou que os xaponeses tenden a caer menos no efecto Dunning-Kruger que os estadounidenses. Que son ‘menos botados para diante’.

Na banda oposta, existe un efecto chamado ‘Síndrome do Impostor‘, polo que precisamente os que máis sabe dalgún tema adoitan gardar silencio ou non expoñerse porque cren que coñecen menos do que saben. Canto maior é o coñecemento que temos dun asunto, máis dúbidas aparecen e comezamos a pensar que non o dominamos.

Sobre o seu nesgo, o propio Dunning explicou nun artigo publicado en Pacific Standard que os que están menos cualificados nun campo nin sequera teñen a experiencia necesaria para saber que o están a facer mal.

En resumo, a mente ignorante non está baleira, senón que está chea de ideas preconcibidas, experiencias, feitos e intuicións, ademais de conceptos que importamos doutros campos de coñecemento. Con todo iso construímos historias e teorías que nos dan a impresión de ser un coñecemento fiable.

Iso si, como subliñou Dunning nalgunha ocasión, a conclusión do seu estudo é que non coñecemos os límites da nosa incompetencia. E o máis curioso de todo é que probablemente cometemos este erro todos e todas… e con máis frecuencia do que sospeitamos. Xa o dicimos en galego: o falar non ten cancelas.

E aquí podes consultar o artigo orixinal de Dunning e Kruger

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así funciona a mente dun psicópata

Como funciona o cerebro destas persoas? Investigadores da Universidade Internacional da Rioja analizan o seu comportamento

Ansiedade pola crise climática: “Nada parece útil para salvar o planeta do seu inexorable final”

As respostas emocionais ante as ameazas ambientais que poñen en perigo o futuro da Terra son cada vez máis comúns na poboación

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios