Sábado 4 Maio 2024

Galicia supera os 6.000 casos activos de Covid-19, cunha mínima suba de positivos

O 44,5% de todas as mortes por Covid-19 en Galicia son de persoas usuarias de residencias de maiores, na maioría dos casos nos propios centros

A Xunta de Galicia informou este mércores que son 6.019 as persoas afectadas  polo coronavirus SARS-CoV-2 en Galicia, no que respecta ao cumio da pirámide de persoas afectadas (aquelas ás que se lle realizou a proba para confirmar a doenza). Supérase así a cifra dos 6.000 positivos, despois dunha mínima suba de novos casos respecto ao martes (111 fronte a 103, segundo datos do Ministerio de Sanidad). Os datos están actualizados ás 21 horas da noite anterior, polo que é posible que as cifras, sobre todo as de novos óbitos, cambien durante o día.

Por segunda vez en oito días sobe o número de persoas atendidas nos hospitais galegos, aínda que un dos indicadores de gravidade da doenza, a ocupación das UCI, volve baixar de 133 a 128. O martes pola noite había 746 persoas atendidas en unidades de hospitalización, fronte ás 733 de 24 horas antes. A pesar deste lixeiro incremento, non parece haber risco inminente de saturación dos centros sanitarios.

Publicidade

O resto dos casos, 5.145 (85,48% do total) están sendo atendidas en domicilio. Con todo, cómpre sinalar que nesta última porcentaxe se inclúen as persoas usuarias en residencias de maiores, que nalgún caso teñen un prognóstico grave debido ás complicacións propias da idade. De feito, boa parte dos falecementos dos últimos días rexístranse entre estas persoas atendidas “no domicilio”.

A Xunta inclúe nos hospitalizados en domicilio aos usuarios de residencias de maiores, algúns deles con prognóstico grave

Así, cóntanse 391 falecementos, sete máis que nos datos do martes. Cinco deles tiveron lugar en residencias de maiores: 2 na residencia DomusVi de San Lázaro-Santiago, 1 na DomusVi de Matogrande-A Coruña, 1 na DomusVi de Cangas e 1 na residencia de Foz.

No resumo da situación do último mes pode verse como o número de altas representa unha parte cada vez maior do total de casos confirmados ata o momento.

En atención ás cifras que achega a Xunta, por cada unha das sete áreas sanitarias nas que se reparte o territorio galego, actualmente estase seguindo a 1.280 persoas na área da Coruña-Cee, 589 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 1.193 na de Ourense-Verín-O Barco, 505 na de Pontevedra-Salnés, 1.085 na área de Vigo, 1.029 na de Santiago-Barbanza, e 338 na de Ferrol.

Así foi a evolución no último mes, desde o 13 de marzo, cando xa se difundían datos por áreas sanitarias. Catro delas (Vigo, Ferrol, Pontevedra e Lugo) amosan un crecemento máis lento, mesmo estancamento no caso de Vigo, na última semana, mentres que Santiago, A Coruña e sobre todo Ourense (coa maior incidencia respecto ao total da poboación da área) seguen rexistrando un maior volume de novos positivos, en boa parte debido á confirmación de casos en residencias de maiores.

O pasado venres a área ourensá superou á de Vigo (con case o dobre de poboación) en número de casos. Do mesmo xeito, a área de Santiago-Barbanza estase a achegar á viguesa.

Outro dos indicadores positivos sobre a epidemia é que a distancia entre os novos casos diarios e as altas diarias é cada vez menor, como se pode ver baixo estas liñas, aínda que o lixeiro incremento de novos positivos deste mércores afasta mínimamente as traxectorias. Entre a noite do luns e a do martes confirmáronse 111 casos e déronse 58 altas.

Residencias de maiores

En Galicia, a Consellería de Política Social segue achegando pola súa conta o número de casos activos en residencias de persoas maiores e con discapacidade, que na actualidade supoñen máis do 22% das persoas afectadas en Galicia. 929 usuarios e 419 profesionais destes centros están infectados por coronavirus. Os maiores focos están na residencia La Esperanza da Fundación San Rosendo, en Ourense, con (101 usuarios e 35 traballadores), DomusVi San Lázaro-Santiago (82 e 38), DomusVi Cangas (91 e 17), Nosa Señora de Fátima do Barco de Valdeorras (61 e 18), DomusVi Barreiro-Vigo (67 e 11), Portazgo-A Coruña (46 e 22), Divino Maestro, tamén da Fundación San Rosendo, en Ourense (38 e 19) ou o CAPD Redondela (36 e 20). Nos últimos días seguen confirmándose positivos en residencias que non rexistraran casos, como en Nogueira de Ramuín, Riós ou Baralla.

Desde o comezo da crise, a Xunta notificou que 174 das persoas falecidas por coronavirus en Galicia (un 44,5% de todas as mortes) son residentes destas instalacións. 92 deles morreron nas residencias e 82 en hospitais e residencias integradas.

A Xunta informou tamén do número de probas PCR realizadas ata o momento: 50.396. Este é un dos métodos de detección da doenza, ademais das probas rápidas, que se están a usar en Galicia. Cómpre aclarar que o número total de probas PCR non se corresponde co de persoas analizadas mediante esta técnica, xa que algunhas delas son estudadas en dúas ou máis ocasións.

Crecemento da epidemia

Segundo o informe do Centro Nacional de Epidemioloxía, a taxa de crecemento da epidemia (é dicir, o incremento porcentual de casos novos nas últimas dúas semanas) de Galicia é do -9,4%, un dos menores de España, onde a media xeral é do -5,4%. Só en Ceuta, Melilla e Canarias os casos novos están baixando a maior velocidade que en Galicia, como se pode ver nesta táboa.

 

Esta é a situación actual en España:

Lixeiro descenso do número de mortos: 523 en España en 24 horas

 

En Portugal:

E no mundo:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Praga de moscas en 21 concellos galegos: as causas dunha invasión que vén para quedar

As variacións bruscas de temperatura e o cambio climático son factores que inflúen na multiplicación dos insectos

Unha viaxe ao pasado de Galicia: 4.000 anos de historia nun mapa interactivo

Chronas é unha ferramenta web con máis de 50 millóns de puntos de datos que abranguen dende o 2000 a. C.

Médicos galegos diagnostican un raro caso de apendicite esquerda

É unha patoloxía pouco frecuente que tan só se dá en 1 de cada 500 nacementos e débese a unha malformación intestinal

Galicia rexistra máis de 100 raios en apenas 24 horas

A maior concentración de descargas eléctricas durante o 1 de maio produciuse en Vilagarcía de Arousa, sobre todo na franxa do mediodía