Foi unha das primeiras grandes esperanzas ao comezo da pandemia. Ante a falta de vacina e outros medicamentos que funcionaran fronte á infección causada polo SARS-CoV-2, o mundo mirou cara a cloroquina (e un dos seus derivados, a hidroxicloroquina). Trátase dun antipalúdico moi usado no pasado contra a malaria, aínda que agora se atopaba en desuso para estas aplicacións. As recomendacións dalgunhas autoridades, como o presidente de Estados Unidos, Donald Trump, provocaron avalanchas nas farmacias daquel país, e en España, a Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios tamén tivo que tomar medidas para controlar a súa distribución. Desde marzo, estanse a levar a cabo numerosos ensaios clínicos no mundo para comprobar a eficacia deste composto. E agora, o maior estudo publicado ao respecto supón un importante golpe para as expectativas xeradas arredor del: os pacientes tratados con estes medicamentos teñen un maior risco de morte debido a unha maior presenza de problemas cardíacos que poden complicar a evolución da Covid-19.
O traballo, publicado na revista The Lancet, conclúe que o tratamento da cloroquina e a hidroxicloroquina (que ás veces se combinan cos antibióticos azitromicina ou claritromicina) non ofrece beneficios engadidos aos pacientes. O autor principal, Mandeep Mehra, expón que “é o primeiro estudo a gran escala que atopa probas estatísticamente sólidas” de que os dous fármacos “non beneficia aos enfermos de Covid-19”, alén da meirande posibilidade de que xurdan as complicacións cardíacas, en concreto arritmias ventriculares.
NEW Research—No evidence of benefit for #chloroquine and #hydroxychloroquine in #COVID19 patients, urgent randomised trials are needed: finding from a large observational study of nearly 15,000 patients with #COVID19 & 81,000 controls https://t.co/P4YbYVhRDZ
Thread (1/4) pic.twitter.com/dxo120ngy9
— The Lancet (@TheLancet) May 22, 2020
A análise recolleu os tratamentos realizados a máis de 96.000 pacientes ingresados en 671 hospitais de seis continentes, con datos recollidos desde o 20 de decembro ata o 14 de abril. Despois de introducir as variables de control precisas, como se adoita facer, para evitar erros de interpretación dos datos, constatouse a menor supervivencia dos pacientes que recibían cloroquina. Lembran os autores desta revisión que o seu uso fora recomendado no tratamento da Covid-19 en base a estudos previos, de pequeno tamaño e que carecían da suficiente evidencia de ensaios controlados aleatorios. Ante os resultados obtidos, os autores deste novo estudo expoñen que “existe unha necesidade urxente da avaliar a evidencia no ‘mundo real’ relacionada cos resultados da hidroxicloroquina ou a cloroquina”.
A revisión publicada a pasada semana supón un paso máis nas dúbidas sobre estes fármacos, que xa foran postos en cuestións para o tratamento da Covid-19 por institucións como a Axencia Europa do Medicamento polos seus efectos secundarios, recomendando que se limitara o seu uso para os ensaios clínicos ou excepcións debidamente xustificadas.
Referencia: Hydroxychloroquine or chloroquine with or without a macrolide for treatment of COVID-19: a multinational registry analysis (Publicado en The Lancet).