Emerxencia internacional polo virus mpox: cantos casos hai e como afectará a Galicia?

Saúde pública acudiu hoxe a unha a unha reunión co Goberno central co obxectivo de avaliar o risco ante a nova alarma sanitaria, mentras que a cifra de contaxios pola varíola símica permanece na comunidade en seis casos

O pasado martes a Organización Mundial da Saúde (OMS) declarou a emerxencia internacional por mpox ante o incremento de casos desta varíola símica no continente africano e fóra das súas fronteiras. Despois de rexistrar 15.000 casos e ata 461 falecementos a causa da enfermidade no que vai de ano, as autoridades africanas declararon a emerxencia de saúde pública. España é o país europeo con máis casos de mpox, cun total de 8.104 positivos dente o ano 2022, dos cales 264 corresponden a este 2024.

En Galicia, segundo os datos da Consellería de Sanidade, o número de contaxios por mpox permanece este ano na cifra de seis persoas. Este martes o Ministerio de Sanidade reuniu na Ponencia de alertas aos representantes de todas as comunidades autónomas co obxectivo de decidir que medidas empregar para o control e prevención da situación sanitaria no país.

Publicidade

Unha probabilidade baixa de contaxio

“A detección e rápida propagación dun novo clado (variante) de mpox no este da República Democrática do Congo, a súa detección en países veciños que non o reportaran con anterioridade e o potencial dunha maior propagación dentro de África e máis aló é preocupante”, declarou o director xeral da organización, Tedros Ghebreyesus.

A rápida expansión cara países como Paquistán ou Suecia dunha variante ata o de agora só presente no Congo foi o que fixo saltar a alarma e, de feito, os organismos europeos para o control e a prevención de enfermidades infecciosas xa agardan unha suba de pacientes infectados no continente. Aínda así, subliñan, a probabilidade de transmisión do virus en Europa é moi baixa “sempre e cando os casos importados sexan diagnosticados rapidamente e se implementen as medidas de control pertinentes”.

Publicidade

Que implica a declaración de emerxencia internacional e como vai afectar a Galicia? Hai algunha posibilidade de vivir unha pandemia como a que foi ocasionada polo SARS-CoV-2?

Unha enfermidade endémica en África

A varíola símica (Monkeypox para a poboación anglosaxoa) é unha enfermidade infecciosa causada polo virus mpox, pertencente á familia da varíola humana Poxviridae e detectada por primeira vez nun laboratorio danés na década dos anos 60.

O virus ten unha presenza endémica en África, e a sintomatoloxía da enfermidade é moi similar á varíola: febre, dor muscular, malestar xeral, calafríos e erupcións que causan feridas na pel. Ademais, o mpox inclúe a inchazón dos ganglios linfáticos.

Existen dous liñaxes filoxenéticos principais do virus, un establecido na cunca do Congo (Clado I) e outro na rexión occidental do continente africano (Clado II). O primeiro, que inicialmente só estaba presente en África central, é moito máis agresivo, segundo informa a OMS. No último ano, comezaron a intensificarse os casos de persoas contaxiadas por Clado Ib, unha nova versión do Clado I que presenta unha sintomatoloxía máis grave e, segundo semella, ten unha maior facilidade para o contaxio.

Os nenos serían máis vulnerables a esta variante do Clado I e, de feito, na República Democrática do Congo e os países adxacentes moitos dos casos de falecementos a causa da infección corresponden a menores de 15 anos.

2022 e 2024, dúas emerxencias distintas

Dous anos denantes, Tedros Ghebreyesus anunciaba nunha rolda de prensa a declaración dunha emerxencia de saúde pública de importancia internacional polo incremento de casos de mpox fóra das fronteiras africanas. O gromo, causado polo Clado II ou variante occidental, afectou a un gran número de países de Europa e América como Inglaterra, Portugal, os EEUU e Canadá, onde o virus non é endémico. En Galicia, no ano 2022 producíronse 122 contaxios desta variante xenética. Finalmente, a OMS declaraba o fin da emerxencia o 10 de maio de 2023, aínda que a situación de tranquilidade non duraría moito.

Un ano despois, a comunidade internacional pon de novo o foco no virus mpox a causa da taxa de mortalidade do 10 % para as infeccións ocasionadas polo Clado I, moi elevada en comparación ao 1 % da variante xenética que se estendeu no 2022.

Obxectivo: evitar a pandemia

Nun artigo de The Conversation, a catedrática e experta en bioseguridade global da Universidade de Sydney Raina MacIntyre analiza a recente emerxencia ocasionada polo Clado I e explica: “Esta decisión desencadea agora unha resposta internacional coordinada ante un acontecemento extraordinario e a mobilización de recursos, como vacinas e probas de diagnose, para frear a propagación desta enfermidade infecciosa”. Aínda así, conta, a OMS non declarou ao mpox como pandemia: “Máis ben, as medidas postas en marcha están deseñadas para evitar que se converta nunha“. Para conseguir este obxectivo é fundamental controlar a situación do actual gromo de Clado Ib dentro de África, achegando recursos para diagnosticar, tratar e curar.

Para Carmen Elena Gómez, investigadora do Centro Nacional de Biotecnoloxía (CNB-CSIC) e experta nos virus da familia Poxviridae, a finalidade desta nova emerxencia é a prevención e a precaución: “Non estamos ante a mesma situación que hai catro anos, cando o SARS-CoV-2 apareceu sen previo aviso. Levamos moito tempo estudando o virus da varíola símica, coñecemos como actuar e hai vacinas e tratamentos para frear os síntomas”.

Segundo as declaracións recollidas polo Science Media Center de España de Jacob Lorenzo-Morales, director do Instituto Universitario de Enfermidades Tropicais e Saúde Pública de Canarias, as medidas propostas polo Goberno central son as adecuadas para o noso territorio: dispoñemos dun sistema de saúde sólido e dunha capacidade para diagnosticar e tratar aos pacientes. “É certo que en África non está ocorrendo o mesmo, xa que non teñen os medios adecuados nin vacinas suficientes. Quizais non estaría mal que a UE mirara fóra das dúas fronteiras e apoie ao continente africano”. Para Lorenzo-Morales, o que toca é manter unha vixilancia constante ante a cepa do Clado I, “que adoita comportarse dun xeito máis virulento”.

A varíola do mono en Galicia

Na reunión co Goberno Central, os representantes da comunidade galega trasladaron a necesidade de intensificar a información sobre esta enfermidade (características, síntomas, países con gromos, etc) nos lugares que reciban viaxeiros das zonas afectadas por esta variante: “O obxectivo do Executivo galego é que o viaxeiro dispoña de toda a información para que, en caso de aparición de síntomas característicos como poden ser as lesións na pel, saiban que facer e onde acudir”. Na reunión, os representantes de Saúde Pública de Galicia tamén solicitaron información sobre as doses de vacinas contra a varíola das que dispón o Ministerio de Sanidade e como adquirilas dun xeito inmediato.

Segundo os datos do Ministerio, España dispón na actualidade de 500.000 vacinas para a varíola. Cada vial pode administrar ata cinco doses por vía intraepidérmica, o cal ascende a cifra de vacinas a dous millóns de doses. Polo de agora, a decisión tomada é non vacinar a toda a poboación nin realizar controis fronteirizos.

Outro dos acordos da reunión é recomendar ás persoas que teñan previsto viaxar a algún dos países afectados polo gromo acudir aos Centros de Vacinación Internacional para valorar a posible indicación da vacina “segundo as características clínicas individuais e o tipo de viaxe”, segundo explicaron nun comunicado. Na reunión, Valencia e outras comunidades autónomas acordaron ampliar os puntos de vacinación dentro das áreas metropolitanas. No caso da comunidade galega, plantexouse a posibilidade de tomar medidas de prevención nos aeroportos e nos medios públicos de transporte.

A varíola humana, erradicada

En Galicia vacináronse ata 1.420 persoas fronte a varíola, 549 cunha dose e 871 coa pauta completa. A intención máis inmediata do Executivo galego, din, é captar aos pacientes que só recibiron unha dose e administrarlles a segunda.

Para Gómez, o principal inconveniente fronte esta nova alerta sanitaria é que a meirande parte de poboación xa non está vacinada: “A varíola humana erradicouse no planeta hai máis de 40 anos, de xeito que a partires dos anos 80 a xente deixou de vacinarse porque xa non era necesario”. É por iso que a infección podería ser máis preocupante en determinadas persoas, xa que o sistema inmune non está preparado para combatela. Aínda así, Gómez non considera que sexa necesario iniciar unha vacinación masiva senón que o máis lóxico, di, “é vacinar ás persoas cun maior risco por patoloxías previas, idade ou exposición á contorna sanitaria”.

Unha menor capacidade para mutar que o SARS-CoV-2

É comprensible amosar preocupación ante o aumento de casos de mpox a nivel mundial. No 2019, unha situación similar puxo ao planeta enteiro nunha especie de standby. Aínda así, o virus da varíola é completamente diferente ao coronavirus, comezando pola súa estrutura: “Os virus da familia Poxviridae como o Monkeypox están formados por cadeas dobres de ADN, mentras que o SARS-CoV-2 é un virus ARN”, explica Gómez. O xenoma deste virus é moitíismo máis longo, e a súa taxa de mutacións moito máis baixa que a dos virus de ARN, o cal reduce a probabilidade de que se produzan novas cepas ou variantes máis virulentas.

Outra das diferenzas radica no método de contaxio. Aínda que os Clados de varíola símica poden propagarse a través de materiais contaminados ou mediante as vías respiratorias, é moito máis complicado que ocorra. O contacto íntimo, é dicir, a transimisión sexual, ou o contacto directo coa pel infectada e as lesións son as maneiras máis doadas de que o virus penetre no noso organismo. Segundo os centros de control de enfermidades, as persoas infectadas por mpox son contaxiosas ata o momento no que a erupcións curan por completo e fórmase unha nova capa de pel. As pústulas poden manterse na pel durante dúas ata catro semanas.

Unha enfermidade desatendida máis

Malia que a enfermidade é coñecida dende hai décadas ata o de agora só existía no continente africano, co cal non está amplamante estudada, e moito menos atendida. De feito, descoñécese cales son os seres vivos que actúan como o vector transmisor nos humanos, aínda que os pequenos roedores serían, segundo os últimos estudos, os mamíferos máis susceptibles de facelo. Tampouco existe unha vacina específica para o mpox, senón que a que se emprega é a da varíola humana. Recentemente, un estudo publicado en Nature analizaba a efectividade do antiviral Tecovirimat, indicado para os casos de varíola símica: resultou ser igual de efectivo que o placebo. A clave para enfrontar esta nova emerxencia sanitaria é clara: Europa ten que deixar de mirar o seu propio embigo se quere previr e non tratar.

A colaboración con África, unha necesidade

En declaracións ao SMC España, o portavoz da Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica Javier Membrillo de Novales aposta pola vixilancia da situación en África: “Temos que monitorizar estreitamente a situación actual na República Democrática do Congo e noutros países africanos para comprender o alto número de contaxios non vencellados ás relacións sexuais e a súa posible relación con mutacións no virus que poderían modificar a súa capacidade para ser transmitido por gotas”. O mesmo opina Mar Faraco, secretaria da Asociación de Médicos de Sanidade Exterior: “Os nosos esforzos deben centrarse en colaborar e mellorar o acceso a medidas de control (vixilancia, diagnose, prevención xeral e vacinación) ao nivel do gromo en África, sen esquecer manter ―e actualizar― o que xa existe na nosa contorna europea”.

O certo é que o estrago das contornas salvaxes e a deforestación reducen cada vez máis a distancia entre a natureza e os humanos. Isto, sumado a un maior tráfico e movemento a causa da globalización, conforma un auténtico cóctel para un mundo no que os avisos e as alarmas sanitarias deixaron de ser noticia hai tempo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX

Galicia está entre as zonas cun maior declive de polinizadores de Europa

Entre os anos 1921 e 2020, na rexión atlántica diminuíu un 42% a ocupación das especies de abellas e nun 32% a dos sírfidos