Desde sempre o ser humano progresou poñendo a proba os seus límites: cruzando os mares que parecían insuperables, subindo as montañas máis altas, simplemente porque están aí, ou percorrendo grandes distancias para chegar a lugares nunca coñecidos. A propia carreira do maratón afunde as súas raíces na Grecia clásica, coa lenda da carreira do soldado Filípides.
Porén, hai unha proba, de orixe máis recente, que mestura as diferentes habilidades humanas nunha soa disciplina; o tríatlon, no que Galicia conta con referentes como Javier Gómez Noya, Iván Raña ou Uxío Abuín, reúne a natación, o atletismo e o ciclismo, tres dos deportes que, nas súas variantes máis duras, xa levan ao límite as capacidades físicas e biolóxicas do corpo humano.
Historia do tríatlon
Hai quen atribúe a orixe do tríatlon a unha proba celebrada en 1975 en California, que acabaría dando pé ao célebre Ironman que todos os anos acolle o arquipélago de Hawai. Porén, o deporte naceu moito antes, nos anos 20, nunha vila ao sur de París.
Na localidade de Joinville-le Pont celebrouse naquel tempo a proba Les trois sports, na que os participantes debían percorrer tres quilómetros a pé, 12 en bicicleta e cruzar finalmente o río Marne. Nos anos 30 houbo outras probas, como a celebrada en La Rochelle en 1934, na que a orde dos sectores xa era igual á actual: 200 metros de natación, 12 km de ciclismo e 1.200 metros de atletismo.
O seguinte elo da historia chega, xa sí, aos anos 70. En 1974, en San Diego, un grupo de entusiastas do deporte ideou unha proba que foi o pulo para todo o que veu despois. No 1978 naceu o Ironman de Hawai, a proba de referencia, unha carreira soñada por afeccionados de todo o mundo. E tamén a máis esixente: os que participan nela deben percorrer 3.800 metros a nado, 180 en bicicleta e rematar cunha maratón (42.195 metros) correndo para chegar á meta. O propio Javier Gómez Noya participou este 2018 na proba, na que acabou undécimo.
Porén, hai máis variantes da proba, dependendo da súa distancia e conseguinte dureza. As principais aparecen nesta táboa, aínda que hai outras distancias e modalidades adaptadas ás categorías inferiores, e especialidades, como o 3-9-3 (chamada así polas distancias de cada segmento) populares en países como Nova Zelanda ou Australia.
Nome | Natación | Ciclismo | Atletismo |
---|---|---|---|
Super esprint | 375 metros | 10 quilómetros | 2,5 quilómetros |
Esprint | 500-750 metros | 20 quilómetros | 5 quilómetros |
Olímpica | 1.500 metros | 40 quilómetros | 10 quilómetros |
Medio ironman | 1.900 metros | 90 quilómetros | 21,097 quilómetros |
Longa distancia | 3.800-4.000 metros | 120 quilómetros | 30 quilómetros |
Ironman | 3.800 metros | 180 quilómetros | 42,195 quilómetros |
O pulo que o tríatlon acadou grazas ao Ironman de Hawai chegou pronto a Europa, e desde comezos dos anos 80 comezaron a xurdir probas no continente. En 1989 creouse a Federación International de Tríatlon, e en 2000, por primeira vez, o tríatlon foi deporte olímpico, nos xogos de Sydney, en Australia. Alí estaba un galego, Iván Raña, un dos pioneiros da disciplina en España, que acabou 5º aquela proba.
O “atleta total”
Os referentes do triatlón, como Gómez Noya, adoitan ser coñecidos co alcume de “atletas totais”, xa que deben reunir no seu corpo as aptitudes físicas e biolóxicas precisas para superar disciplinas moi distintas. Un tren superior potente, para poder percorrer grandes distancias na natación, pero tamén unhas extremidades inferiores adaptadas a dar pedais durante varias horas e a funcionar tamén, como expertos corredores. Do mesmo xeito, a capacidade pulmonar debe ser extraordinaria, para poder nutrir de sangue e, por tanto, osíxeno aos músculos.
En poucos meses, Galicia acollerá un evento mundial que reunirá aos maiores atletas mundiais de varias disciplinas deste deporte. Entre o 27 de abril e o 4 de maio de 2019, Pontevedra será a sede dos Campionatos do Mundo de Tríatlon Multisport Pontevedra 2019, que une os campionatos do mundo de duatlón (atletismo e ciclismo), acuatlón (natación e atletismo), Triatlón Cross e triatlón de longa distancia.
As probas mundiais comezarán o día 27, co certame de Duatlón Estándar; o 28 co campionato de Duatlón Sprint, o 30, co Triatlón Cross, o 2 co Aquatlón, e o 4 co Triatlón de Longa Distancia.