O programa de ACIS permite formar aos profesionais sanitarios para situacións reais. Foto: Anxo Iglesias.

Bonecos que ensinan a mellorar a atención ao paciente

O emprego das técnicas de simulación na medicina pública galega está a converterse nunha poderosa ferramenta para que sistema autonómico de saúde conte cada vez con profesionais máis formados e que van a poder mellorar a atención que prestan aos pacientes. O 30 por cento (1.400 persoas) dos profesionais de Atención Primaria de Galicia xa recibiron formación neste campo e o obxectivo é acadar cen por cen no ano 2020.

O prezo do boneco pode chegar a 60.000 euros. Foto: A. Iglesias.

A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) está a desenvolver un programa que aposta por levar á formación aos propios centros de saúde nos que traballan os profesionais e por incluír as horas de formación dentro da propia xornada laboral, como se fai nos países mais avanzados neste terreo. A Xerente de ACIS, Beatriz Allegue, sinala que este formato ademais de ser moi efectivo é moi valorado polos profesionais.

Aínda que o obxectivo é que o persoal sanitario non teña que desprazarse para recibir a formación, ACIS tamén conta cun centro propio para impartir as ensinanzas mediante simulación na súa sede de Santiago e existen outros tres en A Coruña, Lugo e Vigo. Hai unhas semanas abriuse en Santiago o curso para a primeira promoción de instrutores en simulación para profesorado da Universidade de Santiago (USC) que permitirá estender a formación aos novos profesionais que se forman na Facultade de Medicina.

Antonio Rodríguez, pediatra e profesor na USC, leva xa unha década traballando no campo da ensinanza mediante simulación e apunta que entre as vantaxes que presenta esta metodoloxía se atopan a de ofrecer unha maior seguridade aos pacientes, respectar os seus dereitos e mellorar os resultados fronte a outros tipos de formación.

“Ao principio ninguén sabía moi ben o que era isto e a expansión foise facendo boca a boca. Comezouse formando a médicos, enfermeiros e outros técnicos sanitarios e agora se está a formar a instrutores . Se trata de persoas que xa son profesores pero que aínda non empregaban a simulación e agora van a utilizala cos seus alumnos na universidade”, explica Rodríguez.

As técnicas de simulación ofrecen mais seguridade aos pacientes e melloran os resultados fronte a outros tipos de formación

Todos os profesionais de Atención Primaria, dende médicos a enfermeiros e técnicos, reciben este tipo de formación que é moi ben acollida polos que a receben, xa que poden comprobar que é unha fórmula ideal para adquirir novos coñecementos e que estes repercutan na atención que teñen que prestar aos pacientes. “Se está a facer un seguimento dos resultados que ofrece este tipo de formación xa que o obxectivo final e que aos pacientes lles vaia mellor, se non se consegue habería que redeseñar o programa”, conclúe Rodríguez.

Aínda que os primeiros beneficiarios do programa están a ser os profesionais dos centros de saúde, o obxectivo é amplialo para que tamén chegue ao persoal dos PAC, UCIs, anestesioloxía, obstetricia e outras especialidades do SERGAS, segundo apunta Luis Sánchez, pediatra e médico do 061 que tamén colabora neste programa de formación.

“Hai dez anos, cando se comezaba, estas técnicas semellaban unha cousa de tolos e agora son os propios profesionais os que as ven como algo imprescindible. Ademais, eles mesmos din que por primeira vez se lle da protagonismo ao profesional”, sinala Sánchez.

Rodríguez explica que é posible que no futuro as probas que se lles fan aos MIR acaben incorporando dalgún xeito as técnicas de simulación, xa que así poderían corrixirse disfuncionalidades como que un MIR de primeiro ano non poda dar un alta en urxencias, xa que non ten a experiencia necesaria.

Os bonecos que se utilizan nas simulacións foron construídos cunha tecnoloxía punteira que os leva a reaccionar dun xeito moi semellante ás persoas. Hai bonecos de distintos prezos e os máis sofisticados poden chegar a custar máis de 60.000 euros. En todo caso o importante é que reúnan as  características básicas para poder ensinar ben aos profesionais que van a atender despois aos pacientes.

A simulación mellora a futuro tratamento aos pacientes. Foto: Anxo Iglesias.

No centro con que ACIS conta na súa sede central poden atoparse dous simuladores avanzados (un de paciente adulto e outro de bebé) e, ademais, hai diversos dispositivos cos que se poden facer prácticas de atención en urxencias entre os que atopamos:

  • Fibrobroncoscopios de última xeración.
  • Respiradores de transporte, alta frecuencia oscilatoria e modalidades de ventilación non invasora.
  • Manequíns de adestramento de vías venosas centrais.
  • Manequíns de adestramento de punción lumbar.
  • Manequíns de adestramento de toracocentese.
  • Material necesario para o adestramento avanzado na asistencia ao politraumatismo.
  • Cabezas de intubación.
  • Dispositivos para a videolaringoscopia.
  • Módulos de avaliación da calidade das compresións torácicas.

Deste xeito, os profesionais poden ter acceso ao mellor material para axudarlles a desenvolver o seu traballo nas mellores condicións posibles e con todas as garantías para. A extensión da ensinanza das técnicas de simulación no sistema público de saúde e na universidade van a contribuír, sen dúbida,  á mellora da atención ao paciente nos próximos anos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.