Debemos dar 10.000 pasos ao día? A cantidade non é o único que importa

Dous novos estudos internacionais avalan que a velocidade e o ritmo ao que se camiñe teñen máis impacto positivo na saúde

Dous estudos avalan que máis que a cantidade, importa o ritmo ao que camiñamos.
Dous estudos avalan que máis que a cantidade, importa o ritmo ao que camiñamos.

Os reloxos intelixentes, incluso os móbiles, van marcando cada un dos pasos que damos. A cifra que todo o mundo pretende acadar é a de 10.000 diarios, mais o consenso científico non é tan claro. Agora, dous estudos internacionais veñen a demostrar que non é tan importante a cantidade. A velocidade e o ritmo co que camiñamos tamén é clave para mellorar a nosa saúde. De feito, nas súas investigacións participaron 80.000 persoas e xa se consideran os estudos máis grandes feitos ata a data neste eido. Os resultados revelaron que canto máis rápido se camiñe, máis beneficios conseguimos.

Segundo explican dende ScienceAlert, hai pouca evidencia científica arredor dos 10.000 pasos diarios. Ao parecer, foi na década dos 60 cando unha empresa xaponesa que vendía contadores de pasos escolleu a cifra de forma arbitraria como estratexia de mercado. Nos últimos anos, diversas investigacións trataron de dilucidar se ese obxectivo ten algunha base científica ou tan só é unha crenza popular. Hai estudos que xa demostraron que despois dos 6.000 pasos diarios non hai beneficios adicionais. Porén, outros científicos aseguran que canta máis cantidade, mellor.

Non existe consenso científico sobre a cantidade diaria de pasos que se deben dar

Fronte a esta falta de consenso, entra unha nova variable: a velocidade. Dous novos estudos levados a cabo en Reino Unido mostraron probas sólidas de que o ritmo ao camiñar é o máis importante. Aqueles que camiñaban regularmente a un ritmo máis rápido ou con maior intensidade en momentos do día mostraron un menor risco de aparición de demencia, así como un menor risco de mortalidad por todas as causas, en comparación cos que camiñaban máis despacio.

“Contar os pasos é fácil de entender e o público úsao amplamente para rastrexar os niveis de actividade grazas á crecente popularidade dos contadores de actividade física e as aplicacións. Porén, non é habitual que a xente pense no ritmo dos seus pasos”, explica o fisiólogo Emmanuel Stamatakis, da Universidade de Sydney. “Os achados destes estudos poderían mostrar as primeiras pautas formais de actividade física baseada en pasos e axudar a desenvolver programas efectivos de saúde pública destinados a previr enfermidades crónicas”, engade o investigador.

Máis investigación

Máis en detalle, os estudos realizáronse durante dous anos. Cada un deles contou coa participación de persoas adultas de entre 40 e 79 anos de idade, pero un deles centrouse no cancro e as enfermidades cardiovasculares e o outro na demencia. Sete anos despois, as cohortes foron revisadas de novo. De todas formas, os dous estudos son observacionais, o que significa que non se poden facer afirmacións rotundas sobre a causa-efecto. Aínda así, son as primeiras investigacións, e con maior número de participantes, que poñen en relación a velocidade á hora de camiñar cos beneficios na saúde.

Outro dos aspectos que salientan os investigadores é que non parece haber unha cantidade mínima de pasos que unha persoa debe dar ou un ritmo mínimo que se deba establecer para obter os beneficios. Por cada 2.000 pasos, os autores atoparon un menor risco de morte prematura, chegando ata o 11%. No que respecta ao estudo centrado na demencia, a dose diaria óptima situouse en 9.800 pasos. Nese limiar o risco de demencia parece reducirse á metade. De todos xeitos, os investigadores instan a realizar máis estudos que corroboren os seus resultados.


Referencia:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.