O outono comeza ás 3.40 horas deste venres cunha forte caída das temperaturas

A chegada da nova estación trae un cambio de tempo significativo a Galicia, con valores máis baixos dos esperados para esta época do ano

O outono comeza este venres 23 de setembro durante a madrugada.
O outono comezar este venres 23 de setembro durante a madrugada.

O verán chega á súa fin para darlle a benvida ao outono. A nova estación dará comezo este venres 23 de setembro ás 3.40 horas. Despois dunha semana de altas temperaturas, con puntos de Galicia acadando os 30 graos, o outono trae un significativo cambio de tempo. Segundo explican dende Meteogalicia, a partir deste venres perderase a influencia anticiclónica e chegará unha fronte “pouco activa” polo noroeste. Por tanto, espéranse chuvias intermitentes no terzo norte e un descenso das temperaturas, sobre todo en zonas do interior. O sábado 24 de setembro, continuarán descendendo, acadando valores baixos para esta época do ano.

O domingo as temperaturas tamén se manterán sen cambios significativos. A partir dese día, segundo indican dende Meteogalicia, o país quedará na influencia de ventos de compoñente norte, que deixarán máis nubes e “alta probabilidade de chuvascos” no terzo norte. De novo, as temperaturas serán baixas para a época do ano, contrastando cos altos valores que se veñen rexistrando nos últimos días. No que respecta á probabilidade de chuvia, esta irá aumentando conforme avance a semana. Ata onde chega o prognóstico, o xoves 29 de setembro é o día no que se prevén máis chuvias, cun 80% de probabilidade.

Os fenómenos astronómicos

Máis alá da previsión cara aos próximos días, ou incluso do tempo esperable para o outono, a estación que entra traerá un feixe de fenómenos astronómicos que convén non perder de vista. O outono, que se prolongará ata o 21 de decembro ás 21.48 horas, agasallaranos con chuvias de estrelas, visibilidade de planetas e, incluso, unha eclipse parcial de sol. No que respecta ao primeiro fenómeno, o responsable do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo, pon en valor as Xemínidas, unha das chuvias de estrelas máis importantes do ano. Terá o seu máximo o 14 de decembro e agárdase que se poidan observar ata 150 meteoros/hora na noite dese día. Outras choivas de estrelas, como as Dracónidas e Oriónidas de outubro ou as Leónidas de novembro presentarán moita menor intensidade.

A chuvia de estrelas das Xemínidas permitirá observar 150 meteoros/hora

Por outra banda, Xúpiter e Saturno, que agora poden observarse a simple vista cara ao sueste a primeiras horas da noite, vanse poder observar durante todas as noites desta nova estación. Como especifica José Ángel Docobo, a Lúa estará aparentemente preto de ditos planetas nuns días en cada un dos vindeiros meses e, ao igual que o ano pasado, producirase unha curiosa aliñación de Xúpiter, Saturno e Venus, logo do solpor, a finais do outono. Venus seguirá como luceiro do alba, pasando a verse no solpor en novembro e decembro.

En relación ás eclipses o responsable do Observatorio sinala unha parcial de Sol de moi baixa magnitude o 25 de outubro observable no nordeste peninsular pero que en Galicia pasará inadvertido excepto na parte mais oriental na que vai ter unha presenza residual.

Balance do verán

No que respecta ao balance do verán polo Observatorio, as choivas da primeira quincena de setembro corrixiron en parte o déficit hídrico dos meses anteriores. No cómputo total do verán rexistráronse sobre Santiago un total de 196,2  litros/m2, “que logo da forte seca sufrida converteuse globalmente nun verán bastante normal dende o punto de vista pluviométrico, pero con choivas concentradas ao final da estación” explica Docobo. Segundo o investigador, “houbo veráns moito mais secos no presente século, como o de 2016 e sobre todo o de 2010″. Tampouco o bimestre xullo-agosto bateu récords de seca. Este período de meses fora especialmente seco nos anos 1981 e 1969.

Aínda así, dende o Observatorio universitario destacan as cifras que dan conta da seca experimentada a estas alturas do ano, con tan só 670 litros/m2 de precipitacións rexistrados na capital de Galicia a falta de pouco máis de tres meses para rematar o ano, cando media anual é de 1.800 l/m2.

Polo que atinxe ás temperaturas, o verán que remata deixa 19 días con máximas superiores aos trinta graos na comarca compostelá, destacando a calor abafante dos días 12 (39,2º) e 14 (39,4º) de xullo. Tamén as mínimas, sen bater récord, foron especialmente severas neses mesmos días ao non baixar dos 23 graos. Como explica o profesor Docobo, a media das temperaturas máximas de xullo con 28,7 graos “é unha marca histórica, estando moi preto tamén a de agosto con 27,5 graos”. Porén a temperatura máxima absoluta segue a ser a de 20 de xullo de 1990 con 40,3 graos, seguida dos 39,7 graos do 12 de agosto de 2003.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.