Ata hai poucas semanas, o mantemento dalgunhas das restricións para conter a pandemia da Covid-19 e a caída continua da transmisión do coronavirus ocultaban, en certa medida, a fenda que xa se estaba abrindo por idades: a incidencia era notablemente menor nos grupos de persoas maiores de 70 anos -nos que practicamente se completou bastantes semanas atrás a inmunización- ca no conxunto da poboación. Aínda que as vacinas non son sinónimo de cortar a transmisión do virus (algunhas persoas vacinadas poden infectar a outras, aínda que non desenvolvan formas graves da enfermidade), parece cada vez máis claro que o feito de reducir a replicación do SARS-CoV-2 nos organismos xa protexidos estaba a contribuír a que apenas se rexistren casos nos grupos de maior idade. Pero desde comezos de xuño, a tendencia está a mudar notablemente, e as diferenzas xeracionais estanse exacerbando. En Galicia, segundo os datos difundidos este martes polo Ministerio de Sanidad, a incidencia acumulada nos menores de 30 anos practicamente multiplica por 10 a dos maiores de 60.
Este martes, o Goberno español difundiu por primeira vez na súa actualización diaria a incidencia acumulada nos grupos etarios nos que se está a compartimentar a poboación segundo a estratexia de vacinación contra a Covid-19. Aínda que as cifras non deixan de ser unha correlación (mais cunha evidente causalidade que xa apuntan algunhas análises preliminares), destacou a gran diferenza por idades que se observa no caso de Galicia, que actualmente é a segunda comunidade autónoma con menor incidencia acumulada a 7 e 14 días despois de Castilla-La Mancha. Mentres que no conxunto da poboación a incidencia é de 54,52 casos/100.000 habitantes a 14 días, as diferenzas por idade son notables.

Ata a primeira semana de xuño, a tendencia de todas as franxas de idade era descendente, pero xa había unha maior incidencia na mocidade. Desde entón, a fenda abriuse: mentres que no grupo de maiores de 50 a transmisión continou baixando ata quedar por baixo dos 30 casos/100.000 habitantes nesta semana, a curva comezou a medrar nos menores de 40 anos, onde a cobertura vacinal segue sendo mínima.
Así, o aumento dos casos nos grupos máis novos causou unha leve repunta na incidencia global. Pero o incremento é significativo na franxa de 12 a 19 anos, cuxa incidencia case se duplicou, pasando de 75 a 150 en só dúas semanas. Na última semana o aumento é tamén súbito no grupo de 20 a 29 anos, cunha taxa que se elevou máis de 20 puntos en apenas sete días.
Este grupo é, precisamente, o que menor cobertura de vacinación ten ata o momento. Máis do 90% deste rango de idade non recibiu ningunha dose da vacina. No colectivo con maior incidencia neste momento (12-19 anos), a inmunización é mínima: só 300 persoas teñen a pauta completa e 411 recibiran canto menos unha dose ata este xoves, o que supón un 0,2% de todos os mozos e mozas censados en Galicia. Ademais, habería que agardar bastantes semanas antes de que a vacinación chegue a cubrir a meirande parte da mocidade: nesta semana comezarán as chamadas masivas para as persoas menores de 40 anos, pero é probable que ata finais de agosto, como pouco, non se acade unha protección importante nos menores de 30.
Transmisión oculta
A preocupación nas autoridades sanitarias é crecente, principalmente pola maior mobilidade e interaccións da xente nova e as dificultades que xa se están observando no rastrexo. Despois de máis de 15 meses de pandemia, e ás portas dun verán que se achega un pouco máis á 'normalidade' previa a marzo de 2020, parte da mocidade desexa desfrutar o mellor posible da época estival. Como xa se viu con motivo do recente surto xurdido a partir de viaxes ás Illas Baleares, esta transmisión pode descontrolarse e empezar a notarse na atención primaria e mesmo hospitalaria.
Do mesmo xeito, a maior proporción de casos asintomáticos entre xente nova pode ser un indicador de transmisión oculta do SARS-CoV-2. O observado no brote vinculado ás viaxes estudantís xa deixa entrever esta posibilidade: máis da metade das persoas que participaron nun cribado realizado en Lavacolla (49 de 90) nun voo procedente de Mallorca deron positivo nas probas diagnósticas, segundo informou este mércores a Consellería de Sanidade. Os casos asociados ás viaxes ás illas superan xa os 150 en Galicia.
Estas situacións poderían, por tanto, incrementar as restricións nalgunha área de Galicia, como xa acontecerá a partir do venres en Pontevedra, zona co maior número de casos vinculados ao brote das Baleares. A capital provincial, Poio, Cambados, Vilaboa ou Vilanova de Arousa quedarán en nivel medio, xunto a Castroverde, Cambre e Oia. E Carnota e Sarria, con importantes brotes tamén en xente nova, estarán no nivel alto.